Noticias

Galicia e Comisión Europea abordan a revisión a medio prazo da política de cohesión 2021-2027

A directora da oficina da Fundación Galicia Europa en Bruxelas, Ana Ramos, foi a encargada de inaugurar e moderar unha nova edición dos Encontros virtuais Xunta-UE, o foro de debate entre o goberno galego e as institucións comunitarias. O representante da Comisión explicou os antecedentes da política de cohesión, que leva máis de 40 anos tratando de reducir as disparidades entre as rexións europeas co obxectivo de lograr un desenvolvemento económico, social e territorial equilibrado. Pola súa parte, o representante da Consellería de Facenda explicou como están a revisar os actuais programas FEDER e FSE 2021-2027 no marco da revisión a medio prazo prevista na actual lexislación.

Na súa intervención, Ana Ramos explicou como o executivo comunitario trata de aproveitar este exercicio de revisión intermedia para incentivar o investimento dos recursos en novas prioridades estratéxicas, como a vivenda, a resiliencia hídrica ou a defensa. Así, engadiu, esta revisión intermedia convértese nun banco de probas para ensaiar enfoques e metodoloxías que moi probablemente marcarán o próximo marco financeiro a partir de 2028, cuxa proposta lexislativa está prevista para a semana que vén.

A directora da oficina da Fundación Galicia Europa en Bruxelas advertiu que dende Galicia se observa este proceso con grande atención, conscientes de que ideas como a de agrupar os fondos de cohesión en plans únicos nacionais ou modelos de xestión inspirados no Mecanismo de Recuperación e Resiliencia poderían alterar o impacto da política de cohesión. Por iso, subliñou, a nosa comunidade está a mobilizarse en diferentes foros europeos para defender unha política de cohesión forte, ben financiada e con dimensión territorial.

Encontros virtuais Xunta-UE

Máis de 700 representantes da Xunta participaron nas arredor de 50 sesións dos Encontros virtuais Xunta-UE celebrados dende 2020. A Fundación Galicia Europa impulsou esta iniciativa durante a pandemia, para informar da resposta da UE, que evolucionou ata converterse nun foro mensual no que debater sobre os temas da axenda comunitaria máis relevantes para Galicia.

R., 2025-07-09

Actualidad

Foto del resto de noticias (20261016-xunta.jpg) O xurado dos Premios da Cultura Galega 2026 reuniuse hoxe en Santiago de Compostela para outorgar os recoñecementos desta edición. A xuntanza, que tivo lugar na Cidade da Cultura de Galicia, estivo presidida polo conselleiro de Cultura, Lingua e Xuventude, José López Campos. Ao remate do acto, fíxose público o fallo nas distintas categorías propostas, resultando galardoados María Solar, en Letras; Almudena Fernández Fariña, en Artes Visuais; a compañía Elefante Elegante, en Artes Escénicas; a Asociación Galega de Empresas Musicais, en Música; Alfonso Zarauza, na categoría Audiovisual; Espazo Lectura, en Lingua; o Obradoiro de Gaitas Seivane, en Patrimonio Cultural; e o Festival EmigraSON, en Proxección Exterior.
Foto de la tercera plana (apoio.jpg) O obxectivo desta rede de recursos é acompañar ás persoas con discapacidade ao longo da súa vida, desde os primeiros anos ata que se fan maiores, ofrecendo respostas axeitadas a cada etapa e a cada necesidade. Desde o ano 2016, o número de unidades de atención temperá aumentou ata as 57. Estes servizos públicos e gratuítos dirixidos a nenas e nenos de 0 a 6 anos de idade son fundamentais para detectar, previr e actuar ante trastornos de desenvolvemento. A Rede galega de atención temperá na actualidade chega a máis de 200 concellos e a 6.000 familias.

Notas

A Cátedra Rosalía de Castro da Universidade de Santiago de Compostela, dirixida por María do Cebreiro Rábade Villar e Fernando Cabo Aseguinolaza, acaba de publicar Cartas de Alejandra Murguía de Castro a Ángela Santamarina (1916-1925), un epistolario que recupera a voz dunha muller durante moito tempo eclipsada polas figuras dos seus pais e que achega novos datos sobre a familia Murguía-Castro e, de maneira moi especial, sobre a vida e a obra de Rosalía de Castro.
O Congreso XoveTIC, organizado polo CITIC e a Facultade de Informática da UDC, recoñeceu os mellores traballos presentados na súa novena edición, destacando a excelencia investigadora e a innovación tecnolóxica en distintos ámbitos das tecnoloxías da información e das comunicacións. Este congreso consolídase como un espazo de intercambio de coñecemento e presentación de resultados científicos.
PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
HOMENAXES EGERIA
PUBLICACIONES