
A Delegación da Xunta de Galicia en Madrid/Casa de Galicia acolleu un recital poético da escritora pontevedresa Beatriz Hernanz, directora de Cultura do Instituto Cervantes, que fixo un percorrido polos seus libros publicados, entre eles A peregrina do vento, unha antoloxía dos seus poemas en galego, e algúns inéditos dun libro que está a terminar, Habitarás la luz que te cobija. Entre os asistentes estaban o secretario xeral do Instituto Cervantes, Rafael Rodríguez-Ponga, e o vicerreitor de Extensión Universitaria e Relacións Institucionais da Universidade de Alcalá, Jesús Raúl Fernández do Castelo.
No acto interviñeron, ademais de Hernanz, o tamén poeta e pontevedrés (de Vigo) Miguel Losada, que presentou á invitada, e o coordinador de Actividades Culturais da Casa, Ramón Jiménez, que o fixo en representación do delegado da Xunta de Galicia en Madrid/director da Casa de Galicia, José Ramón Ónega López. Jiménez referiuse a Losada, lembrando que o pasado xullo presentou na Casa o seu último libro. Tamén que estivo á fronte da Cátedra de Estudos Galegos do Ateneo de Madrid, que coordinou diversos ciclos culturais e a aula de cinema da Asociación de Escritores e Artistas Españois, pois é un especialista en cinema, ademais de ser autor de varios poemarios.
Losada advertiu de que aínda que a alguén lle poida parecer que a obra de Hernanz é moi accesible, pois non adoita utilizar recursos alambicados, o artificio está lonxe do seu verso, as súas palabras son claras, o certo é que non é tan fácil. Penetrar na súa densidade simbólica, na que a anécdota se ha suprimido, captar a súa música interna, esixe esforzo, esixe que permanezamos atentos, mantivo. Valorou que os seus catro primeiros libros, aos que fixo referencias específicas, aparecen intimamente ligados entre si como unha sinfonía en catro movementos. Unha sinfonía coa súa ´leit-motivs´ que van aparecendo e desaparecendo ao longo dos diferentes textos con moi diversas variacións. Sinalou así mesmo a presenza na súa obra de o mar da súa infancia galega.
Beatriz Hernanz é natural de Pontevedra, cidade á que di seguir vinculada poética e vitalmente, aínda que reside en Madrid. Doutora en Filoloxía Hispánica pola Universidade Complutense de Madrid e Máster en Pedagoxía, realizou estudos de doutoramento na Universidade de Edimburgo cunha bolsa Stevenson. A súa actividade profesional centrouse no labor docente universitario, a crítica literaria nos principais xornais nacionais e revistas literarias, a xestión cultural e educativa e a creación literaria. Foi, entre outras cousas, profesora en universidades inglesas e americanas, directora académica na ESADT da Universidade de Kent, directora do Centro de Documentación Teatral do INAEM, coordinadora xeral da Comisión do Centenario de 1898 e directora executiva das áreas de Humanidades, Tecnoloxías e Infraestruturas do programa de bolsas da Fundación Carolina do MAEC. É autora dos poemarios La lealtad del espejo (Premio Barcarola de poesía, Albacete, 1993), La vigilia del tiempo (Accésit do premio Adonais, Madrid, Rialp, 1996), La epopea del laberinto (Palma de Mallorca, Calima, 2001), La piel de las palabras (Palma de Mallorca, Calima, 2005) Los volcanes sin sueño (Madrid, Polibea, 2011) e A pelegrina do vento (Toledo, Lastura, 2013). Está a finalizar un novo libro de poemas, cuxo titulo provisional é Habitarás la luz que te cobija.
O proxecto Xenoma Galicia, que conta cun investimento de 20 millóns de euros, ten por obxecto recompilar o ADN de 400.000 galegos para identificar os xenes relacionados co cancro de mama e ovario hereditario, a síndrome de Lynch e a hipercolesterolemia familiar. Ata o de agora, foron analizadas 3.112 mostras biolóxicas. En concreto, 1.037 mostras de sangue na primeira pilotaxe do proxecto, 796 de saliva no segundo piloto e, coa primeira fase do proxecto en marcha, 1.279 mostras dos voluntarios dos primeiros distritos participantes. A análise das mostras destes 1.279 participantes da fase 1 permitiu detectar 25 novos casos positivos. En concreto, 14 participantes deron positivo en cancro de mama e ovario hereditario, dous na síndrome de Lynch e nove en hipercolesterolemia familiar.
A Pedreira e Fillas de Cassandra estarán presentes no Womex 2026, o máis importante encontro mundial das músicas folk e de raíz que se celebra ata este domingo en Las Palmas de Gran Canaria. Trátase dunha iniciativa que ofrece aos artistas e ás empresas galegas un espazo para dar a coñecer o seu traballo ante programadores, festivais, axencias de contratación e outros profesionais de diferentes países. A artista foi escollida por un xurado internacional independente para formar parte dos Official Showcases, a selección oficial de concertos coa que Womex achega aos profesionais propostas das músicas do mundo.