
Nota de prensa remitida por el Gabinete de Comunicación de la Secretaría Xeral de Comunicación de la Xunta de Galicia:
A Secretaría Xeral de Comunicación, a través da Dirección Xeral de Comunicación Audiovisual, participa no Salón Profesional Internacional da Tecnoloxía Audiovisual, Broadcast2007 no marco da Feira Internacional de Informática, Multimedia e Comunicación, SIMO 2007 que se celebra en Madrid ata o 9 de novembro.
O director xeral de Comunicación Audiovisual, Manuel José Fernández Iglesias, será o encargado de representar ao Goberno galego no Broadcast2007, que este ano celebra a súa edición décimo terceira. Dentro do programa deste ano, Fernández Iglesias asistirá a dúas xornadas técnicas sobre a TDT e a televisión móbil, así como a unha mesa redonda sobre o tema.
A Broadcast é a feira española de referencia para o sector audiovisual e unha das primeiras do mundo. Este ano contará cun total de 197 empresas expositoras que presentarán os seus servizos entre hoxe e o próximo día nove. A industria audiovisual leva dous anos preparando unha convocatoria, que presentará a tecnoloxía audiovisual máis avanzada. Broadcast constitúe un fiel reflexo da favorable conxuntura que atravesa o sector, propiciada entre outros aspectos pola proliferación dos medios audiovisuais ou o vertixinoso desenvolvemento da Televisión Dixital Terrestre, ante o inminente apagón analóxico.
O venres día 8 o director xeral de Comunicación Audiovisual preside o acto de apertura do stand do Clúster Audiovisual Galego en Broadcast 07, no que vai estar acompañado pola directora financeira do Instituto Galego de Promoción Económica (IGAPE), Cristina Quintela, e polo presidente do Clúster, Antón Reixa. O evento desenvolverase no stand do Clúster no pavillón 10 do recinto feiral de Madrid ás 12 horas.
O director xeral de Comunicación Audiovisual prestará o seu apoio e o do departamento que dirixe ás empresas do clúster que van presentar no seu stand corporativo as últimas novidades tecnolóxicas en produtos e servizos.
No acto participan seis empresas asociadas ao clúster, que dan a coñecer os seus proxectos en servizos interactivos. Estas empresas son Spica, Grupo Vitelsa, Filmanova, Adivina Producciones, Ficción Producciones e Lambdastream.
Nos catro anos que leva traballando, o clúster ten posto en marcha numerosas iniciativas, tanto no ámbito do desenvolvemento das novas tecnoloxías como no creativo, fomentando os recursos humanos e a internacionalización, impulsando a expansión do sector galego.
A Filmoteca de Galicia pon o foco da súa carteleira para novembro na estrea do ciclo dedicado ao guionista Rafael Azcona no centenario do seu nacemento, unha escolma do cinema do xaponés Keisuke Kinoshita e a visita de James Benning para presentar as súas dúas últimas películas. Coa proxección de El pisito, de Marco Ferreri, comeza esta mesma tarde a Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude a conmemoración do centenario de Rafael Azcona, que ata o mes de xaneiro ofrecerá unha escolma representativa da súa dilatada carreira xunto a grandes directores do cinema español. Este mes poderá verse El jardín de las delicias, de Carlos Saura; El anacoreta, de Juan Estelrich, e El año de las luces, de Trueba.
O avance do último informe climatolóxico elaborado por MeteoGalicia indica que a Comunidade rexistrou un mes de outubro cálido e moi seco. Foi un período anómalo, xa que as altas presións foron moito máis frecuentes do que cabería agardar nesta época. De feito, só chegaron tres frontes desde o Atlántico que, ademais, tiveron pouca actividade. Neste contexto, as temperaturas estiveron por riba dos valores climatolóxicos e as precipitacións acumuladas foron moi inferiores ao que cabería agardar. Máis polo miúdo, a media das temperaturas foi superior ao habitual neste mes, sobre todo no caso das máximas, debido ao predominio de situacións anticiclónicas que achegaban aire cálido desde o sur.