Noticias

Arranca el ciclo Espazos Sonoros con una programación singular para descubrir el patrimonio histórico gallego

Espazos Sonoros, promovido por la Consellería de Cultura e Educación, lanza una invitación al público para que se acerque entre el 13 de septiembre y el 28 de octubre a lugares de especial interés arquitectónico y paisajístico como la iglesia gótica de San Nicolao de Cis, el monasterio de Oseira, Nosa Señora da Antiga de Monforte, Santa María de Aciveiro en Forcarei o Santa Liberata de Baiona.

Nota de prensa remitida por el Gabinete de Comunicación de la Xunta de Galicia:

A prestixiosa formación de música antiga La Morra abre o domingo 13 de setembro a oitava edición de “Espazos Sonoros”, o ciclo promovido pola Secretaría Xeral de Cultura da Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria para a descuberta e posta en valor do patrimonio histórico a través de concertos e dunha completa programación de actividades, entre as que se inclúen obradoiros de música antiga, faladoiros e visitas guiadas.

A igrexa gótica de San Nicolao de Cis, no concello coruñés de Oza-Cesuras, acollerá, a partir das 20:00 horas, o concerto inaugural deste ciclo, no que o conxunto integrado por Corina Marti (‘clavisimbalum’ e ‘organetto’), Michal Gondko (laúde) e Vivabiancaluna Biffi (canto e fídula) interpretará un programa sobre as músicas de Francesco Landini, un dos compositores italianos de maior sona do chamado trecento.

Recoñecidos grupos a artistas internacionais, como La Morra ou o cantante estadounidense Joel Frederiksen –que ofrecerá un recital de músicas barrocas e renacentistas na igrexa de Santa Liberata, en Baiona, o 18 de outubro– comparten cartel en “Espazos Sonoros” cunha mostra do mellor talento artístico galego. É o caso de Óscar Ibáñez trío, que fará gozar o público cun concerto baseado no gaiteiro de Campañó, Xan Tilve, e na gaita histórica que del se conserva no Museo de Pontevedra.

Ademais de reivindicar a figura deste músico, o concerto, que lle porá o punto final ao festival o 28 de outubro en Pontevedra, ás 20:00 horas, terá como protagonista a Xosé Filgueira Valverde, homenaxeado coas Letras Galegas 2015, que nos anos 40 promoveu unha gravación documental insólita e de gran valor etnomusicolóxico: a marcha do Corpus tocada polo gaiteiro de Campañó e comentada ao vivo por el mesmo, que foi recuperada recentemente por aCentral Folque cun estudo editado nun libro-disco sobre o gaiteiro de Campañó e a contribución de Filgueira á súa documentación sonora.

A formación galega Herbens Consort, especialista en interpretación de repertorios barrocos, actuará o domingo 11 de outubro, ás 19:00 horas, na igrexa de Santa María de Aciveiros, en Forcarei, mentres que o Quinteto Egeria, formado por intérpretes da Real Filharmonía de Galicia e do claustro de profesores do Conservatorio de Santiago, ofrecerá un repertorio de músicas populares e tradicionais adaptadas á linguaxe da música clásica.

A música tradicional tamén estará presente da man de Óscar Fernández e Carlos Quintá. O dúo de zanfona e acordeón diatónico deleitará o público cun concerto, o 24 de outubro, ás 19:00 horas, que xirará arredor dunha zanfona histórica que formou parte da colección particular da familia Massó e que se conserva no Museo Massó de Bueu. Na súa actuación reinterpretarán músicas tradicionais, nomeadamente do cancioneiro instrumental galego, a través dun repertorio de muiñeiras, xotas, valses, mazurcas, polcas e foxtrots, e cancións tradicionais mariñeiras.

E para tender pontes cara a novas linguaxes musicais, “Espazos Sonoros” contará con propostas como a de Diana Baroni, cantante e experta en interpretación de música barroca, que se presenta acompañada por Tunde Jegede, Alfonso Pacín e Rafael Guel en La Macorina, un proxecto no que converxen diferentes tradicións musicais e que ten como base o repertorio amerindio indíxena, a tradición musical europea do Renacemento e do Barroco e a tradición oral africana.

Xunto cos concertos, “Espazos Sonoros” programa actividades paralelas para lle ofrecer ao público vivencias diferentes arredor da música e do patrimonio histórico. Con este obxectivo, os órganos volverán ser protagonistas nesta nova edición de “Espazos Sonoros”. Desta volta, o festival fará parada en Monforte de Lemos, o sábado 19 de setembro, para afondar no rico patrimonio organístico e musical atesourado nesta histórica vila. A inscrición para participar nesta rolda pola paisaxe organística das terras de Lemos está aberta ata o 16 de setembro en [email protected]

A xornada, que comezará ás 11:00 horas cun achegamento aos órganos de Santa María da Régoa e San Vicente do Pino, completarase cun percorrido pola vila da man de Richard Rivera, coautor da obra ‘Itinerario histórico-musical de Monforte de Lemos’, e rematará cun concerto a cargo do Coro Vox Stellae e dos Menestreis de 1500.

Tamén regresan nesta edición as ‘Escoitas arredor de...’, un espazo de música e faladoiro para coñecer a cara máis íntima dos artistas. Desta volta, o xornalista Anxo Quintela conversará con Diana Baroni e Tunde Jegede para coñecer as súas experiencias musicais e persoais. Será na cafetería do Centro Galego de Arte Contemporánea, o día 3 de outubro ás 19:00 horas.

Os espazos divulgativos tampouco faltarán co obradoiro de achegamento á música antiga, que este ano estará dedicado á frauta de bico e que terá como escenario o refectorio de Santa María a Real de Oseira, en San Cristovo de Cea, o 26 de setembro. Neste concello, o mesmo día, “Espazos Sonoros” ofrecerá tamén unha visita guiada ao mosteiro de Oseira, á que se sumarán outras actividades como as xornadas de lecer que terán lugar en Bueu, o 24 de outubro, arredor da pegada da familia Massó e de Urbano Lugrís nesta vila pontevedresa, e no Barco, o 10 de outubro, arredor da paisaxe cultural e natural de Éntoma, xunto con camiñadas por rutas como a do camiño das Neveiras, en Aciveiro, Forcarei, o día 10 de outubro, para coñecer a cultura do xeo en Galicia.

Todos os concertos de “Espazos Sonoros” son de balde, con entrada libre ata completar a capacidade. Nas actividades con prazas limitadas, que se poden consultar en www.cultura.gal e www.espazossonoros.org, é imprescindible a inscrición previa nas datas establecidas.

R., 2015-09-08

Actualidad

Foto del resto de noticias (museo_do_pobo_galego_2.jpg) Foi inaugurada no Museo do Pobo Galego a exposición 'Transfronteiriza', da artista e cineasta tudense Diana Gonçalves, que permanecerá aberta ao público ata o 28 de marzo de 2027. A mostra parte do documental 'Mulleres da Raia', da mesma autora, e froito de tres anos de investigación. A través da linguaxe cinematográfica, de materiais documentais, arquivos históricos e elementos patrimoniais, a proposta constrúe unha experiencia arredor da memoria compartida entre Galicia e o norte de Portugal. En concreto, Transfronteiriza recupera a memoria das mulleres que viviron na fronteira entre ambos territorios a mediados do século XX, que desempeñaron un papel fundamental no comercio transfronteirizo e na supervivencia económica das familias.
Foto de la tercera plana (cdc-00.jpg) Trátase dunha iniciativa que nace como evolución de Circo Presente Continuo e que se vai desenvolver por primeira vez fóra de Madrid. A Cidade da Cultura, o Teatro Principal e o Salón Teatro serán as súas sedes na capital galega, reunindo artistas, compañías, profesionais da programación, distribuidoras e institucións para compartir proxectos e favorecer novas oportunidades de colaboración e contratación. O programa inclúe oito espectáculos, seis mostras breves e catro traballos en proceso. Entre as propostas figuran Naufragio, de Labsurda; Serena, de Circ Bover; Matrimonio, de Kolektivo Konika; Siku, de Jessica Arpin; e Sen patrón, de Pistacatro, que ofreceu un adianto artístico durante a presentación.

Notas

O concerto de Sofía Ros na Casa do Saber do Campus de Lugo este luns, 26 de outubro, ás 20.15 horas, abre unha nova semana ateigada de citas culturais na USC. Música, diversos faladoiros, así como proxeccións audiovisuais integrarán os vindeiros eventos do Outono Cultural. Ese mesmo 26 de outubr,o no Pazo de Montenegro, a partir das 17.30 horas, desenvolverase o primeiro dos encontros 'Memoria democrática'. María Valcárcel, profesora da USC e periodista cultural, é a persoa coidadora deste proxecto. O acceso require inscrición previa.
A música folk será neste 2026 a gran protagonista do ciclo Música para reCREAr, que a Vicerreitoría do campus promove coa colaboración do Concello de Pontevedra, ao abeiro dun convenio de colaboración. Esta programación botará a andar este xoves 29 de outubro, ás 20.30 horas, no Pazo da Cultura, cunha actuación do grupo Caldo, mentres que o 12 de novembro, á mesma hora, poderá coñecerse o proxecto musical do dúo Abril.
PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
HOMENAXES EGERIA
PUBLICACIONES