Notas de prensa

Os ovos campeiros da empresa lucense Granja Campomayor contan xa co selo de garantía de Galicia Calidade

A directora xeral de Comercio, Sol Vázquez, fixo hoxe entrega en Palas de Rei do distintivo, que certifica xa máis de 300 produtos de 53 empresas. Na actualidade 4 empresas galegas do sector do ovo están avaladas por este distintivo de calidade da Xunta.

A directora xeral de Comercio, Sol Vázquez, acompañada polo xerente de Galicia Calidade, Alfonso Cabaleiro, fixo entrega en Palas de Rei do certificado de uso da marca de garantía Galicia Calidade, dependente da Consellería de Economía, Emprego e Industria, á empresa lucense Granja Campomayor.

Con este recoñecemento, os ovos campeiros desta compañía poderán incluír na súa etiquetaxe este distintivo de calidade da Xunta. Coa incorporación desta nova compañía Galicia Calidade conta na actualidade con ovos certificados de catro empresas galegas: Coren, Pazo de Vilane, Avícola Tratante e agora Granja Campomayor. O certificado de uso, con validez para os vindeiros tres anos, permitirá á empresa lucense incluír o distintivo ademais de nas etiquetaxes, nas diferentes accións de promoción que estimen oportuno.

Granja Campomayor é unha empresa afincada en Palas de Rei (Lugo) dedicada á produción e comercialización de ovos para consumo e os seus derivados. Naceu en 1940 nunha antiga casa de labranza con 300 galiñas, e hoxe é unha das produtoras de ovos máis importantes de España.

En 2012 iniciou a produción de ovo campeiro coa integración de 5 naves que aloxan 120.000 galiñas campeiras. Na granxa tamén colabora con granxeiros para a produción de ovo ecolóxico e ovos de codorniz. Ao día, saen das instalacións de Campomayor arredor de 600.000 ovos, chegando a 14 millóns de ducias ao ano. A empresa vén de poñer ademais en marcha unha planta de pasteurización de ovo, que lle permite producir 100.000 kg ao mes deste produto.

Granxa Campomayor é recoñecida pola súa alta calidade no produto, froito dunha filosofía de traballo desenvolta desde hai máis de setenta anos: esforzo, calidade e coidar o benestar dos animais a súa alimentación, estando na actualidade na cuarta xeración á fronte da empresa.

A Consellería de Economía, Emprego e Industria ten en marcha a Estratexia de Reforzo de Galicia Calidade, unha marca recoñecida e valorada polos consumidores que conta con máis de 300 produtos certificados, de 53 empresas diferentes, cunha forte presenza do sector alimentario.

Gabinete de Comunicación da Xunta de Galicia, 2015-12-15

Actualidad

Foto del resto de noticias (veran.jpg) O avance do último informe climatolóxico elaborado por MeteoGalicia indica que a Comunidade rexistrou un mes de outubro cálido e moi seco. Foi un período anómalo, xa que as altas presións foron moito máis frecuentes do que cabería agardar nesta época. De feito, só chegaron tres frontes desde o Atlántico que, ademais, tiveron pouca actividade. Neste contexto, as temperaturas estiveron por riba dos valores climatolóxicos e as precipitacións acumuladas foron moi inferiores ao que cabería agardar. Máis polo miúdo, a media das temperaturas foi superior ao habitual neste mes, sobre todo no caso das máximas, debido ao predominio de situacións anticiclónicas que achegaban aire cálido desde o sur. De feito, destacan os altos rexistros acadados entre os días 9 e 15.
Foto de la tercera plana (vacinacion-2026-01.jpg) A Xunta de Galicia puxo en marcha a campaña de inmunización fronte á gripe e a COVID, que este ano incorpora como principais novidades a extensión da vacina antigripal de alta carga ás persoas de 65 a 69 anos e a ampliación do proxecto piloto de vacinación nos colexios a 75 centros educativos. O inicio oficial tivo lugar nun acto nas residencias de maiores e centros de discapacidade, o colectivo polo que arranca tradicionalmente a campaña debido á vulnerabilidade deste grupo fronte ás infeccións respiratorias.

Notas

O 7 de novembro a ciencia sairá ao encontro da cidadanía coa primeira edición de 'Abastos de Ciencia', unha iniciativa da UDC que terá lugar no Mercado de San Agustín e combinará divulgación e experimentación a través de obradoiros participativos, mesas redondas e propostas gastronómicas e culturais. A iniciativa, enmarcada no proxecto InPacto, permitirá coñecer o traballo investigador que se realiza en diferentes centros, facultades e grupos.
O grupo de investigación da USC De la Edad Media al Siglo de Quevedo, desenvolve en Santiago o Congreso Internacional 'De interpretatione: la traducción en los siglos XVI y XVII'. O obxectivo do encontro, os días 5 e 6 na Facultade de Filoloxía, consiste en presentar os resultados de investigacións arredor da tradución durante os séculos XVI e XVII, pero tamén reflexionar sobre posibles liñas de traballo para o futuro.
PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
HOMENAXES EGERIA
PUBLICACIONES