
Nota de prensa remitida por el Gabinete de Comunicación de la Consellería de Traballo de la Xunta de Galicia:
A Consellería de Traballo dedicará un orzamento de 50 millóns de euros á promoción do emprendemento e ao fomento da economía social en Galicia ao longo de 2008. Este presuposto supón un incremento dun 18,7% respecto da partida orzamentaria dedicada en 2007.
O conselleiro de Traballo, Ricardo Varela, informou desta inxección presupostaria na inauguración do congreso Estatuto do Traballo Autónomo: traballo autónomo e relacións laborais, organizado pola Consellería de Traballo, coa colaboración do Ministerio de Traballo e Asuntos Sociais e a Unión de Profesionais de Traballadores Autónomos.
Varela destacou que, do total do orzamento, 30 millóns de euros destinaranse á mellora do programa de promoción de emprego autónomo. Deste xeito, duplicaranse as contías das axudas, que poderán chegar ata os 25.000 euros, apuntou.
Salientou que en 2007 a previsión é que 6.000 autónomas e autónomos galegos creen o seu posto laboral co apoio da Consellería de Traballo, ao abeiro do programa de promoción do emprego autónomo. Engadiu que este plan está dotado cun orzamento de 24 millóns de euros.
O conselleiro de Traballo sinalou que dende o inicio da lexislatura, a Administración autonómica transmitiu á sociedade galega o seu compromiso coa cultura do emprendemento e da innovación. Aclarou que o Goberno galego apostou pola potenciación dos aspectos máis dinamizadores da sociedade galega coma fonte de riqueza, sobre a que se debe construír o futuro. Ese dinamismo e apoio contribuíu a crear 8.378 novas empresas no ano 2006, puntualizou Varela.
O representante da Xunta destacou que os traballadores autónomos son un colectivo en crecemento, no que se inclúe un importante sector da poboación. Na maioría dos casos emprenden, arriscan e innovan para dar resposta ás melloras e ás necesidades da sociedade, e melloran o tecido económico e social, manifestou.
Ricardo Varela destacou que a lei do Estatuto do Traballo Autónomo supón un fito histórico no recoñecemento económico e social do traballo autónomo. Avanzou que en 2008 a Consellería de Traballo creará o rexistro especial de asociacións profesionais de traballadores autónomos de Galicia.
Asemade, Traballo publicará o decreto que regule a creación, composición e funcións do Consello Galego do Traballo Autónomo, indicou. O conselleiro afirmou que o obxectivo é que os autónomos de Galicia poidan facer valer os dereitos colectivos que se lles recoñece na lei.
Tamén aclarou que este texto legal tentará reducir a sinistralidade laboral, a través do financiamento de programas de información e formación en prevención de riscos laborais dirixidos a este colectivo.
Ricardo Varela aproveitou para pedir aos traballadores autónomos que axuden a transmitir o apoio da Xunta de Galicia a todas aquelas persoas con inquedanzas e con ilusións por crear unha actividade empresarial, para que poidan facer realidade as súas ideas e proxectos empresariais.
O conselleiro de Traballo indicou que en Galicia, a 30 de setembro, o número de traballadores afiliados á Seguridade Social nos distintos réximes ascendía a máis de 250.000 persoas (251.085). Puntualizou que este número de afiliados distribúese entre o Réxime Especial dos Traballadores por Conta Propia ou Autónomos, o Réxime Especial Agrario e o Réxime Especial do Mar. Estes traballadores representan o 23,12% do total de afiliados á Seguridade Social en Galicia, mentres que no conxunto do Estado representan un 17,64%.
Varela mostrouse convencido de que, para o desenvolvemento profesional do colectivo das traballadoras e dos traballadores autónomos, que arriscan os seus propios recursos aportando o seu traballo persoal, este novo estatuto constitúe un marco legal que lles dará seguridade xurídica e protección na súa actividade económica e profesional. Na súa opinión, o traballo por conta propia será máis atractivo, impulsando a figura do traballador autónomo coma xerador de riqueza e creador de emprego.
O 68,7 % da poboación galega de 16 a 74 anos dispón de competencias dixitais básicas ou avanzadas, fronte ao 61,4 % de 2025, o que supón un incremento relativo do 11,9 %. O 42,6 % da poboación galega de 16 a 74 anos ten competencias dixitais avanzadas, cinco puntos porcentuais máis ca en 2025, e o 26,1 % ten competencias básicas. Son datos publicados hoxe polo INE no informe sobre equipamento e uso das TIC nos fogares, analizados polo Observatorio da Sociedade da Información da Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia (Amtega).
Foi presentada na Cidade da Cultura a iniciativa 'Circo no Camiño', que celebrará entre o 12 de novembro e o 6 de decembro a súa primeira edición, na que contará con artistas nacionais e internacionais. A proposta Circo no Camiño quere achegar as artes escénicas a diferentes localidades galegas relacionadas co Camiño de Santiago. Para isto avanza unha programación variada de espectáculos de circo, maxia, música, acrobacias, humor e animación de rúa dirixidos a todos os públicos, que se desenvolverán tanto nunha gran carpa como nas rúas.En concreto, a programación desenvolverase en catro localidades galegas: Verín, Lalín, A Estrada e Santiago de Compostela, onde se pechará a programación, entre os días 3 e o 6 de decembro.