
Os representantes de 27 empresas galegas dos sectores audiovisual e editorial daranse cita o domingo 6 de decembro en Pontevedra, no marco de Culturgal, para participar na última fase do programa Firma e filme. A Axencia Galega das Industrias Culturais (Agadic) da Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria organizou para esa xornada máis de 50 reunións un a un entre compañías con intereses comúns na procura de novos proxectos de adaptación audiovisual de obras literarias galegas.
Esta iniciativa, desenvolvida en colaboración coa Asociación Galega de Produtoras Independentes (Agapi) e a Asociación Galega de Editores (AGE), botou a andar o pasado mes de xuño cunha primeira convocatoria a raíz da que a Agadic recibiu 52 propostas de libros de diferentes xéneros e estilos susceptibles de seren levados ás pantallas.
A continuación, un equipo de analistas de guión integrado por Alfonso Pato, Araceli Gonda e Eduardo Blanco Galán encargouse do estudo e informe dos textos para avaliar as súas posibilidades de adaptación cinematográfica ou televisiva. A partir desta análise e tras a posta en común coas empresas audiovisuais inscritas daqueles títulos que mellor encaixan coa súa liña de traballo, a organización deseñou o programa de xuntanzas entre empresas de ambos os sectores que terá lugar o domingo, a partir das 12.00 horas, no ático do Pazo da Cultura de Pontevedra.
Catorce produtoras e trece editoriais
Asistirán a esta cita un total de 14 produtoras (Aba Filmes, Ábrago Filmes, Adivina Producións, Agallas Films, Brétema Producciones, Control Z, Esferobite, Faino Estudio, Ficción Producciones, Formato Producciones, Frida Films, Ladybug, Portocabo e Zeitun Films) e 13 editoriais (Edebé/Rodeira, Ediciones Bolanda, Edicións Positivas, Edicións Xerais, Hércules de Ediciones, Galaxia, Ir Indo, Ouvirmos, Sotelo Blanco, Tandaia, Técnicas e Gramaxe, Trymar e Urco Editora).
A Agadic promove Firma e filme co fin de poñer en valor dous importantes ámbitos creativos da cultura galega, o audiovisual e as letras, a través dun proxecto conxunto que busca impulsar unha maior presenza da literatura galega tanto na pequena como na gran pantalla. Para confirmar a súa participación no programa, as editoriais tiveron que cumprimentar unha solicitude por cada obra achegada na que indicaron o seu xénero, o grupo de público potencial e o formato proposto para a súa versión audiovisual. Pola súa banda, as produtoras rexistradas sinalaron o formato no que teñen interese, os seus xéneros preferentes e máis o grupo preferente de espectadores ao que buscan dirixirse.
O proxecto Xenoma Galicia, que conta cun investimento de 20 millóns de euros, ten por obxecto recompilar o ADN de 400.000 galegos para identificar os xenes relacionados co cancro de mama e ovario hereditario, a síndrome de Lynch e a hipercolesterolemia familiar. Ata o de agora, foron analizadas 3.112 mostras biolóxicas. En concreto, 1.037 mostras de sangue na primeira pilotaxe do proxecto, 796 de saliva no segundo piloto e, coa primeira fase do proxecto en marcha, 1.279 mostras dos voluntarios dos primeiros distritos participantes. A análise das mostras destes 1.279 participantes da fase 1 permitiu detectar 25 novos casos positivos. En concreto, 14 participantes deron positivo en cancro de mama e ovario hereditario, dous na síndrome de Lynch e nove en hipercolesterolemia familiar.
A Pedreira e Fillas de Cassandra estarán presentes no Womex 2026, o máis importante encontro mundial das músicas folk e de raíz que se celebra ata este domingo en Las Palmas de Gran Canaria. Trátase dunha iniciativa que ofrece aos artistas e ás empresas galegas un espazo para dar a coñecer o seu traballo ante programadores, festivais, axencias de contratación e outros profesionais de diferentes países. A artista foi escollida por un xurado internacional independente para formar parte dos Official Showcases, a selección oficial de concertos coa que Womex achega aos profesionais propostas das músicas do mundo.