
Este proxecto tamén impulsará a transferencia cara a empresas e administracións, ademais de fomentar o talento especializado nestes ámbitos. A directora da Axencia Galega de Innovación, Carmen Cotelo, destacou o carácter estratéxico deste proxecto, que se enmarca na aposta decidida do Goberno galego polas tecnoloxías profundas e que se suma a outros proxectos en colaboración entre España e Portugal como o Iberian QCI, que permitirá a ampliación da liña de comunicacións cuánticas terrestre ata Portugal.
Así mesmo, a representante da Consellería de Educación, Ciencia, Universidades e FP apuntou que este proxecto alíñase cos obxectivos do Polo de Tecnoloxías Cuánticas de Galicia e os investimentos que se están a realizar en Galicia nestes ámbitos, como os 82 M da Fábrica europea de IA 1HealthAI, os 56 M das novas infraestruturas do Cesga, os 3 M do Val europeo de innovación en cuántica ou os outros 12,7 M para convocatorias que o Executivo galego vai publicar proximamente nas que teñen cabida estes ámbitos. A xornada reuniu a representantes institucionais da Comisión Europea, do Ministerio de Facenda e da Consellería de Presidencia da Xunta de Galicia, así como os socios do proxecto e membros da comunidade científica e entidades do ecosistema tecnolóxico.
O proxecto está liderado pola Axencia Galega de Innovación e conta cun partenariado formado tamén por: o Cesga; as tres universidades galegas, Feuga, o International Quantum Center FSAS Technologies (Fujitsu), a Comisión de Coordinación e Desenvolvemento Rexional do Norte de Portugal (CCDR-N), a Universidade do Minho, o Laboratorio Ibérico Internacional de Nanotecnoloxía (INL), o Instituto de Engenharia de Sistemas e Computadores, Tecnologia e Ciência (INESC TEC), a Universidade de Évora, a Universidade de Aveiro, a Universidade de Extremadura, a Fundación Computación y Tecnologías Avanzadas de Extremadura (COMPUTAEX), o Centro de Supercomputación de Castilla y León (SCAYLE) e a Axencia Dixital de Andalucía (ADA). Conta cun orzamento total de 8,9 M, dos que 4,9 M corresponden a Xunta, USC, UVigo, UDC, Cesga, FEUGA e Fujitsu, o que reflicte o peso específico do ecosistema galego no proxecto.
Esta iniciativa súmase a outros proxectos nos que participa Galicia no ámbito das tecnoloxías profundas ou deep tech (como a cuántica e a intelixencia artificial). Precisamente Galicia estase a situar nunha posición destacada na construción da rede europea de comunicacións cuánticas EuroQCI, clave para o futuro da ciberseguridade. A nosa Comunidade xa puxo en marcha a autoestrada galega para transmisións ultra seguras entre Santiago e Vigo, de 120 kms de longo, que agora se estenderá ata Valença, 30 kms máis, a través tamén dun proxecto europeo con Portugal, o IberianQCI-Iberian Quantum Communication Infrastructure (Iberian QCI). Ademais, Galicia xa estreou a estación óptica terrea para comunicacións cuánticas Antonia Ferrín, a maior de España e que coloca a Galicia nunha posición de vantaxe no campo da transmisión espacial de máxima seguridade, que permitirá conectar coas principais misións europeas e internacionais no espazo.
Pleno da Rede galega de tecnoloxías cuánticas e Graduación do Mestrado
Hoxe celébrase, ademais, o Pleno da Rede galega de tecnoloxías cuánticas, que incorporará a empresa Telefónica, adxudicataria do novo ordenador cuántico do Cesga. Este órgano tratou os proxectos europeos de recente concesión no eido da cuántica que contan con participación galega, como o Iberian QCI, o Val de innovación europeo Equivalemt, o Quantum Iberia ou o QCX (Centro de Excelencia en Cuántica) así como a nova liña de proxectos colaborativos de I+D+i en cuántica e IA que convocará proximamente a Xunta de Galicia. A directora da Axencia Galega de Innovación participa tamén no acto de graduación do Mestrado interuniversitario en ciencia e tecnoloxías da información cuántica na Aula Magna da Facultade de Física da USC.
Tivo lugar o acto de entrega dos Premios de Responsabilidade Social Empresarial de Galicia 2026, que puxeron en valor a importancia de promover unha cultura empresarial que integre a responsabilidade social no seu modelo de xestión e sitúe as persoas no centro da actividade. As entidades premiadas foron Galaica Consultaría Integral e Nasas Social Media, na categoría de pequena empresa; Torres y Sáez, na de mediana empresa; Citanias Obras y Servicios, na de grande empresa; e Altia, coa Mención á Conciliación.
A conselleira do Mar, Marta Villaverde, defenderá ante o Goberno central a posición de Galicia sobre o futuro da Política Pesqueira Común, baseada na necesidade de garantir financiamento suficiente para o sector, facilitar a renovación e modernización da frota e avanzar cara a un modelo de xestión que teña en conta tanto a conservación dos recursos como a viabilidade económica e social da actividade.