Noticias

Un de cada dez nenos e nenas recoñece sufrir ciberacoso, e un de cada tres adolescentes violencia dixital na parella

Os adolescentes están rexistrados en redes sociais de forma masiva: o 92,5% participa en polo menos unha rede social e o 75,8% en tres ou máis. Mesmo nos últimos cursos de Primaria, o 78,3% xa ten presenza nalgunha rede. Pero o impacto da tecnoloxía vai moito máis alá do lecer ou a comunicación. Estes son algúns dos resultados de 'Infancia, adolescencia e benestar dixital. Unha aproximación desde a saúde, a convivencia e a responsabilidade social', estudo elaborado pola USC, Red.es, UNICEF España e o Consello Xeral de Colexios de Enxeñería Informática, froito dunha consulta a case 100.000 nenos, nenas e adolescentes de toda España, e que ofrece unha fotografía nítida dunha xeración hiperconectada e que, aínda que máis consciente dos perigos da Internet, segue enfrontándose a graves desafíos

A gran maioría accede ás redes e outros contidos desde o seu propio dispositivo. A presenza do teléfono móbil faise patente desde os últimos anos de Primaria: aos 10 anos, o 41% dos nenos e nenas dispón de móbil propio, porcentaxe que ascende ao 76% aos 12 anos de idade. Na ESO, practicamente todos –o 92,8%– ten o seu propio teléfono, sendo a idade media de acceso ao móbil os 10,8 anos.

O uso problemático das redes ten consecuencias

Case un 9% dos mozos e mozas de entre 10 e 20 anos dedica máis de cinco horas diarias ás redes sociais entre semana, unha cifra que se eleva ata case o 20% durante a fin de semana. Ademais, o 5,7% podería desenvolver un uso problemático das redes sociais, porcentaxe que alcanza o 7,7% entre quen cursa Bacharelato – a etapa máis vulnerable – e que é significativamente maior entre as mozas, o que evidencia importantes diferenzas de xénero nesta problemática. Este uso intensivo asóciase a maior ansiedade, peor calidade de vida e maior exposición a situacións de acoso, ciberacoso ou control na parella a través de medios dixitais. “O 25% dos adolescentes declara sufrir acoso escolar, preto do 10% ciberacoso, e un de cada tres novos con parella recoñece vivir control ou chantaxe a través do móbil ou as redes”, sinalou Antonio Rial, profesor da Universidade de Santiago de Compostela, quen advertiu de que “estas formas de violencia dixital están cada vez máis presentes na vida cotiá dos adolescentes”.

Aínda que os riscos continúan, obsérvanse avances no uso responsable da internet. O 58,4% dos enquisados falou con persoas descoñecidas na rede, o 25,1% recibiu mensaxes de carácter sexual e case o 9% recibiu presións para enviar fotos ou vídeos de carácter erótico ou sexual, pero estes datos son mellores que os rexistrados en 2021, no informe Impacto da Tecnoloxía na Adolescencia. A exposición á pornografía segue sendo un reto: o 29,6% di consumila nalgunha ocasión, nun de cada tres casos de maneira fortuíta. O consumo iníciase de media aos 11,5 anos, e o 70% dos enquisados manifesta que non fala de sexo en casa.

A falta de normas e límites no uso da tecnoloxía, xunto cun mal exemplo por parte dos adultos, duplica as diferentes condutas de risco en liña. Por exemplo, a porcentaxe de mozos e mozas que pasa máis de 5 horas ao día en redes sociais as fins de semana é do 17,9% entre aqueles cuxos pais non usan o móbil durante as comidas, e ascende ao 24,6% se os pais si usan o móbil. O mesmo ocorre co consumo de pornografía (27,5% versus 34,3%) ou aceptar a descoñecidos en redes (31,6% fronte a 40,3%).

Universidade de Santiago de Compostela (USC), 2025-11-11

Actualidad

Foto del resto de noticias (filmoteca-galicia-202611.jpeg) A Filmoteca de Galicia pon o foco da súa carteleira para novembro na estrea do ciclo dedicado ao guionista Rafael Azcona no centenario do seu nacemento, unha escolma do cinema do xaponés Keisuke Kinoshita e a visita de James Benning para presentar as súas dúas últimas películas. Coa proxección de El pisito, de Marco Ferreri, comeza esta mesma tarde a Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude a conmemoración do centenario de Rafael Azcona, que ata o mes de xaneiro ofrecerá unha escolma representativa da súa dilatada carreira xunto a grandes directores do cinema español. Este mes poderá verse El jardín de las delicias, de Carlos Saura; El anacoreta, de Juan Estelrich, e El año de las luces, de Trueba.
Foto de la tercera plana (veran.jpg) O avance do último informe climatolóxico elaborado por MeteoGalicia indica que a Comunidade rexistrou un mes de outubro cálido e moi seco. Foi un período anómalo, xa que as altas presións foron moito máis frecuentes do que cabería agardar nesta época. De feito, só chegaron tres frontes desde o Atlántico que, ademais, tiveron pouca actividade. Neste contexto, as temperaturas estiveron por riba dos valores climatolóxicos e as precipitacións acumuladas foron moi inferiores ao que cabería agardar. Máis polo miúdo, a media das temperaturas foi superior ao habitual neste mes, sobre todo no caso das máximas, debido ao predominio de situacións anticiclónicas que achegaban aire cálido desde o sur.

Notas

O 7 de novembro a ciencia sairá ao encontro da cidadanía coa primeira edición de 'Abastos de Ciencia', unha iniciativa da UDC que terá lugar no Mercado de San Agustín e combinará divulgación e experimentación a través de obradoiros participativos, mesas redondas e propostas gastronómicas e culturais. A iniciativa, enmarcada no proxecto InPacto, permitirá coñecer o traballo investigador que se realiza en diferentes centros, facultades e grupos.
O grupo de investigación da USC De la Edad Media al Siglo de Quevedo, desenvolve en Santiago o Congreso Internacional 'De interpretatione: la traducción en los siglos XVI y XVII'. O obxectivo do encontro, os días 5 e 6 na Facultade de Filoloxía, consiste en presentar os resultados de investigacións arredor da tradución durante os séculos XVI e XVII, pero tamén reflexionar sobre posibles liñas de traballo para o futuro.
PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
HOMENAXES EGERIA
PUBLICACIONES