
Nota de prensa remitida por el Gabinete de Comunicación de la Xunta de Galicia:
O presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, manifestou o seu firme compromiso de gobernar facendo do galeguismo e da democracia as dúas caras da nosa identidade, tal e como o concibiu o escritor, pensador e filósofo Ramón Piñeiro, ao que este ano se lle dedica o Día das Letras Galegas. Como presidente da Xunta quero ser un discípulo máis de Ramón Piñeiro. Gobernarei co mesmo compromiso galeguista que se Piñeiro tivera a oportunidade de facelo en pleno século XXI, aseverou o mandatario autonómico argumentando que o galeguismo e a democracia seguen a ser as dúas chaves do futuro.
Na súa intervención durante o acto de inauguración da exposición Ramón Piñeiro. Olladas no futuro, no que tamén participaron o conselleiro de Educación e Ordenación Universitaria, Jesús Vázquez, e o titular de Cultura e Turismo, Roberto Varela, Alberto Núñez Feijóo afirmou que dedicarlle o Día das Letras Galegas a Ramón Piñeiro é un acto de xustiza con nós mesmos. El é máis que un escritor, máis que un pensador, máis que un filósofo, asegurou o presidente da Xunta apuntando que Piñeiro traballou por facer do galeguismo un clima común máis que un reduto privado e que representa a toda unha xeración que fai do galeguismo cordial unha rede que mantén unido a todo un país.
Representa a unha xeración de intelectuais galegos e cosmopolitas que abren de par en par as portas do galeguismo para que deixe de ser unha leira illada e se converta na forza vital da nova autonomía, abondou Feijóo incidindo en que é unha xeración convencida de que a cultura e a poesía eran unha arma cargada de futuro naquela época ingrata de noites de pedra. Velaí Galaxia, en cuxo ronsel de estrelas moitas mulleres e homes do meu tempo albiscamos unha Galicia pletórica e unha lingua fresca que nos axudou a recuperar a nenez perdida e a apreciar o noso idioma como ferramenta de modernidade, agregou.
As palabras que nos deixou Ramón Piñeiro constitúen o fundamento dunha Galicia entendida como punto de encontro no que se atopan pasado, presente e futuro, precisou o xefe do Executivo autonómico sinalando que son a primeira pedra dun autogoberno concibido como casa común de todos os galegos.
Na súa intervención, Alberto Núñez Feijóo afondou na figura de Piñeiro destacando que o escritor e filósofo lancarao é unha síntese de democracia e galeguismo, nun tempo dixo-, no que non sempre eses conceptos ían da man. Piñeiro é un mentís aos agoiros dos crepúsculos das ideoloxías porque demostra que unha idea certeira pode provocar unha revolución e que unha idea certeira comunicada con tolerancia logra que esa revolución sexa pacífica e fecunda, aseverou Feijóo sinalando que a Galicia actual é consecuencia dun cambio que se forxa nesa pequena mesa camilla, que se fixo máis grande ata agrupar ao seu redor a todo un país.
Non hai moitos precedentes dun liderado intelectual baseado fundamentalmente na palabra dita máis que na escrita, engadiu, explicando que hai quen lle busca a Ramón Piñeiro un afastado parentesco socrático co que dixo non estar moi de acordo. A este respecto apuntou que mentres que a tradición fala dun Sócrates malhumorado e amigo da gloria, dun filósofo que creou unha escola e dun pasamento desgraciado, Ramón Piñeiro engaiola coa súa amabilidade e practica unha modestia conmovedora; moldea unha nacionalidade; e dinos adeus en medio do aprecio de todos e coa satisfacción de ollar no presente o que soñara no pasado, concluíu Feijóo.
Galicia ocupa un lugar destacado nos Premios Nacionais de Investigación 2026, con cinco científicos galardoados. Tivo lugar o acto de entrega destes premios, celebrado no Palacio de Congresos de Europa, en Vitoria-Gasteiz. Os investigadores galegos que recibiron esta distinción son Ángel Carracedo, natural de Santa Comba, catedrático de Medicina na USC e director da Fundación Pública Galega de Medicina Xenómica; a compostelana Carmen Álvarez Lorenzo, catedrática da USC e directora do Instituto de Materiais da USC (iMATUS); e Laura Castro Santos, de Betanzos, catedrática da Escola Politécnica de Enxeñaría de Ferrol, pertencente á UDC.
O XXXVI Festival de Jazz de Lugo ofrecerá do 4 ao 14 de novembro un total de 22 actuacións que combinarán grandes figuras internacionais cunha ampla presenza de músicos galegos en catro escenarios. Conforme ao programa, o Auditorio Fuxan os Ventos acollerá a apertura o mércores 4 co trío do saxofonista e clarinetista cubano Paquito DRivera. Neste mesmo escenario actuarán Abe Rábade, o día 8, e Kenny Barron Trio, o 11. No Círculo das Artes sucederanse James Carter Organ Trio, o 5 de novembro; Jogo de Damas, o día 6; Takuya Kuroda Quintet, o 7; Patricia Brennan Septet, o día 12; Erik Truffaz & Antonio Lizana, o día 13, e Clarence Bekker Band, o 14 de novembro.