Notas de prensa

A proxección de El desconocido abre en Pontevedra o V Augal

A Master Class do Audiovisual Galego desenvólvese ata o 5 de abril na Facultade de Ciencias Sociais e da Comunicación. Ao longo de sete sesións amosaranse producións galegas de distintos formatos coa asistencia dos seus creadores ou protagonistas no Foro Augal.

A proxección do filme ‘El desconocido’, da produtora Vaca Films, abrirá o martes 15 de decembro a quinta edición de AUGAL, a Master Class do Audiovisual Galego, que se desenvolverá na Facultade de Ciencias Sociais e da Comunicación do Campus A Xunqueira de Pontevedra ata abril de 2016.

A Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria, a través da Axencia Galega das Industrias Culturais (Agadic), e a Universidade de Vigo colaboran nesta iniciativa que impulsa a formación complementaria no ámbito audiovisual mediante a difusión da produción cinematográfica galega actual da man dos seus protagonistas. AUGAL responde, ademais, á demanda do propio sector de contribuír á visibilidade dos seus produtos e de dar a coñecer os seus creadores ao público.

Baixo a coordinación dos profesores Anna Amorós e Miguel Anxo Fernández, as sete sesións previstas, nas que se inclúen longametraxes, curtas, webseries ou formatos publicitarios, están destinadas con prioridade aos alumnos de Comunicación Audiovisual, para os que está xa dispoñible a inscrición, aínda que, como en anteriores edicións, a elas pode asistir tamén o público en xeral.

A presentación detallada dos contidos desta nova Master Class do Audiovisual Galego tivo lugar hoxe nun acto celebrado na Casa das Campás de Pontevedra, no que interviñeron o director da Agadic, Jacobo Sutil; a vicedecana de Ciencias Sociais e da Comunicación, Beatriz Legerén e mais o crítico cinematográfico Miguel Anxo Fernández, codirector do curso.

Dez títulos galegos

AUGAL 2015-2016 dará comezo o próximo martes día 3 cunha xornada centrada na película ‘El desconocido’, un dos últimos éxitos do audiovisual galego presente na actualidade nas carteleiras comerciais. O filme protagonizada por Luis Tosar e Goya Toledo, entre outros, será comentado polo seu director, Dani de la Torre, e por Emma Lustres, da produtora Vaca Films.

Despois desta primeira cita, AUGAL continuará o 15 de febreiro de 2016 coa xornada ‘Viaxe pola publicidade para TVG’, que será conducida polo director e produtor Jorge Algora, de Adivina Producións. Seguirá o 23 de febreiro a proxección do documental ‘Os días afogados’, coa presenza de César Souto e Luis Avilés (directores e guionistas) e Iván Patiño (produtor); e o 1 de marzo verase ‘El arca de Noé’, fita que será presentada por David Valero (director e guionista) e por Sergio Frade (produtor).

Para o 8 de marzo está preparada unha sesión especial dedicada a curtametraxes e webseries, na que se ofrecerán os títulos ‘Estereoscopia’, de Xacio Baño; ‘Serendipia’, de Jonatan Toucedo; e ‘Nacer en septiembre’, de Anxos Fazáns; así como ‘Vento ferido’, a serie online asinada por Miguel Grandío sobre o libro homónimo de relatos de Carlos Casares, que foi creada como resultado da última edición do Curso de Medios Audiovisuais de Celanova (CeMAC).

O 15 de marzo será a quenda da longametraxe ‘Lobos sucios’, a ópera prima de Simón Casal producida por Agallas Films, que acaba de presentarse no Festival de Cine Internacional de Ourense (OUFF).

Ademais, como actividade complementaria, os profesores de Fotografía Jorge Lens e Carlos Soutelo realizarán retratos artísticos a todos os profesionais participantes co obxectivo de compoñer unha futura exposición.

AUGAL 2015-2016 pecharase o 5 de abril coa segunda edición do seu foro profesional, dedicado nesta ocasión ao subsector da animación. Será o produtor, director e guionista Ángel de la Cruz o encargado de conducir esta última cita, previa á entrega de diplomas, coa conferencia titulada ‘Como facer unha película de animación? Pasado, presente e futuro da animación en Galicia’.

A inscrición en AUGAL, que é gratuíta, está xa dispoñible a través dos webs www.agadic.gal e www.csc.uvigo.es.

Gabinete de Comunicación da Xunta de Galicia, 2015-12-09

Actualidad

Foto del resto de noticias (proxecto-xenoma-galicia.jpg) O proxecto Xenoma Galicia, que conta cun investimento de 20 millóns de euros, ten por obxecto recompilar o ADN de 400.000 galegos para identificar os xenes relacionados co cancro de mama e ovario hereditario, a síndrome de Lynch e a hipercolesterolemia familiar. Ata o de agora, foron analizadas 3.112 mostras biolóxicas. En concreto, 1.037 mostras de sangue na primeira pilotaxe do proxecto, 796 de saliva no segundo piloto e, coa primeira fase do proxecto en marcha, 1.279 mostras dos voluntarios dos primeiros distritos participantes. A análise das mostras destes 1.279 participantes da fase 1 permitiu detectar 25 novos casos positivos. En concreto, 14 participantes deron positivo en cancro de mama e ovario hereditario, dous na síndrome de Lynch e nove en hipercolesterolemia familiar.
Foto de la tercera plana (womex-2026.jpg) A Pedreira e Fillas de Cassandra estarán presentes no Womex 2026, o máis importante encontro mundial das músicas folk e de raíz que se celebra ata este domingo en Las Palmas de Gran Canaria. Trátase dunha iniciativa que ofrece aos artistas e ás empresas galegas un espazo para dar a coñecer o seu traballo ante programadores, festivais, axencias de contratación e outros profesionais de diferentes países. A artista foi escollida por un xurado internacional independente para formar parte dos Official Showcases, a selección oficial de concertos coa que Womex achega aos profesionais propostas das músicas do mundo.

Notas

A Universidade de Vigo acollerá os días 4, 5 e 6 de novembro a 5th European School on Environmental Applications of Advanced Oxidation Processes (5thEPS-AOPs), un encontro científico internacional que reunirá expertos, persoal investigador, estudantes de doutoramento e representantes do sector empresarial para abordar os últimos avances en tecnoloxías de descontaminación ambiental e tratamento sostible da auga.
A UDC pon en marcha InPacto, unha iniciativa que busca achegar a investigación de excelencia á cidadanía e fortalecer a conexión entre universidade, empresa e sociedade. Este programa reúne por primeira vez nun proxecto común ao persoal investigador Ramón y Cajal (R&C) da UDC para desenvolver unha programación de actividades de divulgación, transferencia de coñecemento e participación social.
PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
HOMENAXES EGERIA
PUBLICACIONES