
Galicia lidera un ano máis as candidaturas á bandeira Sendeiro Azul 2026, cun total de 72 rutas aspirantes, o que supón un 31% máis das que se presentaron na pasada edición.
Durante a reunión do xurado que concede estes distintivos, a directora xeral de Patrimonio Natural, Marisol Díaz, que participou por videoconferencia, puxo en valor que Galicia é a comunidade que máis candidaturas presenta e subliñou que das 72 aspirantes a sendeiros azuis, 20 son rutas que optan por primeira vez a este recoñecemento.
Unha vez analizadas polo xurado as propostas recibidas no conxunto do país, o seguinte obxectivo para Galicia, segundo explicou Marisol Díaz, é revalidar o resultado da pasada edición, cando repetiu a súa posición como comunidade co maior número de distintivos deste tipo: 54 das 154 bandeiras concedidas no conxunto do país e unha rede de itinerarios azuis que sumou 388,66 quilómetros.
A Bandeira Sendeiro Azul, que concede desde hai anos a Asociación de educación ambiental e do consumidor (Adeac), recoñece o papel das rutas e camiños como un recurso valioso para gozar da natureza, realizar actividades deportivas e de ocio ao aire libre e axudar a interpretar ambientalmente a contorna. Así mesmo, premia a recuperación e posta en valor de sendeiros e itinerarios mediante a súa transformación en contornas respectuosas, resilientes e sostibles.
Nesa liña, os principais obxectivos desta iniciativa inclúen o fomento da conectividade ecolóxica e a restauración ambiental; a contribución coa análise de fontes cartográficas e de datos á planificación e xestión de zonas naturais; o fortalecemento da coordinación entre as administracións con competencias nestes espazos; a integración transversal de aspectos económicos, ambientais e sociais, e a mellora do coñecemento e sensibilización ambiental.
Ademais, realízase unha revisión periódica dos seguintes aspectos: características das sendas e trazados; estado da información, sinaléctica e infraestruturas; conservación e xestión do patrimonio natural e cultural, e uso público e desfrute.
A economía galega medrará catro décimas máis do previsto hai un ano, cando se elaboraron os orzamentos vixentes. Así se desprende do Informe sobre as previsións macroeconómicas que se incluirán nos orzamentos da Xunta de Galicia para o ano 2027, elaborado polo Instituto Galego de Estatística (IGE) e que hoxe foi avalado pola AIReF. Deste xeito, segundo constata o documento, Galicia medrará máis do previsto para este ano. Non en van, se en xullo, cando se aprobou o teito de gasto non financeiro, a Comunidade xa mellorou a previsión de crecemento que estaba nos orzamentos para este ano en dúas décimas, pasando do 1,9 % ao 2,1 %, agora volve a facelo, mellorando noutras dúas décimas (ata o 2,3 %) a previsión para o peche de 2026.