Noticias

Declaración Institucional do Presidente da Xunta

"Comparezo hoxe ante todos vostedes para expresar a tristura e o pesar da Xunta e de Galicia enteira pola morte dos dous brigadistas que faleceron onte á noite durante os labores de extinción dun incendio en Fornelos de Montes –e que me acaban de comunicar que está controlado. Comparezo acompañado polos conselleiros de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza e de Medio Rural --que dende o momento da noticia estiveron traballando en contacto permanente comigo mesmo e que a primeira hora daban todos os datos dos que dispomos ata agora sobre o ocorrido—[...]"

... para enviar desde aquí o noso máis sincero recoñecemento a estes dous mozos que perderon a vida na ardua loita contra o lume; e para expresar as nosas condolencias ás súas familias, ós seus amigos, a todos os seus seres queridos, ós que comprometemos todo o apoio persoal que necesiten nestes momentos tan difíciles.

Tamén me gustaría transmitir un recoñecemento especial ós máis de 6.000 integrantes dos dispositivos de extinción que protexen de forma ininterrompida os nosos montes e que se enfrontan a diario contra o lume e contra os seus perigos.

Nesta xornada dificilísima para todos os brigadistas, queremos que sintan máis que nunca a nosa proximidade, a nosa gratitude e o noso cariño. Queremos que se sintan acompañados por toda a sociedade galega na tarefa fundamental que desempeñan, como é a loita contra o lume.

Teño a convicción de que a nosa é unha terra con vontade de erradicar os lumes definitivamente da súa historia; e que condena enerxicamente os incendios que se orixinan con nocturnidade e aleivosía, como o que esta pasada madrugada se cobrou a vida de dous mozos en Fornelos de Montes.

Con esa certeza, a Xunta seguirá traballando en todas as frontes, coordinadas a través do comité de seguimento operativo dende o inicio desta campaña de incendios. Seguiremos traballando para coñecer a fondo as circunstancias desta traxedia humana; e para que a investigación aberta dea resultados canto antes. Seguiremos traballando para perseguir ós incendiarios. É prioritario poñer fin á actividade criminal nos montes e, por iso, redobraremos esforzos para que a loita contra a actividade pirómana siga sendo implacable: os delitos forestais teñen que ser detectados, perseguidos e condenados. Seguiremos traballando na loita contra o lume, tanto para previr a aparición de novos focos, como para extinguir completamente os incendios activos.


E, por suposto, seguiremos traballando coa única conduta posible, dende a responsabilidade de goberno. A través da colaboración cidadá e da cooperación con todas as administracións, coas forzas e corpos de seguridade, e con todos os grupos políticos.

Neste senso, quero informarlles que:

Mantivemos e mantemos comunicación permanente co Goberno central. Os conselleiros de Presidencia e Medio Rural, e eu mesmo falamos persoalmente ao longo da mañá co delegado do Goberno en Galicia, con dous membros do Executivo Estatal, a ministra de Medio Ambiente e o ministro de Fomento, e co Presidente do Goberno, que me acaba de transmitir a súa solidariedade e a súa implicación na loita contra os incendiarios, do mesmo xeito que o acaba de facer o líder da oposición, o señor Rajoy.

Tamén mantiven conversas dende primeira hora da mañá co Secretario Xeral do PSdeG e co voceiro nacional do BNG; para transmitir toda a información da que dispoñemos e agradecer a súa colaboración. E, do mesmo xeito, estamos en constante coordinación cos concellos afectados para xestionar da forma máis breve posible tanto a extinción definitiva do lume, como para - sobre todo- dar todo o apoio necesario ás familias dos dous falecidos. Quero subliñar e recoñecer a responsabilidade de todos, que unanimemente transmitiron a súa condena e a súa implicación na loita contra á actividade incendiaria, un reto no que todos somos necesarios e co que todos debemos comprometernos.

O Goberno galego seguirá poñendo todos os meios posibles para evitar desgracias coma a que hoxe lamentamos ou coma os dramas vividos no pasado, pero é imprescindible a colaboración de toda a sociedade. E a Xunta de Galicia seguirá contando con todos para lograr que triunfen os que loitan contra os lumes e fracasen os incendiarios.

Moitas gracias

, 2010-08-13

Actualidad

Foto del resto de noticias (medio-ambiente.jpg) O presidente da Xunta, Alfonso Rueda, destacou que, entre os obxectivos principais da nova Estratexia da Biotecnoloxía en Galicia, está a incrementar nun 20% os empregos no sector para chegar aos 7.000 en 2030 así como ampliar un 15% o número de investigadores neste eido e acadar os 1.600. Durante a presentación da Estratexia da Biotecnoloxía de Galicia 2026-2030, na que estivo acompañado de Román Rodríguez e María Jesús Lorenzana, o presidente definiu o documento como 'unha visión compartida de país', as 'vimbias para facer este gran cesto do que vai ser o horizonte biotecnolóxico de Galicia os próximos cinco anos'.
Foto de la tercera plana (pesca-azul.jpg) Galicia formalizou en Bruxelas o traspaso de funcións para asumir, durante o vindeiro semestre, a representación de todas as Comunidades Autónomas de España no Consello de Ministros de Agricultura e Pesca da Unión Europea (Agrifish). Esta función estratéxica, coordinada a través da Consellería do Mar, confírelle á comunidade a responsabilidade de liderar e defender unha postura común forte ante a Unión Europea. O propósito é garantir que o peso socioeconómico e a realidade do sector mariñeiro galego e estatal conten con argumentos científicos sólidos nas futuras negociacións.

Notas

A Rede CRUSOE celebrou a súa XVI Asemblea Xeral Ordinaria na Universidade da Coruña nun momento de plena transformación. A reunión constatou o papel activo da entidade no apoio para a construción da futura macrorrexión do Arco Atlántico e deu luz verde á constitución da Alianza Universitaria da Rexión Atlántica (AURA), unha nova rede transnacional de universidades do espazo atlántico europeo.
'Profundamente honrada de ser a primeira reitora desta universidade', cun 'compromiso claro co sistema universitario galego e co país ao que servimos' e 'coa determinación de facer da Universidade de Vigo unha institución excelente, moderna, igualitaria e de alta calidade da que todas e todos nos sintamos orgullosos'. Así asume, nas súas propias verbas, Carmen García Mateo o cargo de reitora da UVigo.
PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
HOMENAXES EGERIA
PUBLICACIONES