Noticias

Galicia reclama ao Goberno central que o custo do abono único non repercuta nas comunidades autónomas

A directora xeral de Mobilidade, Judit Fontela, participou en Madrid na Comisión de Directores Xerais de Transporte Terrestre do Estado e das Comunidades Autónomas, onde reclamou ao Ministerio de Transportes e Mobilidade Sostible que o custo do abono único non repercuta nas comunidades autónomas, tras coñecerse na xuntanza que a medida terá impacto nas arcas autonómicas e que o gasto das adaptacións tecnolóxicas non terá compensación estatal. O Goberno galego instou unha vez máis a consensuar a iniciativa.

Judit Fontela lembrou que Galicia xa alertou sobre as dificultades de implantación e presentou alegacións en abril. Así, referiuse á falta de concreción sobre as condicións técnicas de adhesión do resto das administracións, na que non se garante a interoperabilidade cos sistemas autonómicos, e sobre as condicións económicas, xa que non se fixan contías, criterios ou metodoloxía de cálculo para avaliar o impacto económico en cada territorio.

Aludiu tamén á “concepción centralista da gobernanza do sistema”, xa que non se incorpora ningún órgano ou mecanismo de partición das comunidades na toma de decisións. “Despois de dous anos seguimos no mesmo punto de partida, un proxecto unilateral que o ministerio non é capaz de consensuar nin sacar adiante en ningunha comunidade”, engadiu.

Por outra banda, a directora xeral incidiu na necesidade de clarificar as axudas estatais ao transporte público por estrada para 2027 e o pagamento das de 2026. Con respecto ás primeiras, insistiu en que cómpre evitar a improvisación e a incerteza dos últimos anos, nos que ata a última semana do exercicio non se soubo se o Estado mantería a súa parte das bonificacións. A pesar desta demanda, o Goberno central confirmou na xuntanza que volve deixar para o último trimestre a posible aprobación da bonificación do 20% estatal, sen garantir a súa continuidade. Judit Fontela alertou de que esta falta de planificación pode supoñer incrementos das tarifas.

Do pagamento das axudas de 2026, reclamou o cumprimento dos compromisos do Goberno central para que as arcas autonómicas non teñan que seguir asumindo a parte estatal sen saber se a recuperará nin cando.

Canto á aprobación do regulamento interno da Comisión de Directores Xerais de Transporte Terrestre do Estado e das Comunidades Autónomas, Judit Fontela celebrou que o Ministerio de Transportes tivese en conta as alegacións presentadas por Galicia a pasada semana e corrixise o carácter marcadamente centralista e fiscalizador nun órgano que, insistiu, debe ser de participación autonómica.

Nesta liña, lembrou que a Xunta xa reclamou noutras ocasións ter maior participación naqueles órganos nos que se toman decisións que lles afectan ás comunidades, como aconteceu o pasado xullo na Conferencia Sectorial de Transportes no relativo á Lei de Mobilidade Sostible. Galicia defendeu unha maior participación das comunidades autónomas nos novos órganos de gobernanza previstos pola norma e rexeitou que as comunidades poidan perden peso a pesar de ter as competencias, en alusión á creación do Consello Superior de Mobilidade Sostible, que se proxecta sen que os territorios teñan voz nin voto, e o denominado Foro Territorial, no que as comunidades quedan en minoría orgánica.

R., 2026-10-07

Actualidad

Foto del resto de noticias (veran-calor-ferrol.jpg) Galicia rexistrou un mes de setembro seco e moi cálido, cunha temperatura media de 20,4 graos, é dicir, 2,4 graos por riba do habitual nesta época do ano. De feito, foi o segundo setembro máis caloroso na Comunidade desde 1961 (ano de inicio da serie histórica), tan só superado polo de 2018. Así consta no último informe climatolóxico mensual de MeteoGalicia, presentado esta mañá en Santiago de Compostela.
Foto de la tercera plana (fp-madeira-2.jpg) No que atinxe ao reparto territorial, a matrícula medra de forma xeneralizada en todas as provincias e en todas as áreas, sendo a provincia de Ourense a que rexistra unha porcentaxe máis elevada de crecemento. Así pois, Ourense acada as 7.053 persoas na FP (+7,43%), Lugo conta con 7.774 matrículas (+6,76), Pontevedra con 27.642 persoas (+5,64%) e A Coruña rexistra 32.914 persoas matriculadas (+5,44%). Esta dinámica alcista dáse tamén en todas as áreas territoriais, sendo a que máis medra a de Barbanza-Muros-Noia (+10,61%), seguida de Lemos-Chantada-Quiroga (+9,22%), A Mariña (+7,89%), Área de Ourense (7,54%) e Verín-Limia-Baixa Limia (+7,39%).

Notas

A Sala Universitaria Profesor Manuel Moldes abre a súa programación do curso 2026/2027 con Seres, unha exposición “sobre as entidades imaxinarias que poboan o noso folclore persoal e os vínculos que establecemos con elas”, segundo sinala o seu comisario, o artista e profesor da Facultade de Belas Artes Thomas Apostolou.
O Centro Interdisciplinar de Química e Bioloxía (CICA) da Universidade da Coruña (UDC) acolle a XIX Xornada Científica de Terapia Celular e Medicina Rexenerativa, organizada polo grupo de investigación TCMR. O encontro reúne especialistas de institucións españolas e portuguesas para compartir liñas de investigación biomédica e favorecer a colaboración entre disciplinas.
PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
HOMENAXES EGERIA
PUBLICACIONES