
Os excelentes resultados acadados pola ADOS son posibles grazas ao carácter solidario dos galegos e galegas, que se teñen convertido nun referente de xenerosidade e compromiso co xesto da doazón de sangue.
A Xunta, a través da Axencia de Doazón de Órganos e Sangue, traslada o seu agradecemento toda a sociedade galega que, coa súa contribución, permiten a recuperación de enfermos que precisan recibir a transfusión de compoñentes sanguíneos durante o seu tratamento.
Datos de participación
O Ministerio de Sanidade salienta que o pasado ano se rexistraron un total de 1.662.035 doazóns de sangue en España, das que 105.337 doazóns correspóndense con achegas recollidas en Galicia.
O total de doazóns nacional foi realizado por 1.070.169 persoas, das que 73.317 doaron na comunidade galega e un 12,65 % delas doaban sangue por vez primeira: 9.275 doantes.
A Xunta quere salientar a importancia de ampliar a base de doantes, xa que contribúen ao relevo xeracional pero tamén resulta fundamental concienciar á cidadanía da necesidade de manter unha participación estable todos os días, xa que a necesidade de compoñentes sanguíneos non diminúe en ningunha época do ano.
Cómpre lembrar que a Axencia de Doazón de Órganos e Sangue (ADOS) vén de presentar a súa nova campaña de verán Un alento de vida co obxectivo de fomentar a doazón de sangue durante o período estival e acadar, ata finais do mes de agosto, 22.000 doazóns.
Unidades e locais de doazón
Son máis de 170 concellos galegos os que recibirán a visita das unidades móbiles este verán. Así mesmo tamén continuará sendo posible doar nos sete locais de atención permanente ao doante de sangue existentes nas grandes cidades galegas. Nestes locais, ademais de doar polo xeito convencional, pódense realizar doazóns polo sistema de aférese (doazón selectiva dos diferentes compoñentes sanguíneos).
No ano 2025 foron 5.505 os procesos de aférese realizados en Galicia, dos que 1.121 se corresponderon co programa de plasmaférese (doazón de plasma), recentemente posto en funcionamento, e que permitiu acadar 635 litros de plasma. O plasma é a parte líquida do sangue e que contén proteínas que posibilitan a fabricación de medicamentos, como as inmunoglobulinas, o factor VIII ou o Alfa 1 antitripsina, que permiten o tratamento de diversas doenzas.
A Xunta reitera o agradecemento a todos os galegos e galegas que son doantes de sangue, xa que os excelentes resultados foron posibles grazas á súa colaboración. Nesta liña fai un chamamento á cidadanía a tomar parte na campaña de doazón deste verán, sabendo que pode doar sangue calquera persoa maior de 18 anos que pese máis de 50 quilos e non padeza nin teña padecido enfermidades transmisibles polo sangue.
Para máis información, ADOS dispón do sitio web: ados.sergas.gal, as redes sociais, e o teléfono gratuíto: 900 100 828, para resolver calquera dúbida relacionada coa doazón de sangue ou coñecer a data dos desprazamentos das unidades móbiles.
Unha alianza entre o Instituto Tecnolóxico de Galicia (ITG) e as compañías Naturgy InnovaHub e Flythings Technologies desenvolverá unha plataforma enerxética que transformará residuos en produtos de alto valor engadido. Neste caso transformaranse residuos como lodos de depuradora, restos orgánicos e biomasas, en produtos de alto valor engadido como biocombustibles (hidrochar e biometano) e vectores enerxéticos sostibles (hidróxeno e syngas). Para iso, a nova unidade mixta combinará distintas tecnoloxías e incorporará sistemas híbridos de almacenamento con baterías e supercondensadores, ademais de empregar ferramentas como Internet das cousas, os xemelgos dixitais e a aprendizaxe automática.