
Rueda sinalou que o obxectivo é aprobar a estratexia no primeiro semestre de 2026 e, previamente, segundo explicou a conselleira de Economía e Industria, María Jesús Lorenzana, vanse celebrar encontros cos axentes sociais e as entidades do sector para recoller as súas achegas co fin de consolidar Galicia como unha fábrica de innovación capaz de transformar talento e coñecemento en solucións con impacto real na economía e na sociedade.
En definitiva, trátase de converter a innovación nunha práctica cotiá do tecido empresarial galego e non nunha moda nin unha excepción. Para logralo, a Xunta vai buscar a implicación de empresas, centros de coñecemento, clústeres e as distintas administracións. Queremos que se innove máis, se innove mellor e isto se traduza nunha competitividade sostible e emprego de calidade, indicou a conselleira.
Reforzar a cooperación público-privada incorporando as pemes aos procesos de transformación nun mundo cada vez máis competitivo e globalizado é un dos propósitos da iniciativa, que estará moi centrada nas pemes, xa que, nun escenario tan globalizado, tecnolóxico e competitivo como o actual, a maioría das que non innoven están condenadas a desaparecer.
Así, a folla de ruta 2026-2028 mobilizará máis de 400 millóns de euros de fondos propios, cun incremento próximo ao 60% respecto do escenario previo, segundo indicou Lorenzana. Este investimento permitirá atraer talento e proxectos tractores, crear espazos de experimentación, activar innovación e dotar ás empresas de alta tecnoloxía baseada na IA.
Rueda explicou que a estratexia agarda incrementar nun 25 % o número de empresas que innovan en Galicia, cifradas en máis de 1.750 segundo os últimos datos, e conseguir que o gasto privado neste eido medre ata os 1.500 millóns de euros. Tamén se aspira a atraer, reter e mobilizar talento cualificado, e impulsar redes de apoio que acompañen ás empresas.
Antecedentes: a Área de innovación
A posta en marcha da Estratexia de Innovación Empresarial de Galicia prodúcese tras a creación, en 2024, da Área de Innovación Empresarial no seo da Consellería de Economía e Industria, a través do Igape, co obxectivo de impulsar a innovación como panca esencial da competitividade das empresas.
O Goberno galego considera que a innovación nas empresas só se consolida cando se traduce en maior produtividade, sustentabilidade, capacidade exportadora e emprego. Por iso, dar máis facilidades de financiamento ás empresas que aposten pola innovación, fomentar a autonomía tecnolóxica, pór a disposicións instrumentos públicos e redes de apoio que acompañen ás empresas ou atraer e mobilizar talento son algúns dos eixos de actuación da estratexia cuxo borrador deberá estar listo no primeiro trimestre de 2026.
Catro eixes: retos, estruturación, financiamento e transversalidade
A Estratexia desenvolverase a través de catro grandes eixes: Retos empresa innovadora, Estruturación, Financiamento e Transversalidade, que prevén incorporar diferentes modalidades de apoios. No primeiro deles destacan a activación de dous programas: Industria Innova e IA360. Rueda salientou que o Consello acordou hoxe destinar 40 millóns de euros a estas dúas liñas de axudas para impulsar proxectos de investigación industrial ou implantar ferramentas de intelixencia artificial.
Industria Innova, dotada con 30 millóns de euros, está destinada a apoiar proxectos de investigación industrial, desenvolvemento experimental e innovación en procesos e organización nas empresas galegas, mentres que IA360 (10 millóns de euros) porá o foco na industria con prioridade nos proxectos vinculados aos sectores estratéxicos de Galicia e contará con dúas tipoloxías de axuda. A primeira, para o desenvolvemento de tecnoloxías baseadas en IA; a segunda, para proxectos de implantación e aplicación de servizos e solucións comerciais baseadas nesta tecnoloxía.
No ano 2024, o gasto en innovación empresarial na comunidade galega acadou os 1.073,6 millóns de euros, rexistrando unha taxa anual do 30,4 % coa que supera en 17 puntos ao Estado (13 %). Tal e como explicou a conselleira, Galicia é a cuarta comunidade onde máis aumentou o investimento. Estes datos dan boa conta do esforzo que Galicia está a facer para incorporar a innovación como panca de crecemento en todas as áreas e procesos produtivos.
Tras a aprobación do inicio da tramitación da Estratexia de Innovación Empresarial de Galicia 2026-2028 no Consello celebrado hoxe, está previsto desenvolver un calendario de reunións que inclúe xuntanzas co Diálogo Social e a constitución dunha Mesa Empresa Innovación, así como a recollida de achegas de entidades e axentes do ámbito da innovación.
A exposición 'As estacións do ano na arte galega dos séculos XX e XXI' pecha as súas portas no Museo Centro Gaiás o domingo 6 de setembro con máis de 36.000 visitas desde a súa inauguración. Concibido e comisariado pola artista e investigadora Mónica Alonso, o proxecto destaca polo seu deseño innovador, que constrúe un percorrido sensorial para mergullarse na arte contemporánea. Máis de 80 obras de 63 artistas dan forma a un itinerario que transita polas paisaxes, símbolos e lembranzas asociadas ao paso do tempo e os cambios entre a primavera, o verán, o outono e o inverno en Galicia.
Galicia continúa a manter o liderado na taxa de escolarización 0-3 por cuarto curso consecutivo, cun 64 %. Os datos do Ministerio de Educación, Formación Profesional e Deportes referentes ao período lectivo 2026-2026 consolidan este primeiro posto, con 14 puntos por riba da media nacional. Ademais, Galicia é a única comunidade autónoma que está por encima da barreira do 60 % en niveis de escolarización no primeiro ciclo de Educación Infantil e supera en case 20 puntos o obxectivo da Unión Europea para o ano 2030, que é do 45 %. Estas cifras colocan a Galicia como referente no apoio ás familias e á infancia e son posibles grazas a medidas como a gratuidade das escolas infantís.