Noticias

A Xunta convoca os sectores económicos máis afectados polos aranceis de EEUU

A conselleira de Economía e Industria, María Jesús Lorenzana, convocou hoxe os principais sectores da economía galega máis expostos ao comercio con EE.UU a unha reunión que se celebrará a vindeira semana para abordar a situación derivada da política arancelaria anunciada polo país norteamericano. Nunha carta enviada hoxe aos responsables dos clústeres e asociacións sectoriais, Lorenzana emprázaos á reunión que terá lugar o vindeiro luns, 14 de abril, logo de que se celebre o Consello Interterritorial de Internacionalización, convocado por parte ministro de Economía, Comercio e Empresa, Carlos Cuerpo, este xoves coas comunidades autónomas para coordinar a resposta das diferentes administracións.

O obxectivo da xuntanza, á que asistirán, tamén, o conselleiro de Facenda e Administración Pública, Miguel Corgos, e os titulares de Medio Rural, María José Gómez, e de Mar, Alfonso Villares, é informar dos mecanismos que van poñer en marcha o Goberno central e a Xunta de Galicia en resposta ás inquedanzas específicas dos sectores nos cales o impacto arancelario poida ser maior, e trasladando unha posición coordinada a nivel nacional e europeo como bloque comercial.

Ao encontro do luns, que será na sede do Consello Económico e Social (CES), están citados, entre outros, a Confederación de Empresarios Galicia (CEG), os Consellos Reguladores, o Clúster de Empresas de Automoción (Ceaga), o Clúster do Naval (Aclunaga), Anfaco, Asime, o Clúster Alimentario de Galicia (Clusaga) e o Clúster Téxtil.

R., 2025-04-08

Actualidad

Foto del resto de noticias (museo_do_pobo_galego_2.jpg) Foi inaugurada no Museo do Pobo Galego a exposición 'Transfronteiriza', da artista e cineasta tudense Diana Gonçalves, que permanecerá aberta ao público ata o 28 de marzo de 2027. A mostra parte do documental 'Mulleres da Raia', da mesma autora, e froito de tres anos de investigación. A través da linguaxe cinematográfica, de materiais documentais, arquivos históricos e elementos patrimoniais, a proposta constrúe unha experiencia arredor da memoria compartida entre Galicia e o norte de Portugal. En concreto, Transfronteiriza recupera a memoria das mulleres que viviron na fronteira entre ambos territorios a mediados do século XX, que desempeñaron un papel fundamental no comercio transfronteirizo e na supervivencia económica das familias.
Foto de la tercera plana (cdc-00.jpg) Trátase dunha iniciativa que nace como evolución de Circo Presente Continuo e que se vai desenvolver por primeira vez fóra de Madrid. A Cidade da Cultura, o Teatro Principal e o Salón Teatro serán as súas sedes na capital galega, reunindo artistas, compañías, profesionais da programación, distribuidoras e institucións para compartir proxectos e favorecer novas oportunidades de colaboración e contratación. O programa inclúe oito espectáculos, seis mostras breves e catro traballos en proceso. Entre as propostas figuran Naufragio, de Labsurda; Serena, de Circ Bover; Matrimonio, de Kolektivo Konika; Siku, de Jessica Arpin; e Sen patrón, de Pistacatro, que ofreceu un adianto artístico durante a presentación.

Notas

O concerto de Sofía Ros na Casa do Saber do Campus de Lugo este luns, 26 de outubro, ás 20.15 horas, abre unha nova semana ateigada de citas culturais na USC. Música, diversos faladoiros, así como proxeccións audiovisuais integrarán os vindeiros eventos do Outono Cultural. Ese mesmo 26 de outubr,o no Pazo de Montenegro, a partir das 17.30 horas, desenvolverase o primeiro dos encontros 'Memoria democrática'. María Valcárcel, profesora da USC e periodista cultural, é a persoa coidadora deste proxecto. O acceso require inscrición previa.
A música folk será neste 2026 a gran protagonista do ciclo Música para reCREAr, que a Vicerreitoría do campus promove coa colaboración do Concello de Pontevedra, ao abeiro dun convenio de colaboración. Esta programación botará a andar este xoves 29 de outubro, ás 20.30 horas, no Pazo da Cultura, cunha actuación do grupo Caldo, mentres que o 12 de novembro, á mesma hora, poderá coñecerse o proxecto musical do dúo Abril.
PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
HOMENAXES EGERIA
PUBLICACIONES