
O festival Meirasland incorpora este ano a música electrónica á oferta dos Concertos do Xacobeo promovidos pola Xunta. A delegada territorial de Ferrol, Martina Aneiros, participou esta mañá na presentación da segunda edición desta cita que terá lugar o próximo 9 de agosto no campo da festa do Porto, en Meirás, co apoio do Goberno galego.
Aneiros incidiu que os Concertos do Xacobeo aportarán este ano unha oferta musical de primeiro nivel con este festival de Ferrolterra que, mantendo a esencial local da primeira edición, suma nesta ocasión artistas de fóra. Así, entre os primeiros nomes confirmados do evento destacan Alvama Ice, un dos referentes urbanos do momento e o DJ compostelán Kike Varela.
Na súa intervención, destacou o auxe que está a experimentar o turismo de festivais en Galicia, impulsando a chegada de turistas á comunidade motivados por gozar da ampla e completa axenda de concertos e festivais musicais que a Xunta programa directamente ou apoia, como é o caso deste Meirasland, en diversos puntos da xeografía galega. Meirasland contribúe a ese obxectivo: atraer xente nova, ofrecer experiencias innovadoras e demostrar que en Galicia tamén se poden facer cousas diferentes, vangardistas e de calidade, recalcou.
Ademais da vertente musical, a oferta do festival incluirá foodtrucks, zonas de descanso e actividades paralelas para todos os públicos.
Foi inaugurada no Museo do Pobo Galego a exposición 'Transfronteiriza', da artista e cineasta tudense Diana Gonçalves, que permanecerá aberta ao público ata o 28 de marzo de 2027. A mostra parte do documental 'Mulleres da Raia', da mesma autora, e froito de tres anos de investigación. A través da linguaxe cinematográfica, de materiais documentais, arquivos históricos e elementos patrimoniais, a proposta constrúe unha experiencia arredor da memoria compartida entre Galicia e o norte de Portugal. En concreto, Transfronteiriza recupera a memoria das mulleres que viviron na fronteira entre ambos territorios a mediados do século XX, que desempeñaron un papel fundamental no comercio transfronteirizo e na supervivencia económica das familias.
Trátase dunha iniciativa que nace como evolución de Circo Presente Continuo e que se vai desenvolver por primeira vez fóra de Madrid. A Cidade da Cultura, o Teatro Principal e o Salón Teatro serán as súas sedes na capital galega, reunindo artistas, compañías, profesionais da programación, distribuidoras e institucións para compartir proxectos e favorecer novas oportunidades de colaboración e contratación. O programa inclúe oito espectáculos, seis mostras breves e catro traballos en proceso. Entre as propostas figuran Naufragio, de Labsurda; Serena, de Circ Bover; Matrimonio, de Kolektivo Konika; Siku, de Jessica Arpin; e Sen patrón, de Pistacatro, que ofreceu un adianto artístico durante a presentación.