Buscador
Noticias
Estudantes do Campus Terra da USC revitalizan o medio rural con GA-LINK, unha plataforma dixital premiada na terceira edición do Terra Creative Jam, a través da que se dá a coñecer ao público interesado a oferta de lecer, así como as distintas actividade e eventos programados nos distintos territorios da xeografía galega. Esta ferramenta xurdiu no evento de xeración de ideas promovido polo Campus Terra xunto coa Área de Valoración, Transferencia e Emprendemento (AVTE) da USC.
A proliferación das informacións falsas, imprecisas ou enganosas que se difunden a través das redes sociais e das aplicacións de mensaxería, converténdose nalgúns casos en virais, tense convertido nunha preocupación de primeira magnitude para gobernos e institucións internacionais, dado que pon en risco a estabilidade dos sistemas políticos democráticos e constitúe unha seria ameaza para a credibilidade dos medios de comunicación.
Baixo o nome de Aerolab (Aerospace & Transportation Systems Laboratory) constituíuse no campus de Ourense un novo grupo de investigación. Aerolab nace co obxectivo de converterse nun referente no ámbito da enxeñaría do transporte, con especial énfase nos sistemas aéreos. Os obxectivos de investigación do grupo, sinalan desde a súa organización, atópanse dentro do alcance dos sistemas aeroespaciais e de transporte, considerando moitos aspectos diferentes.
O Grupo de Investigación de Románicas da Universidade de Santiago está a traballar nunha nova edición crítica das Cantigas de Santa María de Afonso X O Sabio, que estará acompañada dunha tradución ao galego actual, e que se editará en colaboración co Centro Ramón Piñeiro para a Investigación en Humanidades. O grupo aborda diferentes liñas de estudo vencelladas coa Idade Media e dentro delas a catedrática de Filoloxía Románica Elvira Fidalgo céntrase dun xeito moi particular nas cantigas.