Noticias

A Xunta recorre no Tribunal Supremo contra os decretos do Goberno central que regulan o traslado dos menores migrantes non acompañados

O presidente da Xunta, Alfonso Rueda, informou hoxe de que o Consello ratificou a resolución adoptada pola Asesoría Xurídica de presentar dous recursos contencioso-administrativos diante do Tribunal Supremo fronte aos dous reais decretos aprobados este verán polo Goberno central, os cales regulan os traslados obrigatorios de menores migrantes non acompañados e a capacidade ordinaria de acollida das comunidades autónomas. Trátase das dúas normas que desenvolven o Real decreto lei 2/2025, do 18 de marzo, a través do cal o Executivo central impuxo unha distribución de menores chegados a Canarias, Ceuta e Melilla entre as distintas comunidades e dos cales máis de 300 virán a Galicia.

Tal e como lembrou Rueda, Galicia, xunto con “outras dez comunidades autónomas”, xa recorreu previamente ao Tribunal Constitucional contra o devandito real decreto lei do pasado mes de marzo, ao entender que invade competencias autonómicas, xa que o sistema de protección á infancia, como ditaminou o Consello Consultivo, é unha competencia exclusiva das autonomías.

Por iso, a Xunta actúa con coherencia e os recursos presentados agora no Tribunal Supremo teñen a mesma argumentación, ao considerar que os decretos que desenvolven a Lei de marzo arrastran os mesmos vicios de inconstitucionalidade. Así mesmo, a Xunta denuncia que no que levamos de ano o Goberno central aínda non achegou financiamento ningún para o acollemento destes menores.

R., 2025-11-11

Actualidad

Foto del resto de noticias (festival-jazz-lugo-2026.jpg) O XXXVI Festival de Jazz de Lugo ofrecerá do 4 ao 14 de novembro un total de 22 actuacións que combinarán grandes figuras internacionais cunha ampla presenza de músicos galegos en catro escenarios. Conforme ao programa, o Auditorio Fuxan os Ventos acollerá a apertura o mércores 4 co trío do saxofonista e clarinetista cubano Paquito D’Rivera. Neste mesmo escenario actuarán Abe Rábade, o día 8, e Kenny Barron Trio, o 11. No Círculo das Artes sucederanse James Carter Organ Trio, o 5 de novembro; Jogo de Damas, o día 6; Takuya Kuroda Quintet, o 7; Patricia Brennan Septet, o día 12; Erik Truffaz & Antonio Lizana, o día 13, e Clarence Bekker Band, o 14 de novembro.
Foto de la tercera plana (gripe-vacinacion.jpg) O informe da Dirección Xeral de Saúde Pública da Consellería de Sanidade sobre a actividade das infeccións respiratorias agudas referido á semana que rematou o 25 de outubro reflicte que a actividade gripal na comunidade mantén o seu nivel basal con tendencia crecente, constatando un incremento na dispensación de antigripais nas farmacias galegas. En concreto, a taxa de dispensación de antigripais nas farmacias aumentou un 38,9 % na última semana, mentres que a de probas de antíxenos se reduciu nun 17,9 %, tal e como informan as oficinas de farmacia integradas na rede sentinela impulsada pola Xunta, co obxectivo de anticipar a evolución dos virus respiratorios na comunidade.

Notas

A USC impulsa un marco institucional para integrar a IA de maneira responsable, segura e transparente na docencia, na aprendizaxe, na investigación, na transferencia de coñecemento e na xestión universitaria. A iniciativa, aprobada en Consello de Goberno, articúlase a través dun regulamento de aplicación xeral ao que se suma o Plan de Formación en Intelixencia Artificial Responsable (FIAR).
O Campus Industrial de Ferrol reúne a máis de 50 empresas, entidades e asociacións na cuarta edición do FESTALENT, Feira de Empresas e Talento, un evento de referencia que se celebra no Pavillón Municipal de Esteiro. Organizada no marco do programa ImpúlsaT da UDC, a feira conta coa colaboración da Xunta de Galicia, a través da Consellería de Emprego, Comercio e Emigración e da Consellería de Educación, Ciencia, Universidades e Formación Profesional.
PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
HOMENAXES EGERIA
PUBLICACIONES