
Nota de prensa remitida por el Gabinete de Comunicación de la Xunta de Galicia:
O Salón Teatro de Santiago acolle o xoves 15 e o venres 16de decembro ás 20.30 horas a posta en escena de Cabaré de caricia y puntapié, unha montaxe da compañía El Gato Negro en coprodución co Centro Dramático de Aragón (CDA), que poderá verse no espazo escénico que xestiona o Centro Dramático Galego (CDG) dentro dun acordo de colaboración que manteñen as dúas compañías públicas. Dirixido por Alberto Castrillo-Ferrer e interpretado por Carmen Barrantes e Jorge Usón, a obra chega a Galicia tras a súa representación en diversas cidades españolas, así como en Bos Aires, e despois de acadar en 2010 o Premio Max ao mellor espectáculo de teatro musical.
A directora do CDG, Blanca Cendán, e o director do CDA, Antonio González, compartiron hoxe a presentación aos medios de Cabaré de caricia y puntapié, nun acto no que tamén participaron o director escénico e os dous intérpretes da montaxe.
Estreada en Huesca en 2008, trátase dunha proposta escénica e musical que, en forma de fábula coral, percorre o París dos anos corenta a través do humor que desprenden as cancións de Boris Vian, artista de culto en Francia pero apenas coñecido en España. Home polifacético, que foi músico, compositor, enxeñeiro, escritor ou dramaturgo, pero que ante todo exerceu o papel de axitador cultural e social, caracterizouse por ser sempre un autor polémico e crítico coa súa época, aínda que a súa vida se truncou prematuramente á idade de corenta anos.
Para crear a peza, El Gato Negro tomou como referencia a parte máis trepidante das cancións compostas por Boris Vian. Sen perder a ironía e a cáustica da súa obra, son tamén o apartado menos surrealista da produción desta figura imprescindible da bohemia parisiense do século XX, quen, a partir de pequenas historias cotiás, esboza mundos de grande intensidade abordando con moito humor cuestións universais e imperecedoiras como o amor, a violencia, o materialismo, o antimilitarismo ou o desamor.
Cabaré de caricia y puntapié transcorre ao longo de dez cancións que foron elixidas pola súa forza, a súa comicidade e a súa mensaxe, unhas veces crítica e sempre contraditoria. Tanto a temática como os estilos musicais son variados, e van dende un tango ata un cha-cha-chá pasando polo rock and roll ou o jazz.
Os actores-cantantes, Carmen Barrantes no papel de Doris e Jorge Usón no de Boris, encárganse de levalas a escena creando un desfile de case 30 personaxes que enchen este cabaré, como dous carniceiros de barrio que cantan un tango, un masoquista con gustos extravagantes, un 'snob' orgulloso de selo, ou unha cabareteira que desaconsella o matrimonio, entre outros. Cada canción está envolvida polo seu propio universo e da man destes peculiares mestres de cerimonias sáltase dun universo a outro.
Desde a súa creación en 1999, El Gato Negro realizou unha vintena de espectáculos de diferente formato, dende performances a teatro de rúa e teatro de sala, aínda que non é ata o ano 2002, con Ildebrando Biribó o un soplo al alma, que comeza unha firme andaina profesional. En 2004 obtén o premio Jóvenes Creadores de la Comunidad de Madrid por unha versión de Peer Gynt de Ibsen, Un tal Pedro, escrita por Íñigo Ramírez de Haro. Na actualidade, á parte de Ildebrando e deste Cabaré de Caricia y Puntapié, posúe outros dous espectáculos en xira: El Misántropo (en coprodución co Teatro da Abadía de Madrid e Yster Teatro Antzerki de Donostia) e Ser o no ser, con dirección de Luca Franceschi.
As localidades para asistir ás dúas funcións de Cabaré de caricia y puntapié xa están á venda a través da billeteira electrónica da páxina web entradas.novagaliciabanco.es e do teléfono 902 43 44 43. Poden adquirirse, asemade, no despacho de billetes do Salón Teatro, que permanecerá aberto dende dúas horas antes do comezo de cada representación. O seu prezo é de 10 euros, con descontos do 40 por cento para estudantes, xubilados, usuarios do carné xoven, desempregados e determinados colectivos profesionais.
Máis información e imaxes en:
http://cabaredecariciaypuntapie.blogspot.com
O XXXVI Festival de Jazz de Lugo ofrecerá do 4 ao 14 de novembro un total de 22 actuacións que combinarán grandes figuras internacionais cunha ampla presenza de músicos galegos en catro escenarios. Conforme ao programa, o Auditorio Fuxan os Ventos acollerá a apertura o mércores 4 co trío do saxofonista e clarinetista cubano Paquito DRivera. Neste mesmo escenario actuarán Abe Rábade, o día 8, e Kenny Barron Trio, o 11. No Círculo das Artes sucederanse James Carter Organ Trio, o 5 de novembro; Jogo de Damas, o día 6; Takuya Kuroda Quintet, o 7; Patricia Brennan Septet, o día 12; Erik Truffaz & Antonio Lizana, o día 13, e Clarence Bekker Band, o 14 de novembro.
O informe da Dirección Xeral de Saúde Pública da Consellería de Sanidade sobre a actividade das infeccións respiratorias agudas referido á semana que rematou o 25 de outubro reflicte que a actividade gripal na comunidade mantén o seu nivel basal con tendencia crecente, constatando un incremento na dispensación de antigripais nas farmacias galegas. En concreto, a taxa de dispensación de antigripais nas farmacias aumentou un 38,9 % na última semana, mentres que a de probas de antíxenos se reduciu nun 17,9 %, tal e como informan as oficinas de farmacia integradas na rede sentinela impulsada pola Xunta, co obxectivo de anticipar a evolución dos virus respiratorios na comunidade.