Noticias

'Cultura no Camiño' programa este verán 310 actuacións escénicas e musicais en 88 concellos das rutas xacobeas

De acceso gratuíto, a meirande parte destas propostas están programadas en espazos ao aire libre e dirixidas ao público familiar. De acordo coas cifras de asistencia rexistradas en anos anteriores, pódese estimar que esta 13ª edición de Cultura no Camiño sume máis de 38.000 espectadores nos 88 concellos participantes. A programación arrancará o vindeiro domingo día 15 en Barreiros (Lugo), onde Cris de Caldas ofrecerá o monólogo Doña Emilia e Señora Carmen a partir de diferentes relatos de Emilia Pardo Bazán; Paderne (A Coruña) co espectáculo de narración oral O medo é libre, de Ángeles Goás, e Vilagarcía de Arousa (Pontevedra) coas montaxes A historia de Brancaflor, a cargo de Fran Rei, e O último que apague a luz, de A Vela Circo.

A Xunta impulsa unha nova edición do circuíto festival de espectáculos Cultura no Camiño, que do 15 de xuño ao 31 de agosto achegaralles 310 actuacións de artes escénicas e de música a 88 dos municipios polos que discorren as diferentes rutas xacobeas ao seu paso por Galicia. A Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude e os concellos participantes organizan e cofinancian esta programación, que conta cun investimento de preto de 530.000 euros integramente destinado á contratación das 170 formacións artísticas galegas que lle dan forma a esta carteleira de circo, danza, música, narración oral e teatro.

Esta iniciativa, que vai xa pola súa 13ª entrega, ten como prioridade a dinamización e descentralización da oferta cultural galega, máis alá dos principais núcleos urbanos e co foco posto nas rutas de peregrinación. Coincidindo, ademais, coa época de maior afluencia de camiñantes e visitantes en xeral, Cultura no Camiño funciona tamén como unha plataforma desde a que compartir a riqueza, a diversidade e o talento artístico das artes escénicas e a música de Galicia.

Previsión de máis de 38.000 asistentes

De acceso gratuíto, a meirande parte destas propostas están programadas en espazos ao aire libre e dirixidas ao público familiar. De acordo coas cifras de asistencia rexistradas en anos anteriores, pódese estimar que esta 13ª edición de Cultura no Camiño sume máis de 38.000 espectadores nos 88 concellos participantes.

A programación arrancará o vindeiro domingo día 15 en Barreiros (Lugo), onde Cris de Caldas ofrecerá o monólogo Doña Emilia e Señora Carmen a partir de diferentes relatos de Emilia Pardo Bazán; Paderne (A Coruña) co espectáculo de narración oral O medo é libre, de Ángeles Goás, e Vilagarcía de Arousa (Pontevedra) coas montaxes A historia de Brancaflor, a cargo de Fran Rei, e O último que apague a luz, de A Vela Circo.

As actuacións continuarán ata o 31 de agosto, cun intenso calendario de actividades, das que 102 actuacións se celebrarán en 32 concellos da provincia da Coruña: A Pobra do Caramiñal, Abegondo, Ames, Arzúa, Betanzos, Boiro, Cabanas, Carral, Cee, Corcubión, Dozón, Dumbría, Fene, Fisterra, Melide, Miño, Muxía, Narón, Neda, Negreira, O Pino, Ordes, Oroso, Paderne, Padrón, Pontedeume, Rianxo, Ribeira, Rois, Santa Comba, Sobrado e Teo.

No caso de Lugo, son 68 funcións as programadas en 17 municipios (A Fonsagrada, Barreiros, Begonte, Castroverde, Chantada, Friol, Guitiriz, Mondoñedo, Monforte de Lemos, Monterroso, Palas de Rei, Pantón, Portomarín, Quiroga, Ribadeo, Ribas de Sil e Sarria), mentres que outras 57 terán noutros 17 municipios ourensáns (A Mezquita, A Rúa, Allariz, Amoeiro, Baños de Molgas, Monterrei, O Barco de Valdeorras, San Cibrao das Viñas, San Cristovo de Cea, Sandiás, Taboadela, Verín, Vilamartín de Valdeorras, Vilar de Barrio, Vilariño de Conso, Xinzo de Limia e Xunqueira de Ambía).

A carteleira complétase coas 82 representacións escénicas e concertos que terán lugar ata finais de agosto en 22 concellos pontevedreses: A Guarda, A Illa de Arousa, Baiona, Caldas de Reis, Cambados, Catoira, Lalín, Meaño, Mos, O Grove, O Porriño, O Rosal, Pontecesures, Portas, Ribadumia, Rodeiro, Silleda, Soutomaior, Tui, Vilaboa, Vilagarcía de Arousa e Vilanova de Arousa.

Clasificación por modalidades

Ademais, das 310 actuacións programadas, 114 corresponden a representacións de teatro e danza con compañías como A Cova das Letras, A Familia Bocaprier, Bandullo Azul, Fran Sieira Compañía de Danza, MeRe Clown, Migallas Teatro ou Nelson Quintero.

Pola súa banda, os espectáculos de maxia suman 36 funcións de nomes tan coñecidos en Galicia como o Mago Teto ou Mago Antón, mentres que o circo contemporáneo conta con 73 citas a cargo de formacións como AsSircópatas, Circo Chosco, Peter Punk Pallaso, Pistacatro ou SU.MA.

Como en anos anteriores, a música ten tamén unha presenza destacada nesta programación, á que lle achega 87 concertos de moi diferentes estilos, como os que ofrecerán A Banda do Verán, Emilio Rúa, Mekánica Rolling Band, Odaiko ou Pakolas.

R., 2025-06-10

Actualidad

Foto del resto de noticias (museo_do_pobo_galego_2.jpg) Foi inaugurada no Museo do Pobo Galego a exposición 'Transfronteiriza', da artista e cineasta tudense Diana Gonçalves, que permanecerá aberta ao público ata o 28 de marzo de 2027. A mostra parte do documental 'Mulleres da Raia', da mesma autora, e froito de tres anos de investigación. A través da linguaxe cinematográfica, de materiais documentais, arquivos históricos e elementos patrimoniais, a proposta constrúe unha experiencia arredor da memoria compartida entre Galicia e o norte de Portugal. En concreto, Transfronteiriza recupera a memoria das mulleres que viviron na fronteira entre ambos territorios a mediados do século XX, que desempeñaron un papel fundamental no comercio transfronteirizo e na supervivencia económica das familias.
Foto de la tercera plana (cdc-00.jpg) Trátase dunha iniciativa que nace como evolución de Circo Presente Continuo e que se vai desenvolver por primeira vez fóra de Madrid. A Cidade da Cultura, o Teatro Principal e o Salón Teatro serán as súas sedes na capital galega, reunindo artistas, compañías, profesionais da programación, distribuidoras e institucións para compartir proxectos e favorecer novas oportunidades de colaboración e contratación. O programa inclúe oito espectáculos, seis mostras breves e catro traballos en proceso. Entre as propostas figuran Naufragio, de Labsurda; Serena, de Circ Bover; Matrimonio, de Kolektivo Konika; Siku, de Jessica Arpin; e Sen patrón, de Pistacatro, que ofreceu un adianto artístico durante a presentación.

Notas

O concerto de Sofía Ros na Casa do Saber do Campus de Lugo este luns, 26 de outubro, ás 20.15 horas, abre unha nova semana ateigada de citas culturais na USC. Música, diversos faladoiros, así como proxeccións audiovisuais integrarán os vindeiros eventos do Outono Cultural. Ese mesmo 26 de outubr,o no Pazo de Montenegro, a partir das 17.30 horas, desenvolverase o primeiro dos encontros 'Memoria democrática'. María Valcárcel, profesora da USC e periodista cultural, é a persoa coidadora deste proxecto. O acceso require inscrición previa.
A música folk será neste 2026 a gran protagonista do ciclo Música para reCREAr, que a Vicerreitoría do campus promove coa colaboración do Concello de Pontevedra, ao abeiro dun convenio de colaboración. Esta programación botará a andar este xoves 29 de outubro, ás 20.30 horas, no Pazo da Cultura, cunha actuación do grupo Caldo, mentres que o 12 de novembro, á mesma hora, poderá coñecerse o proxecto musical do dúo Abril.
PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
HOMENAXES EGERIA
PUBLICACIONES