Notas de prensa

A Asociación de actores e actrices de Galicia celebra o seu 30º aniversario cunha web e un catálogo profesional renovados

Na nova web de AAAG, que foi presentada diante de responsables de Agadic, inclúese un portal específico dos Premios de Teatro María Casares, cunha ampla base de datos e unha ferramenta de votación en liña que se empregará na próxima convocatoria destes galardóns.

A Asociación de Actores e Actrices de Galicia (AAAG) acaba de renovar a súa páxina web e o seu catálogo en liña coincidindo co seu trixésimo aniversario, efeméride que celebra tamén coa creación dunha ampla base de datos dos Premios de Teatro María Casares e dunha ferramenta de votación en liña que se empregará na próxima convocatoria destes galardóns.

Estas novidades foron presentadas hoxe nunha rolda de prensa na que ademais do presidente da AAAG, Vicente Mohedano, participaron o director da Axencia Galega das Industrias Culturais (Agadic), Jacobo Sutil, e a delegada en Galicia da Fundación AISGE, Isabel Blanco, en representación de dúas das entidades que colaboraron coa asociación na posta en marcha deste portal web renovado no enderezo www.aaag.gal.

Jacobo Sutil felicitou os responsables deste proxecto, a través do que tanto o sector como a cidadanía en xeral teñen acceso directo ao máis relevante da actividade promovida pola Asociación de Actores e Actrices de Galicia, así como á compilación de nomes, datos, eventos e premios que foron conformando ano a ano a realidade da profesión actoral galega.

Historia da profesión actoral en Galicia

En palabras do director da Agadic, “cunha simple ollada, este novo portal dixital lévanos a tomar consciencia da celebración dun feito relevante para a cultura do país, como é que o colectivo que aglutina os principais intérpretes galegos, tanto no eido escénico como no audiovisual, cumpra 30 anos de actividade continuada”.

Neste sentido, incidiu no relevante papel que desempeñan os principais colectivos que configuran na actualidade o mapa asociativo das industrias culturais galegas. Tamén o presidente da AAAG fixo fincapé neste “traballo necesario” da asociación “en prol da dignificación de toda unha profesión, afondando na defensa dos dereitos laborais, na formación dos actores e actrices e tamén na visibilización do noso teatro, creando os Premios María Casares”.

Para celebrar este trixésimo aniversario, o novo portal recupera a historia da Asociación de Actores e Actrices de Galicia a través de diferentes materiais audiovisuais, como os vídeos nos que algúns dos fundadores do colectivo (Mabel Rivera, Ernesto Chao, Gonzalo Uriarte, Luma Gomez e Rosa Ãlvarez) reviven ante a cámara o momento da súa creación, o nacemento do Centro Dramático Galego, a negociación do convenio colectivo ou o traballo realizado no ámbito da formación.

A AAAG renovou, ademais, o catálogo en liña dos seus asociados e asociadas, que vén mantendo desde 1990, primeiro en versión en papel e a partir de 2008, en versión dixital. O obxectivo é poñer a disposición dos profesionais do sector e mais do público xeral unha ferramenta actualizada, máis doada de compartir e máis axeitada para a visibilización dos actores e actrices, que poderán editar o seu propio espazo no catálogo, sen intermediación e máis rapidamente.

Premios María Casares

Nesta nova versión da web inclúese, así mesmo, un portal específico dos Premios de Teatro María Casares que, desde a súa creación en 1997, conforman o gran escaparate da escena e unha celebración para todos os profesionais. Neste espazo, atópase unha ampla base de datos relativos aos galardóns, na que se recolle información de gran parte dos espectáculos presentados, as biografías dos profesionais recoñecidos co Premio de Honra Marisa Soto ou os manifestos galegos do Día Mundial do Teatro.

A través deste mesmo portal, disporase por vez primeira dunha ferramenta de votación en liña, de xeito que na próxima edición dos premios todo o sistema de votación desenvolverase a través da rede. O obxectivo é facilitarlle o proceso tanto á organización como ao censo de votantes, integrado por preto de 500 persoas, entre socios, gañadores e finalistas de todas as edicións, críticos, programadores e persoeiros destacables do mundo teatral.

Nota de prensa remitida por AAAG:

A Asociación de Actores e Actrices de Galicia (AAAG) celebra neste 2015 o seu trixésimo aniversario e aproveita a efeméride para renovar o seu portal web, crear unha base de datos dos Premios María Casares e repasar a súa historia, que non é outra que “a historia do asociacionismo no sector teatral e audiovisual”. Lembrouno así Vicente Mohedano, presidente da AAAG, nunha rolda de prensa celebrada esta mañá no Salón Teatro e na compaña de Jacobo Sutil, director da Agadic, e Isabel Blanco, delegada en Galicia da Fundación AISGE.

Este aniversario representa para a AAAG a oportunidade para realizar un percorrido pola súa historia dende a súa fundación en Compostela en 1985 até os nosos días, un período de trinta anos no que a Asociación impulsou a profesionalización dos nosos actores e actrices tanto no terreo teatral coma no ámbito audiovisual. “En todos estes anos, a AAAG desenvolveu un traballo necesario en prol da dignificación de toda unha profesión, afondando na defensa dos dereitos laborais, na formación dos actores e actrices e tamén na visibilización do noso teatro creando os Premios María Casares, que o próximo ano chegarán xa a súa vixésima edición”, explicou Mohedano, quen engadiu que na nova páxina web da AAAG se inclúen diferentes contidos para recuperar a historia da Asociación, como distintos vídeos co testemuño dalgúns dos fundadores do colectivo. Así, Mabel Rivera, Ernesto Chao, Gonzalo Uriarte, Luma Gómez ou Rosa Ãlvarez reviven ante a cámara a creación da AAAG, o nacemento do Centro Dramático Galego ou a negociación do convenio colectivo do teatro.
Estes materiais recóllense nun novo portal -anovado co apoio da Agadic, a Deputación da Coruña e Aisge- que se suma ao dominio .gal e que se adapta a todo tipo de dispositivos, facilita a navegación e que actualiza a interface dunha ferramenta que, como lembrou Mohedano, resulta “imprescindible como xanela ao mundo para comunicar a actividade da AAAG tanto aos socios coma á sociedade”. O proxecto de coordinación da web estivo coordinada por Marta Horjales e Alberto Blanco, mentres que A Navalla Suíza se encargou de materializala.

Premios María Casares

A páxina web da AAAG inclúe nesta nova versión un portal específico dos Premios de Teatro María Casares que, dende a súa creación en 1997, conforman o gran escaparate da escena e unha celebración para todos os profesionais. Neste espazo específico atoparase unha ampla base de datos dos Premios, no que se recolle información de gran parte dos espectáculos presentados aos galardóns, as biografías dos galardoados co Premio de Honra Marisa Soto ou os Manifestos Galegos no Día Mundial do Teatro. Ademais, no portal dos María Casares inclúese por vez primeira unha ferramenta de votación en liña, de xeito que na próxima edición -a vixésima dos galardóns- todo o proceso de votación desenvolverase a través da rede. Facilitarase deste xeito o proceso, tanto para a organización coma para o censo de votantes, conformado por preto de 500 persoas entre socios e socias, gañadores e nomeados de todas as edicións, críticos, programadores e persoeiros destacables do mundo teatral.

O catálogo

A AAAG renova tamén o Catálogo en liña dos actores e actrices. Esta ferramenta, que impulsou a Asociación dende 1990 na súa versión en papel, deu o salto á rede en 2008. Ese ano, a AAAG creaba o primeiro catálogo de intérpretes en liña de todo o estado para o que contou co apoio imprescindible da Fundación AISGE, entidade coa que a AAAG mantén unha longa e estreita colaboración. Agora, sete anos despois, a AAAG achega unha ferramenta actualizada, máis fácil de compartir e máis axeitada para a visibilización do traballo duns actores e dunhas actrices que poderán editar o seu propio espazo no catálogo, sen intermediación e permitindo unha rápida actualización dos seus datos profesionais.

Con todas estas novidades, a Asociación de Actores e Actrices de Galicia continúa a desenvolver o seu traballo de difusión e visibilización dos seu corpo asociativo neste ano que se celebra o seu trixésimo aniversario e no que o colectivo repasa a súa traxectoria, mais tamén mira cara ao futuro dunha asociación que aglutina a preto de 300 profesionais.

Fotografía: AAAG

Gabinete de Comunicación da Xunta de Galicia + Alberto Ramos (AAAG), 2015-12-14

Actualidad

Foto del resto de noticias (libros-biblioteca.jpg) Ferrol é a primeira das 13 citas co libro e a lectura que terán os galegos e galegas en diferentes vilas e cidades das catro provincias. Tras esta cidade, recollerá o relevo Santiago de Compostela, do 2 ao 10 de maio; Lugo, do 13 ao 17 de maio; O Porriño, do 14 ao 17 de maio; Redondela, do 11 ao 14 de xuño, e Ourense, do 17 ao 20 de xuño. Xa no mes de xullo, Vigo abrirá o día 1, prolongándose ata o día 7, continuando en Ponteareas, desde o día 9 ata o 12, e en Rianxo do 23 ao 26. Finalmente, en agosto, as Feiras do Libro viaxarán ata A Coruña, do 1 día ata o 10; Viveiro, do día 13 ao 19; Foz do 20 ao 23, e rematarán en Monforte de Lemos, onde se celebrará do día 26 ao 29 de agosto.
Foto de la tercera plana (libros.jpg) O número de persoas en Galicia que le ocasional ou habitualmente na nosa lingua medra en case nove puntos ata acadar o 72 %, isto é, sete de cada dez galegos. Ademais deste incremento do 13 por cento na lectura ocasional ou habitualmente en galego con respecto ao ano anterior, o estudo de 2025 tamén revela a consolidación dunha Galicia lectora, reflectida no sindicadores que sinalan que o 96,5 % da poboación maior de 14 anos le en calquera medio e soporte, o que sitúa a nosa Comunidade nun 1,4% por enriba da media de España. Ademais, o 70 % destas lecturas son de libros.

Notas

Un espazo de encontro entre academia, arte e sociedade. Arrancou no edificio Redeiras da UVigo o congreso internacional 'Escrituras potenciais: o ordinario e o infraordinario', unha cita coorganizada entre as universidades de Vigo e Sorbonne Nouvelle polos especialistas Hermes Salceda e Alain Schaffner, figuras claves no estudo da narrativa contemporánea francesa e, máis concretamente, da obra de Raymond Roussel, toda unha referencia nas chamadas literaturas potenciais.
O Centro Interdisciplinar de Química e Bioloxía (CICA) da Universidade da Coruña acolleu a inauguración da exposición 'A Miraxe Dixital'. A mostra é o resultado do traballo e da convivencia da artista británica Louise Ward Morris en colaboración co persoal investigador do centro, tras seis meses de traballo pola residencia artística concedida a través do Ministerio de Cultura.
PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
HOMENAXES EGERIA
PUBLICACIONES