Notas de prensa

Fefa Noia, directora e dramaturga compostelá, nova responsable do Centro Dramático Galego (CDG)

A directora e dramaturga compostelá María José Noya Ansede, conocida como Fefa Noia, será a nova responsable do Centro Dramático Galego. Ocupará o posto de coordinadora do departamento de Produción Teatral da Agadic, desde o que tamén planificará a actividade do Salón Teatro de Compostela.

O Consello Reitor da Axencia Galega das Industrias Culturais (Agadic) acordou a contratación da compostelá Fefa Noia (María José Noya Ansede) para a cobertura do posto de coordinación do departamento de produción Teatral, que inclúe, entre outras funcións, a de dirixir o Centro Dramático Galego.

Con este acordo, publicado no Diario Oficial de Galicia (DOG), ponse fin ao procedemento público iniciado no pasado mes de xullo e desenvolvido con total transparencia e publicidade en cada unha das súas fases. A candidatura de Fefa Noia foi a que obtivo maior puntuación na suma das tres fases do proceso, que incluíron unha valoración dos méritos achegados, dun proxecto artístico e dunha entrevista persoal.

Entre as tarefas asignadas a este posto de persoal directivo están as de exercer a dirección artística do Centro Dramático Galego (CDG); dirixir, coordinar e planificar a actividade do Salón Teatro; decidir o plan de programación anual e seleccionar e contratar as compañías artísticas e/ou produtoras encargadas de cada espectáculo, así como dos artistas que se requiran para cada proxecto.

Deberá, tamén, impulsar acordos de cooperación e colaboración con outros centros análogos e cantas institucións públicas e privadas poidan contribuír á consecución dos fins do CDG, exercer a representación ordinaria da entidade e desenvolver todas as demais funcións que lle sexan encomendadas pola Dirección da Agadic.

Formación e experiencia

Fefa Noia naceu en Santiago de Compostela. É licenciada en Filoloxía Alemana (Universidade de Santiago de Compostela) e en Ciencia Teatral (Ludwig-Maximilian-Universität Munich LMU). Ampliou a súa formación no Teatro de La Abadía, en Madrid, no que formou parte do equipo de dirección artística durante máis de dez anos. Foi becaria da Fundación Pedro Barrié de la Maza, da Real Academia de España en Roma e da Comisión Fulbright (MA en Drama pola San Francisco State University de California).

Na actualidade, traballa como autora, dramaturga e directora. Como directora colaborou co Centro Dramático Galego, co Centro Dramático Nacional, coa Compañía Nacional de Teatro Clásico e co Teatro de La Abadía, onde exerceu como axudante de José Luis Gómez, Àlex Rigola, Georges Lavaudant, Dan Jemmett, Carles Alfaro ou Andrés Lima, entre outros.

Algunhas das súas postas en escena son ‘Andorra’ e ‘O coloquio dos cans’ (Corral de Alcalá/Abadía); ‘O amor namorado’ (La Caimana) ou ‘S.P.Q.R. Si vis pacem para bellum’ (RAER). Para o Centro Dramático Galego dirixiu en 2013 ‘Días sen Gloria’, de Roberto Vidal Bolaño, espectáculo central do ano da celebración do Día das Letras Galegas dedicado ao autor compostelán.

Coa súa propia compañía, Los lunes, dirixiu ’Wild Wild Wilde’, de José Ramón Fernández; ‘Cordas’, de Bárbara Colio; ‘Axuda’, de Maria Goos, (pola que recibiu o primeiro premio do Certame de Directoras de Torrejón de Ardoz 2015); e ‘País’, un texto escrito e dirixido por ela no que reflicte a realidade dos españois que se ven obrigados a abandonar hoxe o seu país en busca de oportunidades laborais, e que foi estreado o presente ano nas Naves do Teatro Español.

Gabinete de Comunicación da Xunta de Galicia, 2015-12-21

Actualidad

Foto del resto de noticias (proxecto-xenoma-galicia.jpg) O proxecto Xenoma Galicia, que conta cun investimento de 20 millóns de euros, ten por obxecto recompilar o ADN de 400.000 galegos para identificar os xenes relacionados co cancro de mama e ovario hereditario, a síndrome de Lynch e a hipercolesterolemia familiar. Ata o de agora, foron analizadas 3.112 mostras biolóxicas. En concreto, 1.037 mostras de sangue na primeira pilotaxe do proxecto, 796 de saliva no segundo piloto e, coa primeira fase do proxecto en marcha, 1.279 mostras dos voluntarios dos primeiros distritos participantes. A análise das mostras destes 1.279 participantes da fase 1 permitiu detectar 25 novos casos positivos. En concreto, 14 participantes deron positivo en cancro de mama e ovario hereditario, dous na síndrome de Lynch e nove en hipercolesterolemia familiar.
Foto de la tercera plana (womex-2026.jpg) A Pedreira e Fillas de Cassandra estarán presentes no Womex 2026, o máis importante encontro mundial das músicas folk e de raíz que se celebra ata este domingo en Las Palmas de Gran Canaria. Trátase dunha iniciativa que ofrece aos artistas e ás empresas galegas un espazo para dar a coñecer o seu traballo ante programadores, festivais, axencias de contratación e outros profesionais de diferentes países. A artista foi escollida por un xurado internacional independente para formar parte dos Official Showcases, a selección oficial de concertos coa que Womex achega aos profesionais propostas das músicas do mundo.

Notas

A Universidade de Vigo acollerá os días 4, 5 e 6 de novembro a 5th European School on Environmental Applications of Advanced Oxidation Processes (5thEPS-AOPs), un encontro científico internacional que reunirá expertos, persoal investigador, estudantes de doutoramento e representantes do sector empresarial para abordar os últimos avances en tecnoloxías de descontaminación ambiental e tratamento sostible da auga.
A UDC pon en marcha InPacto, unha iniciativa que busca achegar a investigación de excelencia á cidadanía e fortalecer a conexión entre universidade, empresa e sociedade. Este programa reúne por primeira vez nun proxecto común ao persoal investigador Ramón y Cajal (R&C) da UDC para desenvolver unha programación de actividades de divulgación, transferencia de coñecemento e participación social.
PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
HOMENAXES EGERIA
PUBLICACIONES