
Nota de prensa remitida por el Gabinete de Comunicación de la Xunta de Galicia:
O secretario xeral de Comunicación, Fernando Salgado, eloxia a iniciativa da exposición impulsada pola Oficina de Xustificación da Difusión (OJD) por traer a Galicia os 40 anos da Historia máis recente. Así o manifestou esta mañá na Facultade de Ciencias da Comunicación onde presidiu o acto de inauguración da exposición OJD Cuarenta años de prensa en España. No acto estivo acompañado polo decano da Facultade, Miguel Túñez, así como polo director xeral de OJD, Eusebio Serrano, e o presidente de OJD, Ángel Durandez.
Na súa intervención, o secretario xeral de Comunicación indicou que a través da mostra se pode ver cómo mudaron os medios, da España do branco e negro ata a cor das novas portadas que veñen a describir unha importante traxectoria da nosa historia recente. A través da exposición percórrense 40 anos apaixonantes da historia de España dende os últimos anos do franquismo, á transición ata o proceso de integración na sociedade do coñecemento na que estamos mergullados, destacou.
Fernando Salgado describiu que as cabeceiras mudaron non só na feitura senón tamén nos contidos. Así lembrou a evolución da tarefa do xornalista que tempos atrás recadaba información para encher unhas páxinas a cada paso máis grandes mentres que hoxe a sobreabundancia de información fai que se converta nun guía que desbroza o camiño ao tempo que selecciona, interpreta e ofrece o mellor do proceso para dar a coñecer os feitos cotiás.
A exposición presentada hoxe recolle un total de 440 portadas dos xornais e revistas españolas dende o ano 1965 ao 2005. A iniciativa xurdiu con motivo do 40 aniversario da asociación que controla a difusión da prensa escrita e os medios electrónicos dende o ano 1964. A través de 40 paneis o visitante pode dar un repaso aos feitos máis significativos acontecidos en España e no resto do mundo nos últimos anos.
A mostra pretende dar a coñecer a evolución dos medios impresos en España durante as últimas catro décadas, así como o tratamento que estes realizaron sobre os principais acontecementos nacionais e internacionais da política, a sociedade e a economía.
OJD cedeu a exposición á Facultade de Ciencias de Comunicación de Santiago. A Secretaría Xeral de Comunicación promoverá, en colaboración coa Facultade, conservar o carácter itinerante da mesma achegándoa aos concellos galegos para que poida ser coñecida por un maior número de persoas.
Doutra banda, un grupo de expertos da Facultade completou a mostra cun apartado galego. A través de 21 portadas das cabeceiras galegas faise un repaso aos acontecementos máis salientables acontecidos na comunidade comezando co peche de Bazán no ano 1972, pasando pola Constitución do Parlamento galego, ou a medalla de Ouro acadada polo galego David Canal nos xogos de Atenas, entre outros.
O Plan constitúe o primeiro documento estratéxico específico de Galicia dedicado á planificación, organización e desenvolvemento dos coidados paliativos pediátricos e nace coa finalidade de dar resposta ás necesidades propias desta poboación, garantindo unha atención adaptada ás características evolutivas da infancia e da adolescencia. O documento aprobado hoxe conta co aval científico da Sociedade de Pediatría de Galicia e da Sociedade Española de Coidados Paliativos Pediátricos e está dirixido á poboación pediátrica con enfermidades crónicas complexas e situacións susceptibles de atención paliativa. Articúlase arredor de catro liñas estratéxicas orientadas a fortalecer a organización asistencial e a dar resposta ás necesidades clínicas, emocionais e sociais dos pacientes pediátricos e das súas familias.
Galicia ocupa un lugar destacado nos Premios Nacionais de Investigación 2026, con cinco científicos galardoados. Tivo lugar o acto de entrega destes premios, celebrado no Palacio de Congresos de Europa, en Vitoria-Gasteiz. Os investigadores galegos que recibiron esta distinción son Ángel Carracedo, natural de Santa Comba, catedrático de Medicina na USC e director da Fundación Pública Galega de Medicina Xenómica; a compostelana Carmen Álvarez Lorenzo, catedrática da USC e directora do Instituto de Materiais da USC (iMATUS); e Laura Castro Santos, de Betanzos, catedrática da Escola Politécnica de Enxeñaría de Ferrol, pertencente á UDC.