
O conselleiro de Educación, Ciencia, Universidades e FP, Román Rodríguez, mantivo hoxe un encontro cos representantes dos centros de investigación da Rede CIGUS para poñer en valor o talento que estes centros universitarios concentran e a importancia do seu traballo. De feito, no 2024 captaron máis do 46% de investigadores de fóra de Galicia, dos que o 35% proceden doutros países e o 11% do resto de España.
O representante da Xunta sinala que estes datos amosan un fluxo constante de talento cara Galicia. En termos xerais, o 14% de investigadores que traballan na Rede CIGUS proceden doutros países. Isto consolida a reputación da Rede CIGUS e da investigación feita en Galicia, ademais de contribuír á calidade e competitividade global dos seus proxectos, engade. No que se refire ao conxunto do Estado, Galicia conta con máis de 1.100 investigadores doutras comunidades captados desde o ano 2020. Esta capacidade de atracción reforza a idea de que a nosa Comunidade ofrece condicións competitivas e oportunidades de investigación de primeiro nivel, remarca Román Rodríguez.
Neste sentido, o titular de Ciencia, que estivo acompañado na reunión polo secretario xeral de Universidades, José Alberto Díez, destaca a importancia de dar a coñecer o traballo que se realiza nos centros de investigación e visibilizar o importante labor da Rede CIGUS contribuíndo, así, a proxectar Galicia como un territorio de coñecemento, talento e futuro. De feito, a Xunta convocou esta reunión para avaliar diferentes fórmulas para levar o traballo dos profesionais pertencentes á Rede CIGUS á sociedade, como a realización dunhas xornadas de encontro entre os centros de investigación e estudantes.
Ademais, o conselleiro recorda que dar a coñecer a investigación é un dos obxectivos da futura Lei de ciencia e innovación de Galicia, unha ferramenta fundamental para acompañar o gran crecemento da I+G+i. Precisamente a Xunta abre hoxe e ata o 28 de novembro a consulta pública previa desta norma para que toda a cidadanía poida facer as súas achegas á redacción a través dun proceso aberto e participativo.
Máis de 1.600 investigadores
A Rede CIGUS está conformada por 10 centros das tres universidades públicas galegas (USC, UVigo e UDC) e aglutina a máis de 1.600 investigadores. Baixo a marca CIGUS, a Xunta financia, vertebra e visibiliza a investigación universitaria de excelencia. Nos últimos catro anos logrou captar máis de 180 millóns de euros en proxectos competitivos, o que supón un notable retorno económico nunha rede á que a Xunta leva destinados case 68 millóns. De feito, na convocatoria actual -na que oito centros renovaron a súa acreditación e dous se incorporaron- incrementouse nun 31% a achega do Goberno autonómico.
A Filmoteca de Galicia pon o foco da súa carteleira para novembro na estrea do ciclo dedicado ao guionista Rafael Azcona no centenario do seu nacemento, unha escolma do cinema do xaponés Keisuke Kinoshita e a visita de James Benning para presentar as súas dúas últimas películas. Coa proxección de El pisito, de Marco Ferreri, comeza esta mesma tarde a Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude a conmemoración do centenario de Rafael Azcona, que ata o mes de xaneiro ofrecerá unha escolma representativa da súa dilatada carreira xunto a grandes directores do cinema español. Este mes poderá verse El jardín de las delicias, de Carlos Saura; El anacoreta, de Juan Estelrich, e El año de las luces, de Trueba.
O avance do último informe climatolóxico elaborado por MeteoGalicia indica que a Comunidade rexistrou un mes de outubro cálido e moi seco. Foi un período anómalo, xa que as altas presións foron moito máis frecuentes do que cabería agardar nesta época. De feito, só chegaron tres frontes desde o Atlántico que, ademais, tiveron pouca actividade. Neste contexto, as temperaturas estiveron por riba dos valores climatolóxicos e as precipitacións acumuladas foron moi inferiores ao que cabería agardar. Máis polo miúdo, a media das temperaturas foi superior ao habitual neste mes, sobre todo no caso das máximas, debido ao predominio de situacións anticiclónicas que achegaban aire cálido desde o sur.