
Nota de prensa remitida por el Gabinete de Comunicación de la Xunta de Galicia:
O conselleiro de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria, Xesús Vázquez Abad, inaugurou a exposición Do it yourself! Os incunables contemporáneos dun impresor particular, unha viaxe de séculos desde a invención da imprenta por Gütenberg ata a edición dixital a través dunha historia única e persoal, a do galego Francisco Barros Cascallar, máis coñecido como Chankecham, zapateiro de profesión e escritor de vocación que a partir dunha antiga prensa para a elaboración do viño publicou a súa obra.
Así, desde hoxe ata o 10 de xuño, o Arquivo de Galicia da Cidade da Cultura custodia este legado, seguindo os pasos doutros centros de recoñecido prestixio internacional como a Biblioteca Vaticana ou as nacionais de España, Francia e Portugal ás que Chankecham enviou exemplares da súa obra, consciente das pezas únicas que supoñen
Xunto coa directora-xerente da Fundación Cidade da Cultura de Galicia, Beatriz González Loroño; e o comisario da exposición, Anxo Rabuñal; Vázquez Abad inaugurou a mostra, composta nove libros cuase-incunables, o tórculo, a imprenta, os tipos e o instrumental, as pranchas de gravado e outros elementos xunto con documentación sobre o seu prodixioso e secreto labor creativo.
Vázquez Abad salientou o incalculable valor deste legado, que permite poñer á Biblioteca da Cidade da Cultura na senda deses centros de recoñecido prestixio internacional. Neste sentido o conselleiro destacou ademais o compromiso do departamento que dirixe para a través de iniciativas como esta, dar a coñecer o talento dos nosos creadores e artistas a través de diferentes formatos, ademais de poñer en valor os fondos da Biblioteca de Galicia.
A exposición -que se abre cunha enorme pintura mural feita polo artista Kukas e que reproduce unha das estampas de Chankecham: a conversa do Home da Barba Florida coas estrelas da noite- inclúe ademais unha mostra dos catro libros dixitais editados por Chankecham e un documentario sobre a súa obra e persoa realizado por Simón Vázquez.
De forma paralela á mostra, nos primeiros días de maio terá lugar un obradoiro de autoedición dirixido polo artista Federico Guzmán e titulado "Candura & Coraxe", co que se porá en funcionamento, por derradeira ocasión, a imprenta inventada por este fabuloso e escondido artista impresor. Chankecham, un impresor particular Francisco Barros Cascallar (Pontecesures, 1931) é un poeta, escritor e artista que con tesón e grande ambición levou adiante a "reinvención" da imprenta de Gutenberg e logrou editar a súa propia obra ante a indiferenza das editoriais. De formación autodidacta, en Madrid mercou os seus primeiros libros que viaxaron sempre con el nunha maleta, primeiro a Brasil en 1956 e logo no retorno a Galicia en 1968. Desta forma, a súa maleta de libros converteuse nunha "universidade portátil, ao gusto persoal". A súa obra literaria iniciouse con tres libriños de poemas financiados do seu peto, mais, insatisfeito co resultado, resolveu emprender da súa man a titánica tarefa de completar todas as fases de elaboración dun libro, dende a composición da páxina ao encadernado, comezando pola construción manual dunha imprenta e outros útiles e acabando coa creación de fabulosas imaxes 'brut' para enfeitar as páxinas. Este empeño levouno a estampar curtas tiraxes dun total de nove libros, facendo deles uns asombrosos incunables contemporáneos: No Jardim das Pedras, O Livro dos samarúas, O Laio de Tantotem, Galitopía, Cantigas de Escarnho, O Fantasminha Camarada, Requiem por un Sonho nom Nato, O Livro do Desespero e Viage ao Fim dos Tempos. Chankecham é un creador de mundos. Personaxes entrañables como o Home da Barba Florida, o coitado Tantotem, o pantasma Joao Ninguem, o pobo dos Samarúas ou a Esfinxe da Silvouta, seres que habitan o Xardín das Pedras, o País da Felicidade, o planeta Luz Divina, a terra futurista de Galitopia
e outras paraxes onde el viaxa "na máis poderosa e potente nave interestelar que viron os tempos, a fantástica nave da imaxinación".
Libros para ver: tres exposicións ao redor do libro Do it yoursef! Incunables contemporáneos dun impresor particular forma parte dun ciclo de exposicións que acolle o Arquivo de Galicia e que xira ao redor dun denominador común: o libro. Libros para ver é o título común a estas tres mostras que inclúe a exposición de Caxigueiro e Baldo Ramos, Os ollos das palabras, coa que se inaugurou este ciclo o venres 9 de marzo, e Orixes do cómic en Galicia, que tamén pode visitarse desde o 16 deste mes.
Fotografía: Xunta de Galicia.
O XXXVI Festival de Jazz de Lugo ofrecerá do 4 ao 14 de novembro un total de 22 actuacións que combinarán grandes figuras internacionais cunha ampla presenza de músicos galegos en catro escenarios. Conforme ao programa, o Auditorio Fuxan os Ventos acollerá a apertura o mércores 4 co trío do saxofonista e clarinetista cubano Paquito DRivera. Neste mesmo escenario actuarán Abe Rábade, o día 8, e Kenny Barron Trio, o 11. No Círculo das Artes sucederanse James Carter Organ Trio, o 5 de novembro; Jogo de Damas, o día 6; Takuya Kuroda Quintet, o 7; Patricia Brennan Septet, o día 12; Erik Truffaz & Antonio Lizana, o día 13, e Clarence Bekker Band, o 14 de novembro.
O informe da Dirección Xeral de Saúde Pública da Consellería de Sanidade sobre a actividade das infeccións respiratorias agudas referido á semana que rematou o 25 de outubro reflicte que a actividade gripal na comunidade mantén o seu nivel basal con tendencia crecente, constatando un incremento na dispensación de antigripais nas farmacias galegas. En concreto, a taxa de dispensación de antigripais nas farmacias aumentou un 38,9 % na última semana, mentres que a de probas de antíxenos se reduciu nun 17,9 %, tal e como informan as oficinas de farmacia integradas na rede sentinela impulsada pola Xunta, co obxectivo de anticipar a evolución dos virus respiratorios na comunidade.