
Nota de prensa remitida por el Gabinete de Comunicación de la Xunta de Galicia:
O Corazón da Artesanía. IV Encontro de Artesanía Tradicional e Popular de Galicia que se celebra no concello pontevedrés de Agolada entre os días 3 e 5 de xullo, impulsado pola Consellería de Economía e Industria, contará entre o seu amplo programa de actividades cunha programación específica destinada ao público infantil. Así, a través da Fundación Centro Galego da Artesanía e do Deseño organízanse talleres para iniciar os máis pequenos en diferentes oficios artesanais que estarán centrados no traballo co papel, a elaboración de instrumentos musicais, a reciclaxe ou gastronomía.
Por unha banda, a artesá Palmira Castro, do obradoiro Mimadriña (Fisterra), impartirá o taller Elaboración de guirnalda decorativa, a partir de barquiñas e peixes de origami, cosidas cunha máquina Singer centenaria. O taller realizarase durante os tres días da feira en horario de 11:30 a 14:00 e de 17:00 a 21:00 horas.
Ademais, o luthier Xaneco Tubío (Outeiro de Rei) encargarase da actividade Elaboración de xoguetes sonoros, que se realizará o venres, o sábado e o domingo de 11:30 a 14:00 e de 17:00 a 21:00 horas. Este obradoiro ten o obxectivo de ensinarlle ao público infantil do século XXI unha serie de xoguetes sonoros que os nenos galegos elaboraban ata mediados do século XX aproveitando os elementos que a natureza lles proporcionaba.
As tardes do venres, do sábado e do domingo, de 17:00 a 19:00 horas, a Praza do Concello estará dedicada ao taller Substitúe o lixo por vida impartido pola cooperativa O Canto da Balea (Carnota). A actividade consiste en clasificar o lixo presente nas nosas costas, mediante o xogo, e substituílo por unha especie mariña. O xogo complementarase co obradoiro Artelixo, no que os máis pequenos poderán transformar este lixo en obxectos decorativos.
O domingo de 17:30 a 19:30, os nenos e nenas de entre 6 e 12 que se acheguen ata o pendello O Paladar poderán participar na actividade Artesanía no Prato, na que aprenderán a elaborar pratos fríos e posteriormente presentalos con pezas de artesanía como soporte. Para esta actividade é necesaria a inscrición previa na páxina artesaniadegalicia.xunta.es.
A cuarta edición do Corazón da Artesanía, impulsada pola Consellería de Economía e Industria, que se celebrará no conxunto histórico-artístico dos Pendellos de Agolada, é un evento integral de divulgación e de posta en valor da artesanía e dos oficios artesáns, así como da súa interrelación con outras disciplinas artísticas. No amplo programa de actividades, centrado na exposición e venda de produtos artesanais e alimentarios de calidade, inclúense tamén actuacións musicais, formación especializada para artesáns e outras actividades nas que poderá participar o público asistente como showcookings, coloquios con artesáns expertos ou obradoiros de artesanía abertos ao público.
Estes talleres gratuítos de iniciación ao oficios artesanais estarán abertos á participación de público tanto adulto como infantil e desenvolveranse ao longo dos tres días da feira en horario de mañá e de tarde. Os ceramistas Susana González Amado e Antón Román impartirán Iniciación ao torno cerámico, no Pendello Cerámica, a cesteira Lola Tourón encargarase do taller Iniciación á cestería, no Pendello Cestería, e as artesás téxtiles Aurelia Costas e María del Mar Fernández traballarán cos visitantes no Pendello Centón na elaboración dunha peza conxunta no marco do taller Iniciación ao centón.
A organización destas actividades de divulgación e posta en valor da artesanía forma parte da estratexia da Consellería de Economía e Industria para promover o talento do sector artesanal galego e consolidar un sector competitivo e transversal, un dos grandes retos do Plan de Artesanía de Galicia.
Foi inaugurada no Museo do Pobo Galego a exposición 'Transfronteiriza', da artista e cineasta tudense Diana Gonçalves, que permanecerá aberta ao público ata o 28 de marzo de 2027. A mostra parte do documental 'Mulleres da Raia', da mesma autora, e froito de tres anos de investigación. A través da linguaxe cinematográfica, de materiais documentais, arquivos históricos e elementos patrimoniais, a proposta constrúe unha experiencia arredor da memoria compartida entre Galicia e o norte de Portugal. En concreto, Transfronteiriza recupera a memoria das mulleres que viviron na fronteira entre ambos territorios a mediados do século XX, que desempeñaron un papel fundamental no comercio transfronteirizo e na supervivencia económica das familias.
Trátase dunha iniciativa que nace como evolución de Circo Presente Continuo e que se vai desenvolver por primeira vez fóra de Madrid. A Cidade da Cultura, o Teatro Principal e o Salón Teatro serán as súas sedes na capital galega, reunindo artistas, compañías, profesionais da programación, distribuidoras e institucións para compartir proxectos e favorecer novas oportunidades de colaboración e contratación. O programa inclúe oito espectáculos, seis mostras breves e catro traballos en proceso. Entre as propostas figuran Naufragio, de Labsurda; Serena, de Circ Bover; Matrimonio, de Kolektivo Konika; Siku, de Jessica Arpin; e Sen patrón, de Pistacatro, que ofreceu un adianto artístico durante a presentación.