Noticias

A Axencia Galega de Emerxencias adquire un novo helicóptero

A Consellería de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza, a través da Axencia Galega de Emerxencias (AXEGA), vén de presentar un novo helicóptero polivalente preparado para o rescate de persoas e o apoio, mando e dirección na resolución de calquera tipo de emerxencia que se poida producir na Comunidade Autónoma galega.

De forma provisional, o helicóptero terá a súa base no Aeroporto de Santiago xa que está previsto que a definitiva se emprace na Academia Galega de Seguridade Pública da Estrada. A AXEGA investirá un total de 12 millóns de euros durante os vindeiros catro anos no servizo aéreo de rescate de Galicia, do que xa forman parte, ademais do novo aparato, os H-3, con base en Santiago, e H-4, situado no Hospital Cristal Piñor de Ourense.

O carácter polivalente do novo aparato garante a súa versatilidade e, polo tanto, a súa capacidade de adaptación a calquera tipo de emerxencia. Este helicóptero, un Eurocopter biturbina dotado con tecnoloxía punteira, está preparado para o rescate e busca de persoas, o apoio, mando e control dos organismos de intervención en emerxencias e catástrofes, recoñecementos do territorio e transporte de material e persoas. Está, ademais, capacitado para ser medicalizado, polo que se fose necesario podería participar tamén no traslado de feridos e pacientes, como fan na actualidade o H-3 e H-4.

O helicóptero, que dispón dunha autonomía de voo superior ás tres horas e unha velocidade de cruceiro de 180 quilómetros á hora, está dotado cunha grúa de 50 metros de lonxitude e dúas velocidades: unha rápida para reducir os tempos no rescate e unha lenta, se o que se pretende é acadar unha maior precisión. Esta grúa poderá levantar, con arnés ou en padiola, a dúas persoas, pois resiste ata 200 quilogramos de peso. Ademais, ten un gancho de carga co que non se pode rescatar a persoas, pero que si permite o transporte de materiais, por exemplo, un Bambi Bucket moi útil para a intervención en incendios forestais ou elementos para a recollida de animais atrapados nalgún lugar de difícil acceso. O helicóptero conta tamén cun sistema de megafonía e sinais acústicos que se porían en marcha no caso de catástrofes co fin de manter alertada á poboación.

No apartado de comunicacións, o aparato está dotado de tecnoloxía GPS, telefonía móbil e radio trunking e VHF, que permitirán ao persoal de cabina manter un contacto permanente no só co Centro de Atención ás Emerxencias 112 Galicia, senón tamén con outros helicópteros que estean participando no operativo e cos organismos de intervención que estean traballando ao pé da emerxencia. Isto repercutirá positivamente na coordinación, xestión e planificación da resposta ás emerxencias.

Neste helicóptero poderán viaxar un total de 6 pasaxeiros, entre os que se contan o piloto e, cando sexa necesario, un operador de grúa. A composición do equipo de rescate poderá variar segundo as necesidades de cada emerxencia. O aparato ten capacidade para soportar un total de 2.600 quilogramos de peso e dispón dun tren de aterraxe ríxido con forma de esquí, o que lle permitirá tomar terra en calquera tipo de firme e incluso realizar apoios parciais.

Ademais, as súas dimensións reducidas e o seu carácter ergonómico garanten a súa adaptabilidade ás condicións orográficas de Galicia. Igualmente, o novo helicóptero conta co material de rescate necesario para a primeira asistencia sanitaria, isto é, padiolas ríxidas, inmobilizadores, collarines, félulas e colchóns de baleiro.

O sistema de arranque automático do que dispón este apartado asegura que o despegue se faga cinco minutos despois da recepción da alerta. Con este helicóptero está previsto que a maior parte do territorio galego estea cuberto nun tempo medio de 15 minutos e, en menos de media hora, os puntos máis afastados da Comunidade como, por exemplo, Ribadeo, A Mezquita ou A Garda. Este vehículo estará operativo de orto a ocaso os 365 días do ano.

Os helicópteros polivalentes do 112 Galicia que xa operan desde as bases de Santiago de Compostela e Ourense realizaron durante o pasado ano un total de 548 servizos nos que empregaron 479,84 horas de voo. A maior parte das súas saídas estiveron relacionadas con traslados sanitarios primarios (desde o lugar do accidente ou situación do paciente ata os hospitais de referencia), seguidos dos secundarios (entre dous centros hospitalarios), busca de persoas, simulacros e operativos de Protección Civil.

R., 2009-04-15

Actualidad

Foto del resto de noticias (festival.jpg) O festival desenvolverase no adro da sede da SGAE no parque de Vista Alegre, en Santiago de Compostela. O primeiro en ocupar o escenario será o rimador de Muros 9Louro, talento emerxente que segue a pegada doutros coñecidos grupos muradáns, como The Rapants ou Capital Voskov. Este mesmo ano lanzou o seu primeiro traballo discográfico, Nove noves, cunha variada mestura de funk, bachata, reguetón, trap e pop. A continuación, será a quenda da viguesa de ascendencia brasileira Lua de Santana. O dúo compostelán Boyanka Kostova pechará o festival Acento 2025 coa súa proposta retranqueira, na que o urbano e os sons máis contemporáneos conviven co tradicional.
Foto de la tercera plana (union-europea.jpg) O secretario xeral de Industria e Desenvolvemento Enerxético, Nicolás Vázquez, interveu na Conferencia da Alianza de Rexións Europeas con Industria da Automoción, onde defendeu a necesidade de que os fondos europeos que permiten apoiar os sectores industriais sigan sendo xestionados polas rexións. No encontro, celebrado no marco dos traballos para avanzar no Plan de Acción para o sector do automóbil que presentou a Comisión Europea en marzo, Nicolás Vázquez remarcou que Galicia é partidaria de que se manteña a descentralización dos fondos de cohesión.

Notas

Entre os anos 2016 e 2018, o experimento ANITA (Antarctic Impulsive Transient Antenna), unha rede de antenas montada en globo sobre a estratosfera da Antártida, detectou dous misteriosos sinais de emisión de radio que espertaron un grande interese na comunidade científica. Parecían proceder do interior da Terra, coma se a partícula que as producise tivese atravesado miles de quilómetros do subsolo sen interactuar con ningunha outra partícula.
O International Space Science Institute-ISSI acaba de prolongar dous anos máis o proxecto que desde o ano 2022 desenvolve un equipo internacional liderado polo físico da Universidade de Vigo Juan Antonio Añel que estuda os impactos do cambio climático sobre a atmosfera alta do planeta, a orbitación de satélites e o lixo espacial.
PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
HOMENAXES EGERIA
PUBLICACIONES