
O novo circo preséntase na carteleira de decembro do Salón Teatro de Santiago da man da compañía galega Pistacatro e do seu espectáculo Desperta!, que poderá verse o venres 11 e o sábado 12, ás 20.30 horas, no escenario da Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria. A montaxe, da que onte e hoxe se ofreceron pases matinais para escolares, chega a Compostela como última parada dunha xira de outono durante a que tamén se representou en Outes, Cee, Burela, Lalín e Vilalba.
Circo, humor e a música en directo composta por Fran Pérez Narf mestúranse nesta proposta dirixida por Natalia Outeiro Pajarito e interpretada por Ariñe Azkue, Aitor Garuz, Manuel Lago e Óscar Páez. En Desperta!, a técnica ponse ao servizo das emocións para afondar na identidade individual e naqueles aspectos que nos igualan e nos diferencian. Os catro intérpretes achégannos unha historia cotiá persoas correntes nun universo fantástico para nos propoñer unha pregunta: Realmente espertamos ou somos a continuación dos nosos soños?
Desperta! é unha das últimas montaxes asinadas por Pistacatro, colectivo dedicado á creación, produción e distribución de espectáculos de novo circo e cabaré. Actores de teatro, músicos, malabaristas, acróbatas e clowns conforman este heterodoxo grupo, con base de operacións en Ames.
Venda de entradas
As entradas para as funcións desta fin de semana no Salón Teatro poderán adquirirse no despacho de billetes, que estará aberto ao público desde dúas horas antes do comezo de cada representación.
A programación continuará a semana que vén coa compañía BocAberta e A tropa trapalleira, unha proposta para todos os públicos a partir dos 6 anos de idade que poderá verse do 15 ao 20 de decembro en pases escolares e funcións xerais. Roi Méndez, Carla Capeáns e Beatriz Méndez poñen en escena este catálogo de trapalladas bélicas que, a través do humor, invoca a tolerancia e a solución pacífica dos conflitos.
A compañía Traspediante será a encargada de pechar 2015 no Salón Teatro con Up2Down, que representará o mércores 30 ás 18.00 horas. A compañía de Paula Quintas e Marta Alonso conta, ademais, coa colaboración de Pistacatro para este espectáculo de circo-danza, xestualidade e poesía visual. Dúas bailarinas protagonizan esta historia sobre dous cables de funambulismo e baixo a dirección dun pallaso, Arturo Cobas Lemas.
O proxecto Xenoma Galicia, que conta cun investimento de 20 millóns de euros, ten por obxecto recompilar o ADN de 400.000 galegos para identificar os xenes relacionados co cancro de mama e ovario hereditario, a síndrome de Lynch e a hipercolesterolemia familiar. Ata o de agora, foron analizadas 3.112 mostras biolóxicas. En concreto, 1.037 mostras de sangue na primeira pilotaxe do proxecto, 796 de saliva no segundo piloto e, coa primeira fase do proxecto en marcha, 1.279 mostras dos voluntarios dos primeiros distritos participantes. A análise das mostras destes 1.279 participantes da fase 1 permitiu detectar 25 novos casos positivos. En concreto, 14 participantes deron positivo en cancro de mama e ovario hereditario, dous na síndrome de Lynch e nove en hipercolesterolemia familiar.
A Pedreira e Fillas de Cassandra estarán presentes no Womex 2026, o máis importante encontro mundial das músicas folk e de raíz que se celebra ata este domingo en Las Palmas de Gran Canaria. Trátase dunha iniciativa que ofrece aos artistas e ás empresas galegas un espazo para dar a coñecer o seu traballo ante programadores, festivais, axencias de contratación e outros profesionais de diferentes países. A artista foi escollida por un xurado internacional independente para formar parte dos Official Showcases, a selección oficial de concertos coa que Womex achega aos profesionais propostas das músicas do mundo.