Notas de prensa

Péchase na Coruña o ano adicado a Filgueira Valverde, homenaxeado coas Letras Galegas 2015

A cidade herculina acolle as dúas últimas sesións do ciclo ‘Filgueira Valverde na cultura galega do século XX’, promovido pola Consellería de Cultura e Educación, pola RAG, polo Consello da Cultura Galega, pola Fundación Barrié e pola Deputación de Pontevedra.

O ciclo de conferencias e mesas redondas ‘Filgueira Valverde na cultura galega do século XX’ desenvolve na Coruña as súas dúas últimas xornadas. A primeira delas foi inaugurada esta mañá na sede da Real Academia Galega (RAG) polo secretario desta entidade, Henrique Monteagudo; polo escritor Arcadio López-Casanova e polo secretario xeral de Cultura, Anxo Lorenzo, quen se referiu ao homenaxeado coas Letras Galegas 2015 como “unha figura de múltiples facetas, en cada unha das cales deixou constancia da súa calidade intelectual”.

Estas dúas xornadas, que lle dan continuidade ás xa realizadas en Pontevedra e en Santiago de Compostela –os pasados días 10, 11 e 24 de novembro–, “van servir de peche para este Ano Filgueira, cunha merecida e necesaria actualización da contribución á cultura galega deste estudoso e divulgador”, afirmou o secretario xeral.

Novas descubertas sobre Filgueira

Segundo asegurou, “Filgueira Valverde entregounos unha obra de creación de altura para a nosa construción lingüística e cultural; e fíxoo desde o traballo persoal e desde o seu labor nas institucións nas que se integrou ou dirixiu, que forman parte esencial do tecido presente”. “Nestas xornadas –engadiu– temos a oportunidade de dirixir a nosa ollada cara a el e cara á súa obra, e farémolo de mans de estudosos recoñecidos que nos descubrirán aspectos esenciais da súa figura.

O investigador e escritor Arcadio López Casanova foi o encargado de abrir as xornadas da Coruña co relatorio ‘Filgueura Valverde e o seu tempo: apuntamentos para un retrato’, nas que Xesús Ferro Ruibal, Ramón Villares, Francisco Fernández Rei, Carlos Valle e Xesús Alonso Montero, entre outros, tamén achegarán nova luz sobre o profesor pontevedrés.

A sede da Fundación Barrié na cidade herculina será mañá o escenario da xornada de clausura, a partir das 16:30 horas.

Colaboración institucional

A Consellería de Cultura e Educación a RAG, o Consello da Cultura Galega (CCG), a Fundación Barrié e a Deputación de Pontevedra colaboran para promover esta iniciativa, na que participan recoñecidos especialistas de diversas universidades e institucións. Henrique Monteagudo, pola RAG; Diego Rodríguez, pola Fundación Barrié; Carlos Valle, polo Museo de Pontevedra; e Francisco Díaz-Fierros, polo CCG, coordinaron en cadansúa sede as diversas actividades, que teñen como obxectivo contribuír ao coñecemento sobre a vida e obra do intelectual pontevedrés.

Gabinete de Comunicación da Xunta de Galicia, 2015-11-26

Actualidad

Foto del resto de noticias (proxecto-xenoma-galicia.jpg) O proxecto Xenoma Galicia, que conta cun investimento de 20 millóns de euros, ten por obxecto recompilar o ADN de 400.000 galegos para identificar os xenes relacionados co cancro de mama e ovario hereditario, a síndrome de Lynch e a hipercolesterolemia familiar. Ata o de agora, foron analizadas 3.112 mostras biolóxicas. En concreto, 1.037 mostras de sangue na primeira pilotaxe do proxecto, 796 de saliva no segundo piloto e, coa primeira fase do proxecto en marcha, 1.279 mostras dos voluntarios dos primeiros distritos participantes. A análise das mostras destes 1.279 participantes da fase 1 permitiu detectar 25 novos casos positivos. En concreto, 14 participantes deron positivo en cancro de mama e ovario hereditario, dous na síndrome de Lynch e nove en hipercolesterolemia familiar.
Foto de la tercera plana (womex-2026.jpg) A Pedreira e Fillas de Cassandra estarán presentes no Womex 2026, o máis importante encontro mundial das músicas folk e de raíz que se celebra ata este domingo en Las Palmas de Gran Canaria. Trátase dunha iniciativa que ofrece aos artistas e ás empresas galegas un espazo para dar a coñecer o seu traballo ante programadores, festivais, axencias de contratación e outros profesionais de diferentes países. A artista foi escollida por un xurado internacional independente para formar parte dos Official Showcases, a selección oficial de concertos coa que Womex achega aos profesionais propostas das músicas do mundo.

Notas

A Universidade de Vigo acollerá os días 4, 5 e 6 de novembro a 5th European School on Environmental Applications of Advanced Oxidation Processes (5thEPS-AOPs), un encontro científico internacional que reunirá expertos, persoal investigador, estudantes de doutoramento e representantes do sector empresarial para abordar os últimos avances en tecnoloxías de descontaminación ambiental e tratamento sostible da auga.
A UDC pon en marcha InPacto, unha iniciativa que busca achegar a investigación de excelencia á cidadanía e fortalecer a conexión entre universidade, empresa e sociedade. Este programa reúne por primeira vez nun proxecto común ao persoal investigador Ramón y Cajal (R&C) da UDC para desenvolver unha programación de actividades de divulgación, transferencia de coñecemento e participación social.
PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
HOMENAXES EGERIA
PUBLICACIONES