Notas de prensa

O programa formativo Galicia ProFilme difunde as claves da creación en videoxogos

Agadic e a Oficina MEDIA España organizaron unha nova xornada informativa, na Cidade da Cultura de Galicia coa participación de Jacobo Sutil, Peter Andermatt e Fernando Prieto. A sesión centrouse nas bases da convocatoria específica para o desenvolvemento de videoxogos e o valor do micromecenado.

O sector dos videoxogos centrou esta tarde unha sesión informativa sobre as axudas do subprograma MEDIA de Europa Creativa, organizada pola Axencia Galega das Industrias Culturais (Agadic) como parte do seu plan formativo Galicia ProFilme e en colaboración coa Oficina MEDIA España, así como do Clúster Audiovisual Galego (Clag). O encontro, que tivo lugar na Cidade da Cultura de Galicia, estivo centrado na análise das bases relativas á convocatoria específica para o desenvolvemento de videoxogos, así como nas posibilidades do micromecenado ou ‘crowdfunding’ á hora de realizar este tipo de produtos.

Contouse para tal fin con Peter Andermatt, director da Oficina MEDIA España, e con Fernando Prieto, socio de Gato Salvaje Studio, que lles foron presentados aos profesionais asistentes por Jacobo Sutil, director da Agadic.

Na súa intervención, Sutil constatou o incremento da presenza de creadores, deseñadores e desenvolvedores galegos de videoxogos, que exercen a súa profesión tanto desde a nosa Comunidade como incorporados a compañías de ámbito nacional e mesmo internacional. O director da Agadic expresou que, aínda que o sector se concentra maioritariamente en Madrid, Barcelona, Valencia, Andalucía e País Vasco, Galicia está a incrementar o seu peso nesta panorámica.

Produto cultural transversal

Subliñou, así mesmo, a potencialidade que supón o videoxogo como un produto cultural transversal que se serve do traballo audiovisual, musical, interpretativo etc., polo que o seu avance incide na dinamización do conxunto da industria cultural e dixital.

Peter Andermantt, pola súa banda, afondou nas bases legais das axudas MEDIA para o desenvolvemento de videoxogos, a través das que as compañías do sector poden optar a unha subvención máxima de 150.000 euros por proxecto. Ademais, o director da Oficina MEDIA España facilitoulles aos asistentes información práctica para a presentación dos proxectos a esta convocatoria.

Nesta nova sesión informativa MEDIA tamén se analizaron posibilidades que ofrece o micromecenado ou ‘crowdfunding’ para o desenvolvemento deste tipo de produtos. Neste sentido, Fernando Prieto explicou a súa experiencia como socio do estudio independente Gato Salvaje que, coa súa aventura gráfica ‘AR-K’, se converteu na primeira compañía galega con presenza en Steam, plataforma internacional de distribución de videoxogos con máis de 80 millóns de usuarios en todo o mundo.

Programa de formación continua

Este foi o quinto encontro do ano dentro de Galicia ProFilme, programa promovido desde 2013 pola Agadic co obxectivo de ampliar as posibilidades de formación continua dos profesionais da industria audiovisual galega. No marco desta iniciativa, en 2015 organizouse un encontro dos produtores galegos co director do Festival Internacional de Cine de San Sebastián, José Luis Rebordinos; dúas sesións sobre os novos modelos de distribución audiovisual, en colaboración co festival Curtocircuíto; e outras dúas xornadas informativas MEDIA centradas nas modalidades de axuda ‘Single Project Funding’ e de desenvolvemento de proxectos e distribución para televisión. Ademais, desde o pasado mes de xullo, a Agadic forma parte do padroado da fundación Oficina MEDIA España, dedicada á difusión das posibilidades de financiamento europeo e á captación de fondos deste subprograma de Europa Creativa para os proxectos audiovisuais españois.

Gabinete de Comunicación da Xunta de Galicia, 2015-12-02

Actualidad

Foto del resto de noticias (proxecto-xenoma-galicia.jpg) O proxecto Xenoma Galicia, que conta cun investimento de 20 millóns de euros, ten por obxecto recompilar o ADN de 400.000 galegos para identificar os xenes relacionados co cancro de mama e ovario hereditario, a síndrome de Lynch e a hipercolesterolemia familiar. Ata o de agora, foron analizadas 3.112 mostras biolóxicas. En concreto, 1.037 mostras de sangue na primeira pilotaxe do proxecto, 796 de saliva no segundo piloto e, coa primeira fase do proxecto en marcha, 1.279 mostras dos voluntarios dos primeiros distritos participantes. A análise das mostras destes 1.279 participantes da fase 1 permitiu detectar 25 novos casos positivos. En concreto, 14 participantes deron positivo en cancro de mama e ovario hereditario, dous na síndrome de Lynch e nove en hipercolesterolemia familiar.
Foto de la tercera plana (womex-2026.jpg) A Pedreira e Fillas de Cassandra estarán presentes no Womex 2026, o máis importante encontro mundial das músicas folk e de raíz que se celebra ata este domingo en Las Palmas de Gran Canaria. Trátase dunha iniciativa que ofrece aos artistas e ás empresas galegas un espazo para dar a coñecer o seu traballo ante programadores, festivais, axencias de contratación e outros profesionais de diferentes países. A artista foi escollida por un xurado internacional independente para formar parte dos Official Showcases, a selección oficial de concertos coa que Womex achega aos profesionais propostas das músicas do mundo.

Notas

A Universidade de Vigo acollerá os días 4, 5 e 6 de novembro a 5th European School on Environmental Applications of Advanced Oxidation Processes (5thEPS-AOPs), un encontro científico internacional que reunirá expertos, persoal investigador, estudantes de doutoramento e representantes do sector empresarial para abordar os últimos avances en tecnoloxías de descontaminación ambiental e tratamento sostible da auga.
A UDC pon en marcha InPacto, unha iniciativa que busca achegar a investigación de excelencia á cidadanía e fortalecer a conexión entre universidade, empresa e sociedade. Este programa reúne por primeira vez nun proxecto común ao persoal investigador Ramón y Cajal (R&C) da UDC para desenvolver unha programación de actividades de divulgación, transferencia de coñecemento e participación social.
PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
HOMENAXES EGERIA
PUBLICACIONES