Noticias

Os Premios do Comercio Galego recaen en Creativas Galegas, Panadería Pallares, Amoras, Viveiro Centro Comercial Histórico e a Arroupa (Premio Sostible)

Tivo lugar a entrega dos Premios do Comercio Galego 2025 nun acto no que se aproveitou para presentar en sociedade a nova imaxe do Comercio Galego, coincidindo ademais co arranque dunha nova campaña autonómica para darlle un pulo ao sector. Os premiados foron as compostelás Creativas Galegas (Premio Comercio Galego), polo seu Mercado Galego da Creatividade, a lucense Panadería Pallares (Premio Comercio Traxectoria), coa quinta xeración familiar ao cargo, Amoras (Premio Comercio Emprende), polos seus orixinais proxectos comerciais, e Viveiro Centro Comercial Histórico (Premio Comercio Dinamización) pola súa campaña Escolle o teu empregado do mes.

O conselleiro de Emprego, Comercio e Emigración, José González, xunto coa delegada territorial da Xunta na Coruña, Belén do Campo, e o director xeral de Comercio e Consumo, Gabriel Alén, clausurou hoxe a entrega dos Premios do Comercio Galego 2025 nun acto no que se aproveitou para presentar en sociedade a nova imaxe do Comercio Galego, coincidindo ademais co arranque dunha nova campaña autonómica para darlle un pulo ao sector. González cualificou a cita —na que tamén estiveron a xerente da Fundación Artesanía de Galicia, Elena Fabeiro, e a xerente do Instituto Galego do Consumo e da Competencia, Sol Vázquez— como unha oportunidade idónea para visibilizar un sector clave para a economía galega, caracterizado pola súa riqueza e diversidade ao servizo da cidadanía e en beneficio da dinamización das cidades e vilas, con especial fincapé no rural.

Na súa intervención, o conselleiro puxo en valor o bo facer dos negocios recoñecidos cos Premios do Comercio Galego 2025. Así, das compostelás Creativas Galegas (Premio Comercio Galego), destacou o seu Mercado Galego da Creatividade, por promover o traballo artesán cooperativo mostrando as pezas de máis de 300 profesionais. Mentres, da lucense Panadería Pallares (Premio Comercio Traxectoria) salientou que teña a quinta xeración familiar ao cargo e que soubera modernizarse co paso do tempo con iniciativas como un museo etnográfico do pan.

Sobre o Premio Comercio Emprende, valorou que Amoras —tras coller o testemuño dunha froitaría— teña tres tendas abertas no Carballiño e Maside e se distinga por proxectos orixinais como un fruit track ou arranxos de froitas para eventos. Canto ao Premio Comercio Dinamización, felicitou a Viveiro Centro Comercial Histórico pola súa campaña Escolle o teu empregado do mes, pola orixinalidade e acerto de recoñecer —dixo— a todas aquelas persoas que están en contacto directo coa clientela e, por último, louvou que Arroupa vexa recoñecida co Premio Comercio Sostible a súa aposta pola inserción laboral a través da transformación de roupa usada.

O titular de Comercio resaltou as achegas de todos e cada un dos premiados e finalistas a un sector comercial forte, moderno e competitivo capaz de adaptarse ás novas tendencias e demandas das persoas consumidoras. Animounos a seguir por esa senda co apoio da Xunta para que se estenda o seu exemplo e se siga xerando riqueza e emprego, ademais de vertebrando o territorio e fixando poboación.

Nova imaxe do Comercio Galego

O conselleiro aproveitou o acto para poñer de relevo a nova imaxe do Comercio Galego, que se presenta hoxe en sociedade. Trátase dun selo distintivo que quere enxalzar a identidade e excelencia dos comercios de proximidade, auténticos servizos públicos a pé de rúa, “unha vertente máis do Galicia Calidade que quere consolidar a ilusión e orgullo que serve cada día de motor aos comerciantes da nosa Comunidade, para seguir protagonizando ese emprendemento ligado ao territorio que tanto defendemos”.

Todo para seguir potenciando un sector que abrangue máis de 32.000 establecementos e dá emprego a preto de 107.000 persoas, no marco do Plan estratéxico do comercio de Galicia 2025-2030. Ao seu abeiro, segundo destacou González, consolidaranse en 2026 accións de éxito como os bonos Activa Comercio.

A maiores, impulsaranse iniciativas novidosas como o proxecto de recuperación de contornas comerciais urbanas senlleiras Vilas Vivas, que arrincará na ponte de decembro en Ribadavia; o proxecto Localízate, destinado a atraer a mocidade ao comercio local; ou Prato de Mercado, para visibilizar as sinerxías entre as prazas de abastos e a hostalaría. No eido da artesanía, estrearanse as formacións para aprendices (1 M€), e crearase en Santiago de Compostela a Casa do Artesán, que exercerá de sede da Fundación Artesanía de Galicia e albergará unha exposición permanente con pezas de artesáns do selo.

R., 2025-11-13

Actualidad

Foto del resto de noticias (museo_do_pobo_galego_2.jpg) Foi inaugurada no Museo do Pobo Galego a exposición 'Transfronteiriza', da artista e cineasta tudense Diana Gonçalves, que permanecerá aberta ao público ata o 28 de marzo de 2027. A mostra parte do documental 'Mulleres da Raia', da mesma autora, e froito de tres anos de investigación. A través da linguaxe cinematográfica, de materiais documentais, arquivos históricos e elementos patrimoniais, a proposta constrúe unha experiencia arredor da memoria compartida entre Galicia e o norte de Portugal. En concreto, Transfronteiriza recupera a memoria das mulleres que viviron na fronteira entre ambos territorios a mediados do século XX, que desempeñaron un papel fundamental no comercio transfronteirizo e na supervivencia económica das familias.
Foto de la tercera plana (cdc-00.jpg) Trátase dunha iniciativa que nace como evolución de Circo Presente Continuo e que se vai desenvolver por primeira vez fóra de Madrid. A Cidade da Cultura, o Teatro Principal e o Salón Teatro serán as súas sedes na capital galega, reunindo artistas, compañías, profesionais da programación, distribuidoras e institucións para compartir proxectos e favorecer novas oportunidades de colaboración e contratación. O programa inclúe oito espectáculos, seis mostras breves e catro traballos en proceso. Entre as propostas figuran Naufragio, de Labsurda; Serena, de Circ Bover; Matrimonio, de Kolektivo Konika; Siku, de Jessica Arpin; e Sen patrón, de Pistacatro, que ofreceu un adianto artístico durante a presentación.

Notas

O concerto de Sofía Ros na Casa do Saber do Campus de Lugo este luns, 26 de outubro, ás 20.15 horas, abre unha nova semana ateigada de citas culturais na USC. Música, diversos faladoiros, así como proxeccións audiovisuais integrarán os vindeiros eventos do Outono Cultural. Ese mesmo 26 de outubr,o no Pazo de Montenegro, a partir das 17.30 horas, desenvolverase o primeiro dos encontros 'Memoria democrática'. María Valcárcel, profesora da USC e periodista cultural, é a persoa coidadora deste proxecto. O acceso require inscrición previa.
A música folk será neste 2026 a gran protagonista do ciclo Música para reCREAr, que a Vicerreitoría do campus promove coa colaboración do Concello de Pontevedra, ao abeiro dun convenio de colaboración. Esta programación botará a andar este xoves 29 de outubro, ás 20.30 horas, no Pazo da Cultura, cunha actuación do grupo Caldo, mentres que o 12 de novembro, á mesma hora, poderá coñecerse o proxecto musical do dúo Abril.
PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
HOMENAXES EGERIA
PUBLICACIONES