A directora xeral Gandaría, Agricultura e Industrias Agroalimentarias, Belén do Campo, asiste en Madrid á Xornada sobre custes e marxes de produción no sector vacún de leite, organizada polo Ministerio de Agricultura, Alimentación e Medio Ambiente (Magrama). Nesta xornada preséntanse distintos índices que existen actualmente para a referenciación do prezo do leite de vacún, cando as partes contratantes acorden que sexa variable.
Neste evento persoal técnico do Fondo Galego de Garantía Agraria (FOGGA) presentará a Ferramenta informática Xacobea que a Consellería do Medio Rural pon a disposición do sector lácteo de vacún. Esta ferramenta pode ser empregada polas partes asinantes dos contratos lácteos de vacún cando decidan que o prezo a pagar se calcule tendo en conta a evolución actual dos prezos dos produtos lácteos industriais (commodities) no mercado, ofrecendo a posibilidade de compensar simultaneamente en función da evolución dos custos de produción.
Todos os parámetros desta ferramenta informática Xacobea son libremente configurables, para que as partes negociadoras decidan o peso que se lle dá a cada un deles. A ferramenta proporciona, en función dos parámetros seleccionados, un índice á carta ao que referenciarse á hora de establecer un prezo do leite no contrato a asinar.
Para acceder a Xacobea hai que dirixirse á páxina web do Observatorio do sector lácteo de Galicia (OLGA) da Consellería de Medio Rural, á parte de referenciación dos contratos e cumprimentar os datos do contrato a asinar. Despois a propia ferramenta permitirá imprimir un documento coas condicións de contratación seleccionadas para anexar ao contrato.
O avance do último informe climatolóxico elaborado por MeteoGalicia indica que a Comunidade rexistrou un mes de outubro cálido e moi seco. Foi un período anómalo, xa que as altas presións foron moito máis frecuentes do que cabería agardar nesta época. De feito, só chegaron tres frontes desde o Atlántico que, ademais, tiveron pouca actividade. Neste contexto, as temperaturas estiveron por riba dos valores climatolóxicos e as precipitacións acumuladas foron moi inferiores ao que cabería agardar. Máis polo miúdo, a media das temperaturas foi superior ao habitual neste mes, sobre todo no caso das máximas, debido ao predominio de situacións anticiclónicas que achegaban aire cálido desde o sur. De feito, destacan os altos rexistros acadados entre os días 9 e 15.
A Xunta de Galicia puxo en marcha a campaña de inmunización fronte á gripe e a COVID, que este ano incorpora como principais novidades a extensión da vacina antigripal de alta carga ás persoas de 65 a 69 anos e a ampliación do proxecto piloto de vacinación nos colexios a 75 centros educativos. O inicio oficial tivo lugar nun acto nas residencias de maiores e centros de discapacidade, o colectivo polo que arranca tradicionalmente a campaña debido á vulnerabilidade deste grupo fronte ás infeccións respiratorias.