
O cineasta galego Carlos Velo (Cartelle, 1909 México, 1988) contará a partir de 2016 cunha sección fixa dedicada á súa obra e figura no Festival de Cine Internacional de Ourense (OUFF). O novo espazo presentado en rolda de prensa polo secretario xeral de Cultura, Anxo Lorenzo; pola alcaldesa de Cartelle, Carmen Leyte; pola concelleira de Cultura de Ourense, Belén Iglesias, e por Laura Gardos, neta do cineasta contará cunha programación propia no marco do festival, que se prolongará noutros puntos da provincia de Ourense, con actividades en Cartelle, Celanova e O Carballiño, municipios vinculados á traxectoria vital de Velo.
Aínda que a programación coa que se porá en marcha a sección, coincidindo coa vixésima primeira edición do festival, se atopa en proceso de definición, o secretario xeral de Cultura informou de que está previsto que as actividades xiren arredor de Torero, película dirixida polo cineasta no ano 1956 en México, país no que se exiliou e onde desenvolveu boa parte da súa carreira profesional.
Na rolda de prensa, celebrada no Centro Cultural Ángel Valente, a alcaldesa de Cartelle anunciou tamén a próxima constitución da Fundación Carlos Velo, unha iniciativa que nace co obxectivo de contribuír a perpetuar a memoria do cineasta e que contará coa implicación de profesionais de diferentes ámbitos vinculados coa figura de Velo, xunto co apoio da Xunta de Galicia e da Deputación Provincial de Ourense.
Finalmente, Anxo Lorenzo tamén lembrou que actualmente se pode visitar na Cidade da Cultura de Galicia unha exposición sobre outro ourensán universal, o fotógrafo alaricano José Suárez, representante dunha xeración de intelectuais que se converteron en figuras sobranceiras da historia da imaxe e do audiovisual galego.
Promovido polo Concello de Ourense coa colaboración da Consellería de Cultura e Educación, a través da Axencia Galega das Industrias Culturais (Agadic), entre outras entidades, o OUFF arrancou o pasado sábado 15 de novembro a programación da súa vixésimo edición coa estrea europea de Lobos sucios, do director coruñés Simón Casal.
Ademais, a Agadic tamén contribúe á programación desta vixésima edición do festival co I Encontro de Coprodución Audiovisual Portugal Galicia, co lanzamento do novo catálogo Films from Galicia e coa presentación dun avance da nova edición de Cinemas de Galicia, tres actividades especificamente dirixidas á promoción do audiovisual galego.
O avance do último informe climatolóxico elaborado por MeteoGalicia indica que a Comunidade rexistrou un mes de outubro cálido e moi seco. Foi un período anómalo, xa que as altas presións foron moito máis frecuentes do que cabería agardar nesta época. De feito, só chegaron tres frontes desde o Atlántico que, ademais, tiveron pouca actividade. Neste contexto, as temperaturas estiveron por riba dos valores climatolóxicos e as precipitacións acumuladas foron moi inferiores ao que cabería agardar. Máis polo miúdo, a media das temperaturas foi superior ao habitual neste mes, sobre todo no caso das máximas, debido ao predominio de situacións anticiclónicas que achegaban aire cálido desde o sur. De feito, destacan os altos rexistros acadados entre os días 9 e 15.
A Xunta de Galicia puxo en marcha a campaña de inmunización fronte á gripe e a COVID, que este ano incorpora como principais novidades a extensión da vacina antigripal de alta carga ás persoas de 65 a 69 anos e a ampliación do proxecto piloto de vacinación nos colexios a 75 centros educativos. O inicio oficial tivo lugar nun acto nas residencias de maiores e centros de discapacidade, o colectivo polo que arranca tradicionalmente a campaña debido á vulnerabilidade deste grupo fronte ás infeccións respiratorias.