Noticias

La Biblioteca de Galicia propone una nueva ruta rosaliana con libros y escritos de Sixto Seco

La relación de Sixto Seco (Mugardos, 1926-Santiago de Compostela, 2004) con la figura de Rosalía de Castro, a través de una antología de los fondos que conforman su biblioteca el archivo personal del intelectual y galeguista, es el eje central de la muestra "Rosalía de Castro na biblioteca de Agustín Sixto Seco" que se exhibe en la Cidade da Cultura.

Nota de prensa remitida por el Gabinete de Comunicación de la Xunta de Galicia:

Rosalía de Castro na biblioteca de Agustín Sixto Seco é o título baixo o que se presenta a nova exposición da Biblioteca de Galicia, unha mostra que afonda na presenza da escritora nos fondos da colección do médico e galeguista que se custodia na Biblioteca de Galicia.

A relación de Sixto Seco (Mugardos, 1926 – Santiago de Compostela, 2004) coa figura de Rosalía de Castro, a través dunha escolma dos fondos que conforman a súa biblioteca o arquivo persoal do intelectual e galeguista, é o eixo central desta mostra. “Con ela propoñemos unha simbólica nova ruta rosaliana polos lugares de Rosalía de Castro nos andeis de Sixto Seco, unha paisaxe de letras cargada de afecto, de admiración e tamén de estudo e de afondamento na súa obra”, afirmou o secretario xeral de Cultura, Anxo Lorenzo, no acto de presentación da exposición, que se poderá visitar Cidade da Cultura ata o vindeiro 30 de outubro.

“Se ben Rosalía é unha figura universal, da que todos temos unha imaxe e unha personalidade construída, Agustín Sixto Seco mirouna con outros ollos e, desde a súa ollada de médico, admirouna profundamente, como demostrou nos feitos da súa vida e nos escritos e estudos que nos legou”, asegurou Anxo Lorenzo, que tamén puxo en valor a súa implicación na salvagarda da figura da escritora, “como referente na construción cultural e lingüística dunha Galicia con identidade propia”.

Na súa intervención, convidou a todos os galegos e galegas, e a todos os que visitan a Cidade da Cultura, a que se acheguen a coñecer “esta escolma dos lugares de Rosalía de Castro polos que transitou Sixto Seco”, que cualificou como “unha boa proposta para descubrir algo máis sobre Rosalía e tamén sobre o doutor Sixto Seco, que promoveu ao longo de toda a súa vida a cultura e a lingua galegas”.

As 80 pezas que conforman a exposición bibliográfica proceden todas elas da colección Agustín Sixto Seco, depositada na Biblioteca de Galicia, en réxime de comodato, pola familia do intelectual, que tamén participou no acto. Na súa representación interviu unha das fillas de Sixto Seco, Marié Sixto. A presentación da mostra, que se completou cunha visita guiada, congregou diversas personalidades do ámbito cultural galego, entre elas o vicepresidente do Consello da Cultura Galega, Francisco Díaz-Fierros; o presidente da Fundación Rosalía de Castro, Anxo Angueira; e a padroeira da fundación, Ana María Blanco. Tamén asistiron a subdirectora xeral de Bibliotecas, Cristina Rubal, e persoal da subdirección que realizou o proxecto expositivo.

A exposición amosa unha selección dos fondos da colección que teñen que ver coa figura de Rosalía de Castro. Nela destaca unha primeira edición de ‘Follas novas’ e diversos manuscritos do propio Sixto Seco sobre a figura da escritora, como “Os médicos na vida e na obra de Rosalía”, “Rosalía, 100 anos despois: algunhas consideracións médico-antropolóxicas” ou o relatorio ‘Achegamento médico-antropolóxico á personalidade de Rosalía’, prensentado ao Congreso Internacional de Estudos sobre Rosalía de Castro e o seu Tempo, que tivo lugar en Santiago de Compostela no ano 1985. Acompañan estas pezas dous retratos de Sixto Seco realizados polos pintores Nolo e Masito, fotografías, música e recortes de prensa, entre outros materiais.

Das 80 pezas que integran a mostra, 14 son propiedade da familia Sixto Seco, entre as que destacan as medallas de Agustín Sixto Seco: a medalla de ouro de Galicia, a medalla de ouro da Fundación Camilo José Cela e a medalla de ouro da Academia de Medicina de Galicia, outorgadas a título póstumo.

Agustín Sixto Seco formou parte ao longo da súa vida de numerosas iniciativas culturais galegas, entre elas, a presidencia do Padroado da Fundación Rosalía de Castro, a presidencia da Fundación Otero Pedrayo e a dirección da editorial SEPT, ademais de ser padroeiro de entidades culturais como o Museo do Pobo Galego, a Fundación Penzol e a Fundación Alfredo Brañas. Este labor e o seu interese persoal fixo posible recompilar unha extensa biblioteca con todo tipo de materiais e temática relacionada coa cultura galega, que se custodia actualmente na Biblioteca de Galicia.

En 2014, a Consellería de Cultura e Educación asinou coa familia de Agustín Sixto Seco o contrato de constitución do comodato do fondo bibliográfico e documental do médico e intelectual, para a súa custodia e difusión na Biblioteca de Galicia da Cidade da Cultura, en Santiago de Compostela.

Formada por máis de catro mil volumes, a biblioteca de Sixto Seco abrangue desde importantes publicacións dos primeiros tempos da edición galega de posguerra, especialmente de Galaxia, ata fondos americanos procedentes da emigración galega, mentres que o arquivo destaca polo interese e importancia do amplo número de documentos que o conforman –cartas, conferencias, discursos, entrevistas, artigos xornalísticos e notas do intelectual–, así como polas súas características, testemuñas do desenvolvemento da sociedade galega ao longo do século XX. Boa parte deste valor débese á relación de Sixto Seco coas principais figuras da cultura galega, nacionais e internacionais da súa época.

Fotografía y más información: http://www.cidadedacultura.gal/gl/evento/rosalia-de-castro-na-biblioteca-de-agustin-sixto-seco

R., 2015-09-30

Actualidad

Foto del resto de noticias (museo_do_pobo_galego_2.jpg) Foi inaugurada no Museo do Pobo Galego a exposición 'Transfronteiriza', da artista e cineasta tudense Diana Gonçalves, que permanecerá aberta ao público ata o 28 de marzo de 2027. A mostra parte do documental 'Mulleres da Raia', da mesma autora, e froito de tres anos de investigación. A través da linguaxe cinematográfica, de materiais documentais, arquivos históricos e elementos patrimoniais, a proposta constrúe unha experiencia arredor da memoria compartida entre Galicia e o norte de Portugal. En concreto, Transfronteiriza recupera a memoria das mulleres que viviron na fronteira entre ambos territorios a mediados do século XX, que desempeñaron un papel fundamental no comercio transfronteirizo e na supervivencia económica das familias.
Foto de la tercera plana (cdc-00.jpg) Trátase dunha iniciativa que nace como evolución de Circo Presente Continuo e que se vai desenvolver por primeira vez fóra de Madrid. A Cidade da Cultura, o Teatro Principal e o Salón Teatro serán as súas sedes na capital galega, reunindo artistas, compañías, profesionais da programación, distribuidoras e institucións para compartir proxectos e favorecer novas oportunidades de colaboración e contratación. O programa inclúe oito espectáculos, seis mostras breves e catro traballos en proceso. Entre as propostas figuran Naufragio, de Labsurda; Serena, de Circ Bover; Matrimonio, de Kolektivo Konika; Siku, de Jessica Arpin; e Sen patrón, de Pistacatro, que ofreceu un adianto artístico durante a presentación.

Notas

O concerto de Sofía Ros na Casa do Saber do Campus de Lugo este luns, 26 de outubro, ás 20.15 horas, abre unha nova semana ateigada de citas culturais na USC. Música, diversos faladoiros, así como proxeccións audiovisuais integrarán os vindeiros eventos do Outono Cultural. Ese mesmo 26 de outubr,o no Pazo de Montenegro, a partir das 17.30 horas, desenvolverase o primeiro dos encontros 'Memoria democrática'. María Valcárcel, profesora da USC e periodista cultural, é a persoa coidadora deste proxecto. O acceso require inscrición previa.
A música folk será neste 2026 a gran protagonista do ciclo Música para reCREAr, que a Vicerreitoría do campus promove coa colaboración do Concello de Pontevedra, ao abeiro dun convenio de colaboración. Esta programación botará a andar este xoves 29 de outubro, ás 20.30 horas, no Pazo da Cultura, cunha actuación do grupo Caldo, mentres que o 12 de novembro, á mesma hora, poderá coñecerse o proxecto musical do dúo Abril.
PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
HOMENAXES EGERIA
PUBLICACIONES