
Nota de prensa remitida por el Gabinete de Comunicación de la Xunta de Galicia:
O centenario das Irmandades da Fala, o 130º aniversario de Queixumes dos pinos e de Florentino López Cuevillas, os días das Letras Galegas, da Ilustración, da Poesía e do Teatro, o nacemento de Rosalía de Castro e os centenarios de Borobó e de Lorenzo Varela son algunhas das celebracións que promove o Calendario do libro e da lectura 2016, que chega ás librarías e bibliotecas públicas galegas coincidindo co Día da Edición.
No marco desta data, que se celebra o 17 de decembro, día do nacemento de Ánxel Casal, a Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria, a través da Secretaría Xeral de Cultura, distribuíu nas librarías e nas bibliotecas públicas galegas este material para animar a realizar actividades arredor das principais datas e efemérides vinculadas co libro e a literatura galega.
Os centros bibliotecarios, que celebran o Día do Usuario/a das Bibliotecas o 11 de xaneiro, comparten protagonismo no primeiro mes do ano coas artes plásticas, coa conmemoración do Día da Ilustración o 30 de xaneiro, data do nacemento de Afonso Daniel Rodríguez Castelao. Ese mes, o día 12, tamén se celebra o centenario do nacemento do escritor Miguel González Garcés, que lle dá nome á biblioteca pública de xestión autonómica da cidade da Coruña.
Logo da celebración do Día da Lingua Materna e do nacemento de Rosalía de Castro, o 21 e o 24 de febreiro, respectivamente, no mes de marzo o calendario incorpora a Semana da Prensa (dos días 9 ao 13), e os días da Narración Oral (20), da Poesía (21) e do Teatro (27). A apertura do mes de abril chega coa celebración do Día das Artes (1), que en 2016 se lle dedica a Castelao, mentres que o 2 e o 24 se conmemora o Día do Libro Infantil e Xuvenil e o Día do Libro, respectivamente.
O mes das Letras, que ten como protagonista o vindeiro ano a Manuel María poeta ao que a Real Academia Galega lle dedica o 17 de maio tamén traerá outra das principais celebracións culturais de 2016, o centenario da fundación das Irmandades da Fala, promotoras de moitas das aspiracións de Galicia do século XX no aspecto lingüístico, cultural e político. Ademais, maio será o mes da Feira Internacional do Libro de Buenos Aires, que o próximo ano terá como cidade convidada a Santiago de Compostela; o centenario de Camilo José Cela, o día 11; e o Día da Sociedade da Información e das Telecomunicacións (17).
Logo do Día dos Arquivos, o 9 de xuño, e xa no verán, o calendario promove a celebración do centenario de dúas figuras destacadas das letras galegas: o escritor e xornalista Raimundo García Domínguez Borobó, do que se cumpren 100 anos do nacemento o 10 de xullo, e do tamén escritor e poeta galego Xesús Lorenzo Varela, nado o 10 de agosto.
O Día Europeo das Linguas e o Día da Tradución, o 26 e o 30 de setembro; o Día das Bibliotecas, o 24 de outubro, e o 150º aniversario do nacemento do dramaturgo Ramón María del Valle-Inclán, o 28 dese mes, son outras das datas do calendario, que en novembro, xunto co Mes da Ciencia en galego e o Día das Librarías (25), difunde o 130º aniversario de Queixumes dos pinos, de Eduardo Pondal (12), e do nacemento de Florentino López Cuevillas (14).
O Calendario do libro e da lectura pecha 2016 co Día da Edición, o 17 de decembro, data do nacemento de Ánxel Casal. Este ano, as bibliotecas de xestión autonómica programan diversas actividades para convidar a cidadanía a conmemorar esta data e a recuperar a figura e o labor do editor, como as mostras bibliográficas que se poden ver ata o vindeiro día 31 de decembro na biblioteca pública de Santiago que leva o seu nome ou a exposición sobre a edición en galego que programa a Biblioteca Miguel González Garcés da Coruña a o próximo 2 de xaneiro.
A Secretaría Xeral de Cultura tamén distribuíu o calendario entre diferentes entidades e colectivos culturais galegos, como a Asociación de Escritores e Escritoras en Lingua Galega (AELG), o Centro PEN Galicia, a Asociación Galega de Editores (AGE), A Asociación Galega do Libro Infantil e Xuvenil Gálix, a Asociación Galega de Profesionais da Ilustración (AGPI), o Consello da Cultura e a Real Academia Galega, xunto coas universidades.
Fotografía: Gabinete de Comunicación de la Xunta de Galicia
Foi inaugurada no Museo do Pobo Galego a exposición 'Transfronteiriza', da artista e cineasta tudense Diana Gonçalves, que permanecerá aberta ao público ata o 28 de marzo de 2027. A mostra parte do documental 'Mulleres da Raia', da mesma autora, e froito de tres anos de investigación. A través da linguaxe cinematográfica, de materiais documentais, arquivos históricos e elementos patrimoniais, a proposta constrúe unha experiencia arredor da memoria compartida entre Galicia e o norte de Portugal. En concreto, Transfronteiriza recupera a memoria das mulleres que viviron na fronteira entre ambos territorios a mediados do século XX, que desempeñaron un papel fundamental no comercio transfronteirizo e na supervivencia económica das familias.
Trátase dunha iniciativa que nace como evolución de Circo Presente Continuo e que se vai desenvolver por primeira vez fóra de Madrid. A Cidade da Cultura, o Teatro Principal e o Salón Teatro serán as súas sedes na capital galega, reunindo artistas, compañías, profesionais da programación, distribuidoras e institucións para compartir proxectos e favorecer novas oportunidades de colaboración e contratación. O programa inclúe oito espectáculos, seis mostras breves e catro traballos en proceso. Entre as propostas figuran Naufragio, de Labsurda; Serena, de Circ Bover; Matrimonio, de Kolektivo Konika; Siku, de Jessica Arpin; e Sen patrón, de Pistacatro, que ofreceu un adianto artístico durante a presentación.