Notas de prensa

Agadic coproducirá Son, o espectáculo coreográfico de Nova Galega de Danza

A Axencia Galega das Industrias Culturais (Agadic) da Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria e a compañía Nova Galega de Danza asinaron un contrato de contido artístico para a coprodución e distribución posterior de Son, un espectáculo que abordará a danza tradicional galega desde un punto de vista actual. A compañía recibirá un total de 49.005 euros entre 2015 e 2016.

Segundo o documento rubricado na Cidade da Cultura de Galicia, en Santiago de Compostela, polo director da Agadic, Jacobo Sutil, e polo director de Nova Galega de Danza, Jaime Pablo Díaz, a compañía recibirá un total de 49.005 euros entre as anualidades de 2015 e 2016 coa finalidade de montar este espectáculo coreográfico, do que terán que levar a cabo un mínimo de seis representacións, incluída a estrea.

O contrato é o resultado dun procedemento de licitación posto en marcha pola Agadic, que continúa a apoiar a produción de danza en Galicia a través do Centro Coreográfico Galego (CCG), como xa fixera en 2015 co espectáculo ‘Atlántica’, coproducido xunto coa compañía coruñesa BalletNorte. Seguindo esta dinámica, o CCG contribuirá tamén coas súas instalacións e medios técnicos e humanos á materialización do novo proxecto de Nova Galega de Danza, unha das formacións de máis consolidada traxectoria do país.

Para ‘Son’, Jaime Pablo Díaz e Carlos Rodríguez únense, por primeira vez, para concibir un espectáculo moi especial e con patente orixinalidade. Os dous artistas exercerán tanto de coreógrafos como de bailadores para crear esta nova peza. Contarán, ademais, coa colaboración do director de escena Alberto Velasco e do coreógrafo contemporáneo Carmelo Segura, así como cun corpo de baile de nove integrantes en total. O espectáculo ofrecerá a interpretación musical en directo de composicións orixinais.

Os traballos de Nova Galega de Danza adoitan fusionar en vivo danza e música de raíz galega, mesturando tradición e vangarda con vocación universal. O seu primeiro espectáculo foi ‘Alento’ en 2005, finalista aos premios MAX; e viñeron despois outros éxitos como ‘Dez’, ‘Engado’ ou ‘Tradicción’. Entre as súas últimas actuacións internacionais está a que levaron a cabo para festexar o día dedicado a Galicia na Exposición Universal de Milán o pasado mes de setembro.

Gabinete de Comunicación da Xunta de Galicia, 2015-11-19

Actualidad

Foto del resto de noticias (proxecto-xenoma-galicia.jpg) O proxecto Xenoma Galicia, que conta cun investimento de 20 millóns de euros, ten por obxecto recompilar o ADN de 400.000 galegos para identificar os xenes relacionados co cancro de mama e ovario hereditario, a síndrome de Lynch e a hipercolesterolemia familiar. Ata o de agora, foron analizadas 3.112 mostras biolóxicas. En concreto, 1.037 mostras de sangue na primeira pilotaxe do proxecto, 796 de saliva no segundo piloto e, coa primeira fase do proxecto en marcha, 1.279 mostras dos voluntarios dos primeiros distritos participantes. A análise das mostras destes 1.279 participantes da fase 1 permitiu detectar 25 novos casos positivos. En concreto, 14 participantes deron positivo en cancro de mama e ovario hereditario, dous na síndrome de Lynch e nove en hipercolesterolemia familiar.
Foto de la tercera plana (womex-2026.jpg) A Pedreira e Fillas de Cassandra estarán presentes no Womex 2026, o máis importante encontro mundial das músicas folk e de raíz que se celebra ata este domingo en Las Palmas de Gran Canaria. Trátase dunha iniciativa que ofrece aos artistas e ás empresas galegas un espazo para dar a coñecer o seu traballo ante programadores, festivais, axencias de contratación e outros profesionais de diferentes países. A artista foi escollida por un xurado internacional independente para formar parte dos Official Showcases, a selección oficial de concertos coa que Womex achega aos profesionais propostas das músicas do mundo.

Notas

A Universidade de Vigo acollerá os días 4, 5 e 6 de novembro a 5th European School on Environmental Applications of Advanced Oxidation Processes (5thEPS-AOPs), un encontro científico internacional que reunirá expertos, persoal investigador, estudantes de doutoramento e representantes do sector empresarial para abordar os últimos avances en tecnoloxías de descontaminación ambiental e tratamento sostible da auga.
A UDC pon en marcha InPacto, unha iniciativa que busca achegar a investigación de excelencia á cidadanía e fortalecer a conexión entre universidade, empresa e sociedade. Este programa reúne por primeira vez nun proxecto común ao persoal investigador Ramón y Cajal (R&C) da UDC para desenvolver unha programación de actividades de divulgación, transferencia de coñecemento e participación social.
PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
HOMENAXES EGERIA
PUBLICACIONES