
A Xunta de Galicia impulsa unha alianza entre o Instituto Tecnolóxico de Galicia (ITG) e as compañías Naturgy InnovaHub e Flythings Technologies para desenvolver unha plataforma enerxética que transformará residuos en produtos de alto valor engadido. A directora da Axencia Galega de Innovación, Carmen Cotelo, participou hoxe na Coruña na presentación desta iniciativa, que é posible grazas ao programa de unidades mixtas de investigación do Goberno galego.
En concreto, neste caso transformaranse residuos como lodos de depuradora, restos orgánicos e biomasas, en produtos de alto valor engadido como biocombustibles (hidrochar e biometano) e vectores enerxéticos sostibles (hidróxeno e syngas). Para iso, a nova unidade mixta combinará distintas tecnoloxías e incorporará sistemas híbridos de almacenamento con baterías e supercondensadores, ademais de empregar ferramentas como Internet das cousas, os xemelgos dixitais e a aprendizaxe automática.
Dotada con 2,46 M, dos que 0,98 M proceden da axuda da Xunta de Galicia cofinanciada con fondos europeos do programa Galicia Feder 21-27, a alianza traballará ata finais de 2028 no desenvolvemento dunha plataforma enerxética e integral.
Programa de éxito
A unidade mixta, bautizada como POWER2X, é unha das dez apoiadas a través da última edición desta convocatoria da Consellería de Educación, Ciencia, Universidades e FP, a través da que se adxudicaron máis de 11 M e agárdase mobilizar 27,6 M. Este instrumento leva desde 2014 apoiando a innovación colaborativa e a transferencia de coñecemento ao tecido produtivo. En total, apoiáronse 64 unidades mixtas, que implican a 52 empresas e 16 centros de coñecemento, cunha mobilización de máis de 180 M.
O XXXVI Festival de Jazz de Lugo ofrecerá do 4 ao 14 de novembro un total de 22 actuacións que combinarán grandes figuras internacionais cunha ampla presenza de músicos galegos en catro escenarios. Conforme ao programa, o Auditorio Fuxan os Ventos acollerá a apertura o mércores 4 co trío do saxofonista e clarinetista cubano Paquito DRivera. Neste mesmo escenario actuarán Abe Rábade, o día 8, e Kenny Barron Trio, o 11. No Círculo das Artes sucederanse James Carter Organ Trio, o 5 de novembro; Jogo de Damas, o día 6; Takuya Kuroda Quintet, o 7; Patricia Brennan Septet, o día 12; Erik Truffaz & Antonio Lizana, o día 13, e Clarence Bekker Band, o 14 de novembro.
O informe da Dirección Xeral de Saúde Pública da Consellería de Sanidade sobre a actividade das infeccións respiratorias agudas referido á semana que rematou o 25 de outubro reflicte que a actividade gripal na comunidade mantén o seu nivel basal con tendencia crecente, constatando un incremento na dispensación de antigripais nas farmacias galegas. En concreto, a taxa de dispensación de antigripais nas farmacias aumentou un 38,9 % na última semana, mentres que a de probas de antíxenos se reduciu nun 17,9 %, tal e como informan as oficinas de farmacia integradas na rede sentinela impulsada pola Xunta, co obxectivo de anticipar a evolución dos virus respiratorios na comunidade.