
O conselleiro de Economía, Emprego e Industria, Francisco Conde, participou na xornada de traballo organizada por Navantia e a Universidade da Coruña para avaliar os avances da Unidade Mixta de Investigación que están a desenvolver ambas entidades co apoio da Axencia Galega de Innovación. Unha iniciativa que, segundo explicou Conde, busca impulsar en Galicia o estaleiro do futuro co obxectivo de aumentar a produtividade do sector e reducir os tempos e os custos de fabricación. Esta investigación oriéntase cara o estaleiro 4.0 a través de dúas liñas de traballo: a optimización dos procesos produtivos, mediante o desenvolvemento dun estaleiro dixital para traballar en deseños e estratexias construtivas; e a realización de novas ferramentas, para a mellora da automatización e robotización das técnicas de construción, incidiu Conde.
A iniciativa mobilizará un investimento de 2,3 millóns e xerará 18 empregos cualificados. Os traballos levados a cabo, sinalou o conselleiro, buscan dotar ao naval galego de prestacións imprescindibles para dar un salto cualitativo na súa competitividade. Neste sentido, explicou Conde, o proxecto terá un impacto real e inmediato en Navantia, sendo xa de aplicación para o programa das próximas fragatas F-110. Ademais, destacou o conselleiro, as tecnoloxías que sairán desta Unidade Mixta reforzarán a capacidade do estaleiro público na súa aposta pola diversificación no mercado da eólica off-shore. Unha capacidade que, como lembrou, xa está a demostrar a través dos programas Wikinger e Hywind.
Neste marco, o titular de Economía, Emprego e Industria avogou por seguir cooperando para levar a Industria 4.0, na que estamos a traballar a través da Axenda da Competitividade, ás nosas gradas e á nosa industria auxiliar. Unha aposta innovadora para a que, segundo resaltou o conselleiro, o sector conta con distintos instrumentos como o programa Conecta Pemes, que vén de abrir unha terceira convocatoria, ou as propias Unidades Mixtas, que suman tres proxectos na industria naval permitindo avanzar na mellora do deseño e fabricación de eixos de buque ou na busca de solucións tecnolóxicas de baixo custe. Así mesmo, Conde recordou o proxecto que se está a levar a cabo no CIS Ferrol, no que o sector está a dar os primeiros pasos na implantación do Naval 4.0. Unha iniciativa na que participan a propia Navantia, Aclunaga, Aimen, o ITG, Soermar e o Colegio de Ingenieros Navales, e que busca acadar tecnoloxías de vangarda, optimizar as xa existentes, acadar novos nichos de mercado e captar máis fondos europeos.
Neste contexto, o conselleiro avogou por seguir cooperando na aposta pola innovación como sinónimo de futuro do naval galego. Unha aposta que, salientou, persegue gañar novos contratos e posicionarse internacionalmente nos nichos de mercados máis prometedores, como o da eólica off-shore ou os buques propulsados por GNL.
O avance do último informe climatolóxico elaborado por MeteoGalicia indica que a Comunidade rexistrou un mes de outubro cálido e moi seco. Foi un período anómalo, xa que as altas presións foron moito máis frecuentes do que cabería agardar nesta época. De feito, só chegaron tres frontes desde o Atlántico que, ademais, tiveron pouca actividade. Neste contexto, as temperaturas estiveron por riba dos valores climatolóxicos e as precipitacións acumuladas foron moi inferiores ao que cabería agardar. Máis polo miúdo, a media das temperaturas foi superior ao habitual neste mes, sobre todo no caso das máximas, debido ao predominio de situacións anticiclónicas que achegaban aire cálido desde o sur. De feito, destacan os altos rexistros acadados entre os días 9 e 15.
A Xunta de Galicia puxo en marcha a campaña de inmunización fronte á gripe e a COVID, que este ano incorpora como principais novidades a extensión da vacina antigripal de alta carga ás persoas de 65 a 69 anos e a ampliación do proxecto piloto de vacinación nos colexios a 75 centros educativos. O inicio oficial tivo lugar nun acto nas residencias de maiores e centros de discapacidade, o colectivo polo que arranca tradicionalmente a campaña debido á vulnerabilidade deste grupo fronte ás infeccións respiratorias.