
Nota de prensa remitida por el Gabinete de Comunicación de la Xunta de Galicia:
Inversa Teatro convida a reflexionar sobre o universo feminino na súa proposta Paper Dolls. O silencio das damas, a cuarta produción da compañía pontevedresa que poderá verse o venres 17 e o sábado 18, ás 20.30 horas, no Salón Teatro de Santiago de Compostela. A carteleira do espazo do Centro Dramático Galego (CDG) amosa nesta ocasión un proxecto peculiar e experimental, xa que consta dunha obra de teatro e máis dun documental (Paper Dolls.doc) sobre o propio proceso de creación da peza teatral e que se proxecta ao final da representación.
A montaxe está escrita e dirixida por Lola Correa e conta coa interpretación das actrices Vanesa Sotelo e Marta Pérez. Á súa vez, o documental ten como director a Manu Paz e nel ponse de manifesto como é un proceso de creación dunha obra de teatro, dende os aspectos máis artísticos para resolver unha escena, ata as dificultades e traballos propios da produción.
Paper Dolls. O silencio das damas é un conxunto de material visual que recrea, nun presente ambiguo, as paisaxes da vida de dúas mulleres calquera para levar ao espectador a reflexionar sobre o que foi e o que é hoxe a situación da muller na sociedade. É tamén un exemplo máis da aposta de Inversa Teatro pola procura dunha linguaxe propia, obxectivo primordial desta compañía, fundada e dirixida por Marta Pérez en 2009, que fundamenta o seu traballo na convivencia de diferentes campos artísticos, como son a música e as artes escénicas, audiovisuais e gráficas.
As Paper Dolls son as bonecas recortables daqueles anos 40-50 nos que as mulleres eran só papel, que se vestían e xogaban coa fraxilidade absoluta. A partir desta imaxe xorde esta proposta escénica, que afonda na dureza que envolve a superficialidade coa que trata a sociedade o mundo feminino e o mundo da escena. Xuntando estes dous paradoxos nos que as actrices e a directora escénica se viron envoltas como mulleres e como creadoras, as tres artistas centraron como idea básica a súa visión do binomio escena-muller.
A montaxe indaga sobre o que queda daquel rol nas mulleres do século XXI, sobre a idea do papel como material, como concepto, como idea e tamén como actitude de submisión. Temas como a liberdade de elección ante o aborto, a vida sexual ou a elección do pracer son formulados en Paper Dolls dende a óptica do progreso do individuo e da nova estrutura do ser feminino que está á altura do varón despois de anos de reivindicación.
As entradas para asistir ás dúas funcións no Salón Teatro poranse á venda no despacho de billetes do número 34 da Rúa Nova, aberto o venres e sábado a partir das 18.30 horas. Tamén se poden adquirir por adiantado na billeteira electrónica a través do teléfono 902 43 44 43 ou da web http://entradas.novagaliciabanco.es. O prezo das localidades é de 10 euros, cun desconto do 40% para estudantes, xubilados, usuarios do carné xoven, desempregados e determinados colectivos profesionais.
O XXXVI Festival de Jazz de Lugo ofrecerá do 4 ao 14 de novembro un total de 22 actuacións que combinarán grandes figuras internacionais cunha ampla presenza de músicos galegos en catro escenarios. Conforme ao programa, o Auditorio Fuxan os Ventos acollerá a apertura o mércores 4 co trío do saxofonista e clarinetista cubano Paquito DRivera. Neste mesmo escenario actuarán Abe Rábade, o día 8, e Kenny Barron Trio, o 11. No Círculo das Artes sucederanse James Carter Organ Trio, o 5 de novembro; Jogo de Damas, o día 6; Takuya Kuroda Quintet, o 7; Patricia Brennan Septet, o día 12; Erik Truffaz & Antonio Lizana, o día 13, e Clarence Bekker Band, o 14 de novembro.
O informe da Dirección Xeral de Saúde Pública da Consellería de Sanidade sobre a actividade das infeccións respiratorias agudas referido á semana que rematou o 25 de outubro reflicte que a actividade gripal na comunidade mantén o seu nivel basal con tendencia crecente, constatando un incremento na dispensación de antigripais nas farmacias galegas. En concreto, a taxa de dispensación de antigripais nas farmacias aumentou un 38,9 % na última semana, mentres que a de probas de antíxenos se reduciu nun 17,9 %, tal e como informan as oficinas de farmacia integradas na rede sentinela impulsada pola Xunta, co obxectivo de anticipar a evolución dos virus respiratorios na comunidade.