Noticias

La gallega Limiar Teatro y la brasileira Acaso Dança presentan en la capital de Galicia el montaje internacional Pangeia

Con la colaboración del CCDG, las compañías gallegas y brasileira Limiar Teatro y Acaso Dança presentan en el Salón Teatro de Compostela el espectáculo Pangeia. Siete actores, bailarines y músicos intervienen en esta producción internacional que profundiza en los caminos culturales comunes para cuestionar los estereotipos.

Nota de prensa remitida por el Gabinete de Comunicación de la Xunta de Galicia:

Galicia, Brasil e Portugal unen camiños escénicos en Pangeia, produción internacional liderada pola compañía galega Limiar Teatro e a brasileira Acaso Dança, que se representará a partir de mañá día 15 no Salón Teatro de Santiago. O Centro Dramático Galego (CDG) da Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria colabora na estrea galega desta montaxe multidisciplinar, que chega a Compostela tras o éxito obtido en Portugal e Brasil, países onde contou co apoio do Centro Cultural Malaposta de Lisboa, o Festival Janeiro de Grandes Espectáculos de Recife e a Asociación de Produtores de Pernambuco.

Sobre o escenario, sete artistas –catro galegos e tres brasileiras– fusionan teatro, danza, música e mesmo cociña nunha ambiciosa proposta, tanto desde o punto de vista creativo como loxístico, que poderá verse na sede do CDG ata o día 19, con cinco funcións para público xeral (de mércores a sábado, ás 20.30 horas, e o domingo, ás 18.00 h) e tres pases matinais concertados con diferentes centros educativos.

Anxo Lorenzo, secretario xeral de Cultura, e Manuel Guede Oliva, director do Centro Dramático Galego, acompañaron hoxe a Fran Núñez e Bárbara Aguiar -fundadores e directores de Limiar Teatro e Acaso Dança, respectivamente- na presentación do seu espectáculo. Ambos asinan conxuntamente a dirección e a dramaturxia, ademais de formar parte do elenco interpretativo xunto aos galegos Coco Castro, Manuel Polo e Hugo Rodríguez, e ás brasileiras Ana Catarina Maia e Karol Nurza.

Segundo explicou o secretario xeral de Cultura, a colaboración do Centro Dramático Galego nesta produción enmárcase no plan de traballo que a compañía institucional galega vén mantendo nos últimos anos con diferentes estruturas teatrais públicas e privadas do ámbito lusófono. Nesta mesma liña de actuación, insírese a parcería co Teatro Nacional D. María II de Lisboa para o intercambio de autores claves das dramaturxias de ambas as beiras do Miño, a presenza no Salón Teatro de formacións como Teatro Bruto do Porto, as compañías de Braga e Almada e a plataforma PELE, ou a participación do CDG no ‘Proxecto Nós Territorio (ES)Cénico Portugal-Galicia’.

Xunto co teatro, a danza e a música, en 'Pangeia' mestúranse diferentes acentos e idiomas para afondar nos camiños culturais que unen Galicia, Portugal e Brasil, interpelando ao espectador sobre temas universais e botando man de metáforas visuais como a maleta, o pan ou a coroza, co obxectivo último de desmontar os estereotipos. O propio título do espectáculo, tomado do supercontinente único que existiu hai máis de 250 millóns de anos e cuxa fragmentación deu orixe á deriva e división continental, preséntase igualmente como metáfora, neste caso da deriva cultural no mundo globalizado.

En canto á posta en escena, a súa composición en pequenas escenas ligadas entre si dá forma a unha estrutura circular, de xeito que a peza comeza e remata no mesmo punto. Os seus sete intérpretes encárganse tamén de crear e manipular a luz e o son do espectáculo, nun xogo de retroalimentacións sonoras e persecucións lumínicas integradas nos ambientes deseñados por Coco Castro e Fran Núñez. A composición musical corre a cargo de José Carlos Illanes, quen exerce así mesmo de director musical, xestual e asistente de dirección escénica, mentres que Nuria Gullón asina a dirección vocal.

Do mesmo xeito que Limiar e Acaso estreitaron lazos creativos a partir dunha estadía artística que compartiron en Portugal, o seu proxecto conxunto fraguouse ao longo das súas residencias no programa Gerarte de Viana do Castelo, na Casa Colorida de Nigrán e no Centro Nautilus de Vigo. Contaron, ademais, co apoio do Concello de Gondomar.

Tras a súa exhibición no Salón Teatro, 'Pangeia' desenvolverá unha xira por Galicia e Portugal, na que destaca a súa participación na Mostra Internacional de Teatro Universitario (Miteu) de Ourense, onde se exhibirá o día 22, así como na próxima Bienal de Culturas Lusófonas de Lisboa.

As entradas para as súas cinco funcións xerais en Santiago están xa á venda no web entradas.abanca.com e no despacho de billetes do Teatro Principal, aberto desde hoxe e ata o sábado de 18.00 a 21.00 horas. No Salón Teatro, poderán adquirirse desde dúas horas antes do inicio de cada representación.

O espectáculo tamén forma parte da oferta do Bono de Teatro Galego (e Portugués), promovido conxuntamente polo Concello de Santiago de Compostela e a Axencia Galega das Industrias Culturais (Agadic). O prezo deste bono, que pode mercarse nos devanditos despachos de billetes, é de 35 euros para un total de 5 funcións a elixir entre todas as desenvolvidas en 2015 no marco deste programa promocional.

Fotografía: https://limiarteatro.wordpress.com/

Más información: https://limiarteatro.wordpress.com/

R., 2015-04-14

Actualidad

Foto del resto de noticias (museo_do_pobo_galego_2.jpg) Foi inaugurada no Museo do Pobo Galego a exposición 'Transfronteiriza', da artista e cineasta tudense Diana Gonçalves, que permanecerá aberta ao público ata o 28 de marzo de 2027. A mostra parte do documental 'Mulleres da Raia', da mesma autora, e froito de tres anos de investigación. A través da linguaxe cinematográfica, de materiais documentais, arquivos históricos e elementos patrimoniais, a proposta constrúe unha experiencia arredor da memoria compartida entre Galicia e o norte de Portugal. En concreto, Transfronteiriza recupera a memoria das mulleres que viviron na fronteira entre ambos territorios a mediados do século XX, que desempeñaron un papel fundamental no comercio transfronteirizo e na supervivencia económica das familias.
Foto de la tercera plana (cdc-00.jpg) Trátase dunha iniciativa que nace como evolución de Circo Presente Continuo e que se vai desenvolver por primeira vez fóra de Madrid. A Cidade da Cultura, o Teatro Principal e o Salón Teatro serán as súas sedes na capital galega, reunindo artistas, compañías, profesionais da programación, distribuidoras e institucións para compartir proxectos e favorecer novas oportunidades de colaboración e contratación. O programa inclúe oito espectáculos, seis mostras breves e catro traballos en proceso. Entre as propostas figuran Naufragio, de Labsurda; Serena, de Circ Bover; Matrimonio, de Kolektivo Konika; Siku, de Jessica Arpin; e Sen patrón, de Pistacatro, que ofreceu un adianto artístico durante a presentación.

Notas

O concerto de Sofía Ros na Casa do Saber do Campus de Lugo este luns, 26 de outubro, ás 20.15 horas, abre unha nova semana ateigada de citas culturais na USC. Música, diversos faladoiros, así como proxeccións audiovisuais integrarán os vindeiros eventos do Outono Cultural. Ese mesmo 26 de outubr,o no Pazo de Montenegro, a partir das 17.30 horas, desenvolverase o primeiro dos encontros 'Memoria democrática'. María Valcárcel, profesora da USC e periodista cultural, é a persoa coidadora deste proxecto. O acceso require inscrición previa.
A música folk será neste 2026 a gran protagonista do ciclo Música para reCREAr, que a Vicerreitoría do campus promove coa colaboración do Concello de Pontevedra, ao abeiro dun convenio de colaboración. Esta programación botará a andar este xoves 29 de outubro, ás 20.30 horas, no Pazo da Cultura, cunha actuación do grupo Caldo, mentres que o 12 de novembro, á mesma hora, poderá coñecerse o proxecto musical do dúo Abril.
PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
HOMENAXES EGERIA
PUBLICACIONES