
Nota de prensa remitida por el Gabinete de Comunicación de la Xunta de Galicia:
O presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, subliñou que o primeiro Plan de Investimentos Conxuntos da Eurorrexión Galicia-Norte de Portugal supón un novo salto cualitativo para afianzar a súa posición de vangarda na cooperación territorial europea. Segundo dixo, esa estratexia común pon o acento sobre as metas fixadas pola Unión Europea de cara ao horizonte de 2020: o investimento inmaterial e en capital humano, o que sinalou como a auténtica clave do histórico desenvolvemento do vello continente.
O presidente da Xunta, que asistiu en Baiona ao X plenario da Comunidade de Traballo Galicia-Norte de Portugal, sinalou que unha das iniciativas conxuntas entre Galicia e o Norte de Portugal, o acordo interuniversitario da Eurorrexión, chamado Programa Iacobus, será un referente e un novo modelo de cooperación universitaria europea. Trátase, remarcou, da semente do que debe chegar a ser o espazo común luso-galaico, un lugar onde xurdan grupos de investigación nutridos por mozos e técnicos capacitados de ambos os lados da fronteira e onde agromen spin-offs que se transfiran á empresa e medren en dimensión e diversidade.
Na súa intervención no acto, no que se procedeu ao traspaso da presidencia da Comunidade de Traballo ao presidente da Comisión de Coordinación e Desenvolvemento Rexional do Norte, Emídio Gomes, Feijóo sinalou que a Eurorrexión ten por diante un período decisivo no que debe aproveitar a infraestrutura desenvolvida desde 1991 e tomar medidas que sirvan para unir aínda máis ambos os territorios e desenvolver os intereses comúns.
Así, referiuse ás iniciativas que estreitan os lazos económicos, como xa se fixo coas plataformas compartidas no eido da automoción ou no campo da investigación, a través da experiencia do Laboratorio de Nanotecnoloxía de Braga. Avogou, na mesma liña, por afianzar as relacións ambientais xa iniciadas a través da posta en valor conxunta do Parque Gêres-Xurés, así como por reforzar a unión cultural, por exemplo, impulsando as industrias turísticas coa promoción común do Camiño Portugués a Santiago. Con ese obxectivo avanzou que proximamente se asinará un convenio entre os concellos polos que discorre.
Para o mandatario autonómico, a nova etapa de cooperación, marcada polo cambio no escenario orzamentario europeo, é un punto e seguido no que, simplemente, renovamos enerxías para seguir traballando xuntos na Eurorrexión unida e perfectamente aliñada cos obxectivos da Estratexia Europea 2020.
Nese sentido, destacou que o Plan de Investimentos Conxuntos, ademais da cooperación entre administracións, concorda coa folla de ruta comunitaria, ao poñer o lente sobre o investimento en capital humano, para reducir drasticamente o abandono escolar e mellorar a formación das novas xeracións, apostando ao tempo con determinación pola investigación e a innovación como ferramentas básicas para a imprescindible mellora da competitividade económica.
Alberto Núñez Feijóo indicou que o Plan é froito dunha tarefa tenaz, rigorosa e metódica desenvolvida conxuntamente en Bruxelas por Galicia e Portugal desde 2010, na procura dos fondos europeos necesarios para avanzar na estratexia de cooperación no novo escenario orzamentario. Por ese motivo, considerou que a decisión da UE de aumentar nun 30% os fondos destinados á cooperación territorial no novo período supón unha declaración de intencións que convida ao optimismo sobre a validación por parte das autoridades comunitarias do noso Plan de Investimentos Conxuntos e, polo tanto, sobre a posibilidade de dispor de cofinanciamento para materializalo.
O titular do Executivo galego defendeu a contribución da Eurorrexión á construción do proxecto europeo e afirmou que Galicia e o Norte de Portugal temos traballado para blindar a Eurorrexión do escepticismo.
Froito do traballo destes anos é, para o mandatario autonómico a existencia hoxe dunha Eurorrexión máis ampla, na que cren e se integran cada vez máis cidadáns, coa unión de Castela-León e o proxecto en marcha para a incorporación de Asturias e da zona centro de Portugal. Deste xeito manifestou- temos sido capaces de ir configurando unha macrorrexión de referencia en Europa, que alcanzará 12,5 millóns de habitantes e unha superficie de 184.000 quilómetros cadrados.
Xunto con isto, resaltou que hoxe contamos cunha Eurorrexión máis organizada e eficiente, grazas á consolidación da Agrupación Europea de Cooperación Territorial que iniciou a súa andaina hai catro anos e que está cumprindo coa súa obriga de adecuarse aos novos regulamentos comunitarios e de impulsar programas conxuntos.
Feijóo destacou, ademais, o avance cara a unha cooperación de proximidade, coas eurocidades de Verín-Chaves e Tui-Valença, cuxa incorporación como membros da Comunidade de Traballo se someterá hoxe á votación do plenario.
O presidente da Xunta subliñou a maior capacidade de financiamento actual da Eurorrexión e enfatizou a constancia e a determinación coa que temos traballado todos no seo do Comité das Rexións, o que permitiu que, no caso de Galicia poidamos seguir mantendo fondos estruturais a pesar de deixar de ser obxectivo prioritario en Europa e, ademais, puideramos incrementar os fondos transfronteirizos.
Feijóo puxo en valor a mellora nas comunicacións no seo da Eurorrexión, e asegurou que estamos no camiño de remover as eivas e os obstáculos que a constrinxían, tanto na rede de autoestradas (solucionado xa o problema das peaxes) como especialmente no que se refire á rede ferroviaria e a facer realidade a aspiración de que Vigo e Porto estean conectadas por tren en menos de hora e media. Nese sentido, salientou o compromiso do Goberno portugués de investir 100 M para mellorar a liña desde Porto no horizonte de 2017, e xa para este 2014 o compromiso do Goberno de España de rematar o Eixo Atlántico do AVE.
Así mesmo, no tocante á liña entre Nine (Braga) e Tui, Feijóo lembrou a vontade do Ministerio de Fomento de acordo coa carta remitida pola ministra o pasado 14 de xaneiro á Xunta- de adecuar o tramo galego entre Guillarei e Tui de xeito simultáneo a Portugal.
Nota de prensa remitida por el Gabinete de Comunicación de la Diputación Provincial de Ourense:
O presidente da Deputación de Ourense, Manuel Baltar, asistiu no Parador de Baiona (Pontevedra) ao X Plenario da comunidade de traballo Galicia-Norte de Portugal, no que se debate sobre o Plan de investimentos conxuntos 2014-2020 da Eurorrexión Galicia-Norte de Portugal. Baltar considera que neste novo período que se abre temos que aproveitar o potencial endóxeno que temos en Galicia, e, sinaladamente, sectores como o do termalismo e o turismo cultural, para atraer proxectos que xeren emprego e valoricen o noso.
O plenario, que foi inaugurado polo presidente da Xunta de Galicia, Alberto Núñez Feijoo, debateu aspectos como o plan de investimentos conxuntos da eurorrexión, a cooperación territorial europea no marco da estratexia Europa 2020, e expuxo diversas experiencias de cooperación, ademais de facer balance das actividades desenvolvidas no marco desta comunidade de traballo Galicia-Norte de Portugal.
Manuel Baltar afirma que a cooperación en todos os ámbitos é o obxectivo entre os diferentes axentes da eurorrexión para que sigamos asumindo ese compromiso de colaboración conxunta e levar a cabo proxectos que valoricen o noso entorno e melloren as condicións de vida e o benestar dos cidadáns que viven na eurorrexión, no novo período que se abre ata o ano 2020.
O presidente provincial destacou que este plenario é de utilidade para o coñecemento, planificación e debate sobre o próximo período de fondos europeos e permitiranos saber como aproveitar mellor estes recursos que pon ao noso alcance a Unión Europea, e considera que este ano se produce un punto de inflexión co fin dun período e comezo do 2014-2020, unha nova etapa que temos que iniciar coa clarividencia que outorga a experiencia e sumando identidades para conseguir que os nosos territorios sigan avanzando cara un rol de liderado. A cooperación transfronteiriza é, segundo Baltar, un dos medios máis eficaces para aproximar poboacións fronteirizas e para o seu desenvolvemento.
Neste senso, días pasados a Deputación de Ourense e a consultora Pricewaterhouse Coopers asinaron unha alianza estratéxica para atraer proxectos europeos a Ourense. O acordo ten como obxectivo a busca de recursos que favorezan a creación de emprego baseándose no potencial da nosa provincia nos ámbitos termal e turístico, entre outros. O acordo inclúe o asesoramento e realización de proxectos por parte de PwC no novo marco comunitario que se abre no período 2014-2020. Trátase dun labor de consultoría integral para a sondaxe, busca e planificación de iniciativas da man desta compañía internacional especializada na xestión de fondos europeos.
Nota de prensa remitida por el Gabinete de Comunicación del Concello de Tui:
Celebrábase o X Plenario da Comunidade de Traballo Galicia-Norte de Portugal no parador de Baiona. No acto formalizouse a entrada ao organismo da Eurocidade Tui-Valença xunto coa inclusión tamén da unión
Chaves-Verín.
O alcalde de Tui, Moisés Rodríguez, interviña en representación das dúas localidades que conforman a Eurocidade, agradecendo a acollida neste organismo no que, confiamos que a experiencia do traballo conxunto que esta Comunidade de Traballo leva desenvolvido impulse o proxecto de cooperación emprendido recentemente polas cidade de Tui e Valença.
A Eurocidade Tui-Valença, xurdida en febreiro de 2013, abrangue a 35 mil habitantes, nun novo concepto de cooperación de segunda xeración no ámbito europeo. Dúas cidades, que viven fronte a fronte que están institucionalizando unha cooperación que xa é efectiva e real na vida diaria das dúas comunidades.
Trátase este dun proxecto que xorde nun tempo de incerteza e crise e que ten levado aos responsables do Concello de Tui e da Cámara Municipal de Valença a promover este proxecto de cooperación renunciando expresamente, en palabras de Moisés Rodriguez, á creación de novos organismo locais ou a contratación de novo persoal, para así impulsar o persoal e recursos de ambos municipios que realizan un meritorio traballo conxunto.
Conscientes destas dinámicas, Valença e Tui, teñen potenciado as sinerxías entre as dúas cidades, ao nivel da promoción turística, da xestión compartida dos equipamentos públicos e na organización de eventos, nas mais diversas áreas.
Cidades históricas e turísticas, con monumentos de grande valor, como a Fortaleza de Valença e a Catedral de Tui, un rico e diversificado tecido comercial, a oferta de actividades deportivas e de lecer e boa oferta hoteleira e de restauración colocan ao turismo como unha das grandes apostas da Eurocidade. A presenza da mesma na BTL, FITUR e Vigoferia, son exemplos da promoción conxunta dos dous territorios no exterior, cada vez mais efectiva e que destaca pola súa novidade.
Compartir equipamentos e servizos é outra das grandes realidades que as dúas cidades queren institucionalizar. A Piscina Municipal de Valença, o Teatro Municipal de Tui, o Conservatorio de Música os Bombeiros Voluntários de Valença e os Servizos de Saúde son algúns dos servizos e equipamentos con utilización conxunta cuxos modelos de xestión compartida poden aportar grandes beneficios para as comunidades locais e mesmo rexionais.
Esta xestión compartida do territorio é a grande meta de Tui e Valença coa institucionalización dunha Eurocidade nun modelo de cooperación que aspira a ser un modelo de relación de segunda xeración que demostre un novo modelo de cidadanía europea.
Fotografías: Gabinete de Comunicación de la Xunta de Galicia
Galicia vén de acadar os 43.000 beneficiarios do Bono Coidado no Fogar e consolídase como referente na atención á dependencia en España. Esta medida pioneira, posta en marcha pola Xunta hai dous anos e única no conxunto do país, permite que as persoas dependentes poidan recibir coidados no seu fogar e forma parte do compromiso da Xunta coa atención á dependencia. Neste sentido, o Executivo autonómico destinou este ano 179 millóns de euros para esta prestación. O Bono Coidado no Fogar consiste nunha axuda de 5.000 euros ao ano para os dependentes que son coidados nos seus domicilios por un familiar ou calquera outra persoa da súa contorna.
O sistema educativo galego contará con 536 centros plurilingües o próximo curso 2026/27 nas etapas de Infantil, Primaria, ESO ou Bacharelato e FP. Seis centros decidiron incorporarse a esta iniciativa e outros dous ampliar a súa participación na mesma a outras etapas, o que confirma o incremento progresivo deste modelo, voluntario para os centros, desde a súa posta en marcha. Do total dos centros con modelo plurilingüe, 445 serano en Primaria e 93 en ESO, 259 en Infantil, 16 centros en Bacharelato e 40 en FP. Ademais dos centros plurilingües, a Consellería oferta diversas modalidades.