Archivo (3 del 2024)

Buscador

Noticias

O Centro Dramático Galego estrea en Galicia esta fin de semana o espectáculo Manuela Rey Is In Da House cunha serie de funcións para público xeral que terán lugar no Teatro Principal de Santiago de Compostela do xoves 14 ao sábado 16 de marzo para continuar a reivindicar e dar a coñecer entre o público galego a esquecida figura da actriz mindoniense que chegou a ser a estrela do teatro lisboeta na segunda metade do século XIX. A peza, creada conxuntamente entre o Centro Dramático Galego, o Teatro do Noroeste-Centro Dramático de Viana, o Teatro Nacional D. María II de Lisboa e o Teatro Nacional São João do Porto, naceu como nunha nova colaboración que afonda na proxección exterior desta unidade teatral.
O conselleiro do Medio Rural en funcións, José González, reuniuse con representantes de Unións Agrarias, Sindicato Labrego Galego, Asaga, Agaca e Fruga, as principais asociacións profesionais agrarias de Galicia. O obxectivo desta xuntanza foi avanzar na postura conxunta de Galicia diante do debate sobre o futuro da PAC, no marco das reunións técnicas que se están celebrando en Madrid entre o Goberno e as comunidades autónomas para flexibilizar o Plan Estratéxico da PAC (Pepac) 2023-2027. Es encontro tivo como obxectivo avanzar no deseño consensuado do documento que Galicia trasladará ao Goberno de España, como resposta ao posicionamento do Executivo na negociación para flexibilizar o Pepac.
A Xunta de Galicia vén de lanzar un novo programa de formación en liña dirixido ao sector turístico coa intención de dar a coñecer a utilidade de distintas ferramentas de intelixencia artificial no eido turístico. Baixo o nome Descubre o poder da Intelixencia artificial na empresa turística de Galicia, terá 21 horas de duración en sete sesións de tres horas cada unha, que comezarán o vindeiro mércores 13 de marzo e se desenvolverán ata o 29 de abril. A intención é posicionar ás empresas turísticas galegas na vangarda da innovación dixital, para o que se ofrecen 100 prazas. Está dirixido a emprendedores, directivos ou xefes de departamento de empresas do sector turístico galego. As persoas interesadas poden obter máis información na web de Turismo de Galicia.
Parlamento Xove é unha iniciativa da Consellería de Política Social e Xuventude plenamente consolidada. Desde o seu inicio teñen debatido 518 equipos de centros escolares de ESO ou Bacharelato, e 48 de universidades, nos que participaron 2.762 persoas entre estudantes e profesorado. A estas cifras hai que engadir os 57 equipos e 223 participantes desta edición en curso. Trátase dunha competición na que os diversos equipos inscritos investigan e debaten sobre un tema. A dificultade da actividade está en que só cinco minutos antes de cada encontro dialéctico procederase ao sorteo da postura a favor ou en contra a adoptar por cada equipo en relación á cuestión formulada.
A nova temporada dos trens turísticos de Galicia arrancou esta fin de semana coa primeira saída do itinerario do Tren da Camelia en Flor, unha das 14 rutas que estarán dispoñibles durante este ano dentro da iniciativa posta en marcha entre a Xunta de Galicia, Renfe e o Inorde que permite coñecer a Comunidade galega e moitos dos seus recursos máis destacados a bordo do tren. O Tren da Camelia en Flor terá a próxima saída o día 23 de marzo, para a que os billetes xa están esgotados. Coincidindo co período de floración da camelia, na ruta visitaranse tres xardíns que contan coa certificación de Excelencia Internacional. En primeiro lugar, o Pazo Quinteiro da Cruz, en Ribadumia, no que florecen máis de 5.000 exemplares de camelias de máis de 1.500 variedades a partir da que elaboran o seu propio té, que os viaxeiros poderán degustar.
O Diario Oficial de Galicia (DOG) vén de publicar a orde mediante a cal se convocan as axudas da Política Agraria Común do ano 2024. Estímase que esta convocatoria manteña no seu conxunto unha dotación de 200 millóns de euros -similar á dos últimos anos- para os 25.000 agricultores e gandeiros galegos beneficiados de media cada ano. Esta orde ten dúas vías de financiamento, sendo a principal as axudas de xestión extraorzamentaria, financiadas polo Fondo Europeo Agrícola de Garantía Agraria (FEAGA) e que, debido aos cambios na xestión orzamentaria derivados da entrada en vigor do Plan Estratéxico da PAC 2023-2027, aínda non poden ser cuantificadas.
A conselleira de Economía, Industria e Innovación en funcións, María Jesús Lorenzana, anunciou hoxe que a Xunta de Galicia presentará alegacións ao proxecto de Real Decreto polo que se regula a produción de enerxía eléctrica en instalacións situadas no mar, presentado o pasado mes de febreiro polo Goberno central. Lorenzana, acompañada do conselleiro do Mar en funcións, Alfonso Villares, participou hoxe nunha xuntanza do Observatorio da eólica mariña, convocada coa finalidade de recoller as suxestións dos sectores implicados para, dixo, “ter unha postura inequívoca desde a comunidade autónoma de Galicia en relación ao contido deste real decreto”.
O inverno climatolóxico 2023-2024 (decembro, xaneiro e febreiro) en Galicia foi o cuarto máis cálido da serie histórica -que se remonta a 1961- ao rexistrarse unha temperatura media de 10 graos centígrados. Así o reflicte o balance climatolóxico publicado por Meteogalicia. Xaneiro e febreiro foron especialmente calorosos, o que situou a temperatura deste inverno 1,5 graos por enriba da media histórica, ao tempo que o mes de xaneiro se converteu no máis cálido dos últimos 58 anos, case seis décadas. O volume de choivas rexistrado -522 litros por metro cadrado- é un 18% superior ao que vén sendo habitual neste período, especialmente polas abondosas precipitacións do mes de febreiro.
O presidente da Xunta en funcións, Alfonso Rueda, anunciou hoxe que o Goberno autonómico vai reforzar a protección dos pacientes inmunodeprimidos fronte a gripe na vindeira campaña de inmunización. Estas persoas serán incluídas entre os grupos de risco que recibirán unha vacina de alta carga e sumaranse aos maiores de 80 anos e as persoas de máis de 60 que viven nun centro residencial, que xa recibiron esta dose reforzada na pasada campaña. A vacina antigripal de alta carga ten un valor engadido con respecto ás convencionais ao mellorar a resposta vacinal nas persoas que a teñen indicada pola súa idade, que provoca que o sistema inmune non responda de forma óptima ás vacinas convencionais, ou en persoas inmunodeprimidas por algunha patoloxía.
Comeza o procedemento de elaboración e aprobación do plan director, no que, como primeiro fito, se levará a cabo unha consulta pública a través do portal de transparencia e goberno aberto para solicitar a opinión da cidadanía e das organizacións e asociacións máis representativas. Ademais, na elaboración do plan participarán as consellerías con competencias nesta materia, así como o sector privado, representantes dos traballadores e resto de axentes implicados, como é o caso do Clúster TIC Galicia.
« Anterior | 4  de  5 | Siguiente »

Archivo

2025 (171)

2024 (514)

ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
PUBLICIDAD
HOMENAXES EGERIA
PUBLICACIONES