Noticias

Galicia e outras comunidades litorais insisten en reclamar ao Goberno central a paralización da reforma do Regulamento de Costas

Galicia e outras sete comunidades litorais -Cantabria, País Vasco, Cataluña, Comunidade Valencia, Andalucía, Illas Baleares e Canarias- acordaron dirixirse nunha carta conxunta ao Ministerio para a Transición Ecolóxica e o Reto Demográfico solicitando a paralización cautelar da reforma do Regulamento Xeral de Costas ata que se reúna a Conferencia Sectorial. Segundo dixo a directora xeral de Enerxías Renovables e Cambio Climático, Paula Uría, durante a súa participación en Barcelona nunha reunión de comunidades costeiras, o obxectivo é abrir un proceso de diálogo transparente e leal sobre a reforma que puxo en marcha de xeito unilateral o Goberno central.

Nese senso, as comunidades indican que non existe ningunha obriga inmediata que lexitime esta reforma acelerada e que, ademais de ser contraria a dereito e invadir competencias autonómicas, suporía unha grave vulneración dos dereitos adquiridos por miles de titulares de concesións no litoral que obraron confiando nos principios de seguridade xurídica e confianza lexítima.

Agora, de xeito arbitrario ven ameazados eses dereitos cunha reforma do Regulamento de Costas que pretende limitar as concesións xa outorgadas (ata o punto de revogalas), restrinxir a posibilidade de dar novas concesións e cambiar tanto as regras como o propio taboleiro de xogo coa partida xa iniciada.

Pola contra, reivindicou que as comunidades fan unha xestión rigorosa co fin de facilitar a vida do conxunto da cidadanía. De feito, desde que Galicia xestiona plenamente a súa costa, a Xunta impulsou a creación dun rexistro público de concesións -que o Ministerio nunca habilitou-, simplificou e dixitalizou a tramitación administrativa -pasando de numerosos documentos en papel a unha única solicitude por vía electrónica- e unificáronse criterios para dar seguridade xurídica aos administrados, que antes se enfrontaban a distintos requisitos en función da provincia á que pertencesen.

Deste xeito, a Xunta insiste na importancia de desenvolver un modelo de cogobernanza real no que as comunidades participen activamente na definición dos criterios técnicos dos deslindes, na planificación da adaptación climática e na xestión do dominio público marítimo-terrestre. Ademais, subliña que é fundamental que a nova normativa incorpore a tripla perspectiva ambiental, social e económica, tal e como fai precisamente a Lei de ordenación e xestión integrada do litoral de Galicia.

Nesa liña, a directora xeral puxo a lei galega como exemplo de transparencia, participación e cooperación entre administracións, e sinalouna como modelo do que debería ser a regulación estatal desta materia.

R., 2026-06-16

Actualidad

Foto del resto de noticias (festival-jazz-lugo-2026.jpg) O XXXVI Festival de Jazz de Lugo ofrecerá do 4 ao 14 de novembro un total de 22 actuacións que combinarán grandes figuras internacionais cunha ampla presenza de músicos galegos en catro escenarios. Conforme ao programa, o Auditorio Fuxan os Ventos acollerá a apertura o mércores 4 co trío do saxofonista e clarinetista cubano Paquito D’Rivera. Neste mesmo escenario actuarán Abe Rábade, o día 8, e Kenny Barron Trio, o 11. No Círculo das Artes sucederanse James Carter Organ Trio, o 5 de novembro; Jogo de Damas, o día 6; Takuya Kuroda Quintet, o 7; Patricia Brennan Septet, o día 12; Erik Truffaz & Antonio Lizana, o día 13, e Clarence Bekker Band, o 14 de novembro.
Foto de la tercera plana (gripe-vacinacion.jpg) O informe da Dirección Xeral de Saúde Pública da Consellería de Sanidade sobre a actividade das infeccións respiratorias agudas referido á semana que rematou o 25 de outubro reflicte que a actividade gripal na comunidade mantén o seu nivel basal con tendencia crecente, constatando un incremento na dispensación de antigripais nas farmacias galegas. En concreto, a taxa de dispensación de antigripais nas farmacias aumentou un 38,9 % na última semana, mentres que a de probas de antíxenos se reduciu nun 17,9 %, tal e como informan as oficinas de farmacia integradas na rede sentinela impulsada pola Xunta, co obxectivo de anticipar a evolución dos virus respiratorios na comunidade.

Notas

A USC impulsa un marco institucional para integrar a IA de maneira responsable, segura e transparente na docencia, na aprendizaxe, na investigación, na transferencia de coñecemento e na xestión universitaria. A iniciativa, aprobada en Consello de Goberno, articúlase a través dun regulamento de aplicación xeral ao que se suma o Plan de Formación en Intelixencia Artificial Responsable (FIAR).
O Campus Industrial de Ferrol reúne a máis de 50 empresas, entidades e asociacións na cuarta edición do FESTALENT, Feira de Empresas e Talento, un evento de referencia que se celebra no Pavillón Municipal de Esteiro. Organizada no marco do programa ImpúlsaT da UDC, a feira conta coa colaboración da Xunta de Galicia, a través da Consellería de Emprego, Comercio e Emigración e da Consellería de Educación, Ciencia, Universidades e Formación Profesional.
PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
HOMENAXES EGERIA
PUBLICACIONES