Noticias

La Xunta confía en que el programa Empregatex consiga empleo al 60% de los participantes

El programa Empregatex, primera iniciativa consensuada en el marco del diálogo social en Galicia, consigue la inserción laboral de 160 desempleados del sector textil gallego y confía en que la cifra final alcance el 60% de colocaciones. En la primera fase de esta iniciativa encontraron trabajo el 31,49% de los participantes.

Nota de prensa remitida por el Gabinete de Comunicación de la Xunta de Galicia:

Un total de 160 persoas desempregadas do sector téxtil acadaron a súa inserción laboral no último ano a través do programa Empregatex, un plan ambicioso que o Goberno galego puxo en marcha en marzo de 2010 e que foi o primeiro proxecto consensuado no seo do diálogo social de Galicia.

En concreto, nesta primeira fase da iniciativa atoparon un posto de traballo un 31,49% dos participantes, máis da metade dos que que se prevén recolocar con este programa. Cando remate o proxecto, o Goberno galego estima que un 60% das persoas que están a tomar parte no mesmo acadarán a inserción laboral. Así o destacaron o director xeral de Relacións Laborais, Odilo Martiñá, e a directora xeral de Comercio, Nava Castro, na presentación do balance da primeira fase do proxecto.

A iniciativa, que ten un investimento de 2,9 millóns de euros, está a ser liderada polas consellerías de Traballo e Benestar e Economía e Industria, en colaboración coa Confederación de Industrias Téxtiles de Galicia (Cointega), patronal téxtil, que xunto cos sindicatos UGT e CCOO é parte executora deste programa.

O proxecto aglutina seis estratexias diferentes para lograr a reinserción laboral: orientación profesional; formación e reciclaxe (Texmellora e Insiretex); fomento do espírito empresarial (Texcreación); promoción da mobilidade xeográfica (Movetex); formación en Tecnoloxías da Información e Comunicación (Textic); e axudas para unha mellor conciliación da vida laboral e persoal (Texconcilia).

A primeira fase, comprendida entre febreiro de 2010 e xuño de 2011, centrouse na orientación, na formación- a través dos programas Insiretex, Texmellora e Texcreación-, e na inserción laboral. Desde este mes e ata que remate o programa, en febreiro de 2012, intensificarase a parte de inserción laboral.

O director xeral de Relacións Laborais, Odilo Martiñá, destacou, con respecto á primeira fase do proxecto, que principalmente os esforzos estiveron encamiñados a localizar e contactar coas persoas desempregadas procedentes do sector téxtil.

Así, como resultado, no programa de orientación, logrouse contactar con 575 persoas desempregadas procedentes do téxtil, das que 508 recibiron as primeiras sesións de orientación. Para contactar coas persoas, leváronse a cabo unha serie de xornadas de presentación do programa en Lalín, Vigo, Ourense e A Coruña.

Martiñá explicou que o programa de orientación profesional contempla distintos tipos de accións en función dos obxectivos e das necesidades de cada persoa, desde titorías personalizadas ata obradoiros de busca de emprego. Para elo, Empregatex conta cun equipo técnico de orientación integrado por 8 profesionais, distribuídos en diferentes puntos do territorio galego.

Ao mesmo tempo, nesta fase de orientación profesional, desenvolveuse unha investigación para detectar as ocupacións cun maior potencial de inserción nos territorios de procedencia dos participantes.

A fase de formación incluíu a posta en marcha de tres programas diferentes: Texmellora, Textic e Insiretex. Tras unha análise en profundidade das ocupacións con maior potencial de inserción, dentro e fóra do sector téxtil, deseñáronse unha serie de accións formativas adaptadas ás necesidades e as competencias dos participantes. En total, proporcionarase a 200 persoas formación axeitada en ocupacións con maiores posibilidades de emprego nos seus territorios, xunto con formación transversal.

Dentro do programa Insiretex, destinado á inserción nun sector diferente ao téxtil, impartíronse tres cursos de preparación de competencias clave en matemáticas, lingua castelá e lingua galega no eido sociosanitario, xa que os participantes no plan Empregatex mostraron a súa interese por este ámbito como posibilidade para a súa inserción. Dous accións formativas foron impartidas na Coruña e unha en Lalín. En total asistiron 44 alumnas.

Neste sentido, o director xeral de Relacións Laborais destacou que o Instituto Galego de Cualificacións, dependente da Consellería de Traballo e Benestar, realizou unha convocatoria extraordinaria de competencias claves nestas materias que tivo lugar o 17 de xuño pasado. Os resultados foron moi positivos, xa que o 100 por cento dos alumnos superaron as probas de avaliación.

“A través desta iniciativa logramos axilizar o proceso de adquisición dos requisitos mínimos formativos que confiren a oportunidade de acceder aos novos certificados de profesionalidade de axuda a domicilio e de atención sociosanitaria en institucións”, apuntou Martiñá, quen destacou que desta forma “culminamos o proceso de reciclaxe e perfeccionamento profesional coa formación en ocupacións con potencial de inserción, incrementando así as oportunidades de mellorar a súa situación laboral”. Así mesmo, nos primeiros 8 meses de 2011 desenvolvéronse 3 cursos integrados no programa Insiretex.

Tamén na fase de formación, e a través do denominado programa Textic, realizáronse nos 8 primeiros meses deste ano 12 cursos. O plan Textic ten por obxecto proporcionar formación sobre TIC, xa que está considerada como esencial para as actividades de busca de emprego. Considerando as características dos participantes en Empregatex comezouse cunha formación básica en alfabetización informática en distintos niveis. Deste xeito, formáronse a 156 alumnos e alumnas en alfabetización informática, perfeccionamento informático, internet e dixitalización informática.

As accións formativas impartíronse nas localidades da Coruña (6 cursos dirixidos a 83 personas); Lalín (5 cursos-65 persoas); e Vigo (1 curso-8 persoas).

Con respecto ao plan destinado a fomentar o espírito empresarial (Texcreación), desenvolvéronse ao longo deste período dous cursos para 20 persoas sobre o emprendemento como unha oportunidade de inserción no mercado de traballo. A iniciativa, ademais, centrouse na realización de varias sesións de asesoramento especializado na creación de empresas a persoas cunha idea de negocio ou interesadas na creación do seu propio posto de traballo.

Por último, Martiñá avanzou a programación de accións formativas que nestes momentos se está a realizar e que se estenderá ao longo do segundo semestre deste ano. En total ata finais de ano impartiranse 18 cursos dos que se beneficiarán 146 alumnos e alumnas.

Así, na actualidade estanse a impartir dous cursos a través do programa Texmellora, destinado ao reciclaxe para profesións dentro do sector téxtil. En concreto, están desenvolvéndose un curso de dependente de comercio e xestión de tendas e un curso de xestor de almacén. Estas dúas accións formativas representan 800 horas coa participación de 26 persoas. O remate dos cursos está previsto para o próximo mes de outubro.

En Insiretex o número de accións formativas en ocupacións fora do sector téxtil sumarán 14, un total de 2.098 horas (800 horas en Lalín, 980 na Coruña, 180 en Culleredo e 200 en Ferrol). En total beneficiaranse destes cursos neste segundo semestre 106 persoas.

No caso de Textic, o número de accións serán dúas, centradas en ofimática, na localidade de Vilagarcía, e en ofimática para xestión de almacén, na Coruña.

“Todos estes procesos formativos rematan co desenvolvemento de módulos de prácticas non laborais que incorporan a maioría dos cursos, o que permite incrementar as oportunidades de inserción no mercado laboral”, destacou o director xeral.

Por último, Martiñá lembrou que a finalidade principal do proxecto “é reconducir cara outras alternativas ás persoas desempregadas a través da creación de itinerarios personalizados” , un obxectivo que destacou que se cumpriu nesta primeira fase de Empregatex.

R., 2011-09-06

Actualidad

Foto del resto de noticias (tecnoloxia-cuantica.jpg) Tivo lugar a V edición do Foro de Directores de Informática, que reuniu aos responsables de dixitalización das 17 Comunidades Autónomas, onde se debateu o papel das administracións públicas para garantir que a intelixencia artificial beneficie a toda a poboación, con independencia das condicións sociais ou económicas. Os responsables autonómicos compartiron experiencias e analizaron os retos para a aplicación de tecnoloxías como a ciberseguridade ou a intelixencia artificial. Houbo, así mesmo, unha sesión de traballo para analizar o futuro dos fondos europeos para avanzar na modernización tecnolóxica das rexións.
Foto de la tercera plana (concertos-do-xacobeo.jpg) Desde o Xacobeo 21-22, máis de 2,5 millóns de persoas participaron nas actividades impulsadas baixo esta marca, que se consolidou como un motor económico e social. Este ano, os Concertos do Xacobeo acollerán case 100 eventos en máis de 50 localidades de toda Galicia, reunindo a 700 artistas de primeira liña, tanto internacionais como nacionais e galegos. A programación combinará grandes nomes da escena musical global, como Kings of Leon, Lenny Kravitz ou Alanis Morisette, con recoñecidos artistas galegos como Tanxugueiras, Guadi Galego ou Xoel López. A diversidade da programación, tanto en estilos como en formatos, permitirá atraer a públicos variados e reforzar a imaxe de Galicia como destino cultural dinámico, onde tradición e modernidade conviven nos escenarios.

Notas

Xa pasaron catro anos desde aquel primeiro The Thinking Institute que converteu Vigo no epicentro mundial do coñecemento en nanonociencia. Como cada mes de xuño, este encontro científico internacional regresa ao campus para celebrar a súa cuarta edición, reincidindo no seu firme propósito de crear un espazo para o intercambio de ideas sen as barreiras habituais deste tipo de congresos, e aberto a todas aquelas persoas con inquedanzas científicas.
A Universidade da Coruña lanza UDC Conecta, unha iniciativa que nace co obxectivo de impulsar a conexión entre o coñecemento xerado na UDC e os sectores produtivos, promovendo o fortalecemento das cadeas de valor estratéxicas que garantan que os avances científicos se transformen en solucións. Coa posta en marcha de UDC Conecta, establécese unha alianza permanente coa empresa, que terá a través desta plataforma única, un sistema de acompañamento integral e dinámico.
PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
HOMENAXES EGERIA
PUBLICACIONES