Notas de prensa

Manuel Portas gaña o XXVII Premio de Novela Manuel García Barros

O escritor, sociolingüista e mestre Manuel Portas gaña a XXVII edición deste premio literario de A Estrada pola súa novela "Lourenço, Xograr". O secretario xeral de Política Lingüística, Valentín García, destaca a "importancia do García Barros no proceso de normalización da lingua e da literatura galegas". Como premio, a obra gañadora publicarase na editorial Galaxia.

O secretario xeral de Política Lingüística, Valentín García, asistiu á entrega do XXVII Premio de Novela Manuel García Barros a Manuel Portas pola súa obra Lourenço, Xograr. Celebrado no Teatro Principal da Estrada, o acto contou coa presenza de autoridades e representantes da cultura galega. Ademais dos 9.000 euros cos que está dotado o premio, Portas verá publicada na editorial Galaxia a obra coa que gaña este certame.

O xurado -que estivo composto por Dolores Vilavedra, Armando Requeixo, Carlos Lema, Juan Luís Blanco Valdés e con Carlos Loureiro como secretario- no seu fallo destacou a contribución que a novela de Portas fai divulgación da historia e da literatura medievais de Galicia, a través da figura dun personaxe pouco coñecido, o xograr Lourenço, ‘que constitúe a porta pola que nos asomamos, non só aos conflitos políticos que determinaron o que hoxe somos como país, senón tamén ás vidas entrelazadas das distintas clases sociais da época’.

'Lourenço Xograr' convértese na vixésimo sétima novela vencedora do consolidado premio García Barros, e pasa a formar parte da longa listaxe de novelas galardoadas desde 1989, ano no que comezou a camiñar o certame como unha homenaxe ao escritor estradense que dá nome ao premio, máis coñecido co alcume ‘Ken Keirades’.

Case tres décadas despois, o García Barros está consolidado como un dos premios máis asentados do panorama literario galego. O alcalde da Estrada, José López Campos, subliña a ‘boa saúde’ da que goza o galardón e engade que a ‘cultura ten que ocupar un lugar prevalente na política local’.

Para o gañador do certame, Manuel Campos, ‘a época medieval paréceme un momento histórico moi interesante. Lourenço é un personaxe moi importante nunha etapa na que a lingua galega era respectada e valorada por todo o mundo. Na obra aprécianse tamén os cambios históricos que xorden tanto en Portugal como en Galicia’.

Manuel Portas, vida e obra

Manuel Portas Fernández (Barcelona, 1960) é unha figura polifacética: profesor de Lingua Galega no IES Xelmírez I de Santiago, ademais de sociolingüísta e escritor.

Logo da publicación de ‘Amor con alpargatas’ a comezos de ano, agora é a quenda de ‘Lourenço, Xograr’. Esta obra supón o quinto traballo narrativo do escritor, que publicou a súa primeira novela, ‘Denso recendo a salgado’, en 2010. Nestes cinco anos, Portas publicou tamén ‘Un dedo machado de tinta’ e ‘Faneca brava’.

Manuel García Barros

Manuel García Barros, quen dá o nome a este premio literario, naceu en 1876 en Berres (A Estrada). Logo de estudar Maxisterio en Santiago, en 1906 fundou o xornal ‘El Estradense’ do que tamén foi director. Con posterioridade, comezaría unha das súas producións máis destacadas: a sección ‘Contiños da terra’ no xornal ‘O Emigrado’. ‘Ken Keirades’, alcume co que se coñecía a García Barros, tamén escribiu: ‘Enredos’, ‘Dos meus recordos’, ‘As aventuras de Alberte Quiñói’ e a peza teatral ‘Carta da Habana’. Faleceu en 1972, aos 96 anos de idade.

Fotografía: AELG

Gabinete de Comunicación da Xunta de Galicia, 2015-11-20

Actualidad

Foto del resto de noticias (proxecto-xenoma-galicia.jpg) O proxecto Xenoma Galicia, que conta cun investimento de 20 millóns de euros, ten por obxecto recompilar o ADN de 400.000 galegos para identificar os xenes relacionados co cancro de mama e ovario hereditario, a síndrome de Lynch e a hipercolesterolemia familiar. Ata o de agora, foron analizadas 3.112 mostras biolóxicas. En concreto, 1.037 mostras de sangue na primeira pilotaxe do proxecto, 796 de saliva no segundo piloto e, coa primeira fase do proxecto en marcha, 1.279 mostras dos voluntarios dos primeiros distritos participantes. A análise das mostras destes 1.279 participantes da fase 1 permitiu detectar 25 novos casos positivos. En concreto, 14 participantes deron positivo en cancro de mama e ovario hereditario, dous na síndrome de Lynch e nove en hipercolesterolemia familiar.
Foto de la tercera plana (womex-2026.jpg) A Pedreira e Fillas de Cassandra estarán presentes no Womex 2026, o máis importante encontro mundial das músicas folk e de raíz que se celebra ata este domingo en Las Palmas de Gran Canaria. Trátase dunha iniciativa que ofrece aos artistas e ás empresas galegas un espazo para dar a coñecer o seu traballo ante programadores, festivais, axencias de contratación e outros profesionais de diferentes países. A artista foi escollida por un xurado internacional independente para formar parte dos Official Showcases, a selección oficial de concertos coa que Womex achega aos profesionais propostas das músicas do mundo.

Notas

A Universidade de Vigo acollerá os días 4, 5 e 6 de novembro a 5th European School on Environmental Applications of Advanced Oxidation Processes (5thEPS-AOPs), un encontro científico internacional que reunirá expertos, persoal investigador, estudantes de doutoramento e representantes do sector empresarial para abordar os últimos avances en tecnoloxías de descontaminación ambiental e tratamento sostible da auga.
A UDC pon en marcha InPacto, unha iniciativa que busca achegar a investigación de excelencia á cidadanía e fortalecer a conexión entre universidade, empresa e sociedade. Este programa reúne por primeira vez nun proxecto común ao persoal investigador Ramón y Cajal (R&C) da UDC para desenvolver unha programación de actividades de divulgación, transferencia de coñecemento e participación social.
PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
HOMENAXES EGERIA
PUBLICACIONES