
O CEIP A Rúa, de Cangas de Morrazo, e o IES Plurilingüe Fontem Albei, da Fonsagrada, acadaron dous dos catro premios Alfabetización Audiovisual do curso 2014-2015, que concede para toda España o Ministerio de Educación, Cultura e Deporte.
A resolución destes galardóns, que foi publicada no Boletín Oficial do Estado, recoñece deste xeito os traballos titulados Un viaje en el tiempo, e A Fonsa... Acción!, que inclúen películas documentais realizadas polos alumnos de ambos os dous centros no marco de Cine en curso, un programa pedagóxico sobre cinema promovido polo Centro Galego de Artes da Imaxe (CGAI) no marco do Plan Proxecta da Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria.
Estes premios outórganse cada ano para recoñecer os intereses educativos e culturais dos proxectos presentados, a súa contribución ao coñecemento e difusión da cinematografía española, a formación e captación de novos públicos, o desenvolvemento de estratexias de traballo en rede entre distintos centros ou a promoción de boas prácticas en materia de propiedade intelectual, entre outros valores.
Aspectos destacados
Así, no caso de Un viaje en el tiempo do CEIP A Rúa de Cangas de Morrazo, que obtivo o premio da categoría de Educación Primaria, o xurado destacou a forma de promover a alfabetización e desenvolver o pensamento crítico, así como a profunda vinculación coa tradición cultural local que presenta, ademais de facer constar que se trata dun proxecto moi sólido na súa configuración. O centro cangués obtén ademais este premio por segundo ano consecutivo.
O filme incluído neste traballo é Deixando atrás, no que se narran os recordos da emigración que partiu de Cangas cara a América, baseándose en fotografías, cartas e voces que transmiten as emocións das despedidas, da separación e da viaxe.
No apartado de Ensino Secundario, resultaron distinguidos os proxectos A Fonsa... Acción!, do IES Plurilingüe Fontem Albei da Fonsagrada, e Sopa de imágenes, presentado este último polo instituto Sons Pacs de Palma de Mallorca.
Da obra asinada polos estudantes galegos, o tribunal valorou especialmente o espírito innovador do traballo, no que se utiliza o cine tanto como arte como vehículo para a creación da cultura, así como a súa capacidade para explorar o potencial da pedagoxía na creación, segundo versa a disposición do Ministerio. O documental O camiño do tempo, que se integra neste proxecto, é un percorrido pola Fonsagrada e as súas proximidades, no que se retratan lugares, xentes e traballos cotiáns para transmitir o contraste de sensacións que se crea entre a nostalxia e a soidade dalgúns lugares e persoas e a actividade e compañía doutros.
O cuarto dos materiais premiados, correspondente á categoría de Bacharelato, foi o titulado Vives animando, do Centro Luis Vives de Valencia.
Cine a través do cine
Cine en curso é un programa pedagóxico sobre cinema e a través do cinema, no que os alumnos e alumnas descobren a sétima arte co visionado e reflexión sobre películas de todas as épocas e culturas, ao tempo que desenvolve obradoiros para a escrita dun guión, rodaxe e montaxe dunha curtametraxe documental propia. Para este proceso cóntase coa axuda dos docentes e con titorías a cargo de realizadores, guionistas, directores de fotografía e montadores profesionais.
A súa metodoloxía baséase en enlazar os valores cinematográficos cos pedagóxicos a través da observación e da apreciación da contorna próxima e dun rigoroso traballo persoal e en común levado a cabo polo participantes, moi diverso tanto polo abano de idade que abrangue como polos contextos xeográfico, socioeconómico e cultural nos que se integran.
O proxecto Xenoma Galicia, que conta cun investimento de 20 millóns de euros, ten por obxecto recompilar o ADN de 400.000 galegos para identificar os xenes relacionados co cancro de mama e ovario hereditario, a síndrome de Lynch e a hipercolesterolemia familiar. Ata o de agora, foron analizadas 3.112 mostras biolóxicas. En concreto, 1.037 mostras de sangue na primeira pilotaxe do proxecto, 796 de saliva no segundo piloto e, coa primeira fase do proxecto en marcha, 1.279 mostras dos voluntarios dos primeiros distritos participantes. A análise das mostras destes 1.279 participantes da fase 1 permitiu detectar 25 novos casos positivos. En concreto, 14 participantes deron positivo en cancro de mama e ovario hereditario, dous na síndrome de Lynch e nove en hipercolesterolemia familiar.
A Pedreira e Fillas de Cassandra estarán presentes no Womex 2026, o máis importante encontro mundial das músicas folk e de raíz que se celebra ata este domingo en Las Palmas de Gran Canaria. Trátase dunha iniciativa que ofrece aos artistas e ás empresas galegas un espazo para dar a coñecer o seu traballo ante programadores, festivais, axencias de contratación e outros profesionais de diferentes países. A artista foi escollida por un xurado internacional independente para formar parte dos Official Showcases, a selección oficial de concertos coa que Womex achega aos profesionais propostas das músicas do mundo.