
A conselleira do Medio Rural, Ángeles Vázquez, anunciou que o seu departamento vai impulsar a creación dun Plan Estratéxico de Fortalecemento do Sector Lácteo, coa participación de todos os axentes da cadea de valor do leite en Galicia, xunto coa Administración autonómica. A conselleira indicou que trasladará esta proposta o vindeiro día 26 de novembro na reunión que ten programada con parte do sector e que a súa intención é que se sumen a este plan os representantes dos produtores, industria e distribución. O obxectivo é concitar os esforzos de todos os actores do sector, para garantir un seguimento puntual e exhaustivo, de presente e futuro, dos seus principais indicadores, en beneficio de toda a cadea de valor.
Ángeles Vázquez fixo este anuncio na súa visita a 2 explotacións leiteiras situadas no concello lugués de Vilalba e nas que destacou tamén que a provincia de Lugo é a máis beneficiada, dentro de Galicia, do anticipo das axudas da Política Agraria Común (PAC) que hoxe empezaron a cobrar os máis de 26.000 agricultores e gandeiros galegos, por un importe total de 65,3 millóns de euros.
Así, segundo salientou a titular de Medio Rural, tanto a maioría dos beneficiarios (10.397) como a maior parte dos fondos pagados (30,1 millóns de euros) corresponden á provincia lucense. Deste xeito, case o 40% dos beneficiarios e arredor do 46% do importe pagado pertence a Lugo.
Na súa visita, a titular de Medio Rural indicou que estas achegas da PAC engloban as axudas correspondentes ao Pagamento Básico aos Agricultores (Réxime de Pago Básico), o Pagamento para os agricultores que apliquen prácticas agrícolas beneficiosas para o clima e o medio ambiente (Pago Verde) e a Axuda acoplada ao sector lácteo.
No resto das catro provincias galegas, a distribución dos pagamentos é a seguinte: Un total de 9.575 beneficiarios son da Coruña, cunha axuda de 24 millóns de euros; en Pontevedra son 2.805 persoas cun importe de 6,2 millóns de euros; e, finalmente, Ourense acapara 4,9 millóns de euros para 3.230 beneficiarios.
A diferenza doutras Comunidades Autónomas que optaron por realizar pagos parciais dun terzo dos importes máximos autorizados; en Galicia co obxecto de facilitar a transparencia e a integridade dos pagamentos, efectuarase este pagamento de forma conxunta, polo que estes 65,3 millóns de euros supoñen o maior anticipo da PAC pagado nunca en Galicia. Desta forma, os gandeiros e agricultores galegos terán liquidez para poder paliar na medida do posible as dificultades financeiras e os problemas de tesouraría, en tanto non se alcance a estabilización dos mercados.
Sociedades agrarias de transformación
A conselleira, acompañada pola directora xeral de Gandaría, Agricultura e Industrias Agroalimentarias, Belén do Campo, e o alcalde de Vilalba, Gerardo Criado, achegouse esta mañá ata as sociedades agrarias de transformación (SAT) San Martiño e Revolta. A primeira delas agrupa a un total de 6 socios, cunha idade media de 43,3 anos. Ten unha cabana de 400 cabezas. Pola súa parte, a SAT Revolta está tamén constituída por 6 socios, cunha idade media de tan só 39,5 anos e conta con 385 cabezas de gando.
A loita contra os incendios forestais suma un novo aliado tecnolóxico ao servizo de toda a sociedade. A aplicación móbil ALume, deseñada para facilitar que calquera persoa poida dar a alarma sobre un foco de lume de forma inmediata e precisa, xa se atopa plenamente operativa e dispoñible para a súa descarga de balde nas plataformas Android e iOS. O obxectivo principal desta ferramenta é potenciar a detección temperá dos incendios forestais. Nunha emerxencia no monte, os primeiros minutos son decisivos para evitar que un foco inicial se converta nun gran incendio; por iso, ALume nace para acurtar os tempos de aviso e facilitar ao servizo de extinción datos exactos antes de despregar os medios sobre o terreo. Cabe sinalar que a aplicación leva xa 7.000 descargas e 200 notificacións que axudaron ao operativo.
Un dos grandes atractivos desta undécima edición será a estrea de dez novos espectáculos, todos eles impulsados por compañías galegas, un dato que evidencia o dinamismo creativo do sector dos monicreques na Comunidade. A programación abrirase coa nova versión de A festa dos títeres, presentada por Viravolta, Vai de Roda e Títeres Alakrán, para continuar coa estrea de Treco-lerias, de Trécola Producións, e A rosa de papel, adaptación ao teatro de monicreques do texto de Valle-Inclán realizada por Alakrán.