
O responsable autonómico, que ostenta a presidencia do grupo de traballo Marítimo e de Pesca da organización, aproveitou o evento para manter contactos informais con algúns do representantes das máis de 150 rexións que reúne esta entidade pertencentes a 24 estados onde residen 200 millóns de persoas. Alí, amosou o interese da Xunta por impulsar neste foro proxectos de colaboración que permitan afondar nos principais desafíos do sector pesqueiro como son a economía azul, a descarbonización da frota, a formación ou o reforzo da investigación mariña, imprescindible para artellar as mellores respostas ante o efecto do cambio climático nos océanos.
O titular de Mar defendeu que as rexións deben ter un maior protagonismo no deseño e desenvolvemento de políticas pesqueiras e marítimas dado o seu coñecemento do territorio e das necesidades das comunidades costeiras. Nesta liña, sinalou que son os gobernos rexionais os que poden ofrecer unha mellor xestión dos fondos europeos a proxectos adaptados ás circunstancias e particularidades de cada zona garantindo o maior impacto destes recursos nas economías e calidade de vida da cidadanía.
Alfonso Villares, acompañado pola directora do Centro Tecnolóxico do Mar (Cetmar), Rosa Chapela, constatou que a comunidade é un referente europeo, non só no ámbito da actividade pesqueira, senón que tamén no desenvolvemento de iniciativas vencelladas á investigación e innovación con centros punteiros como o Instituto Tecnolóxico para Control do Medio Mariño (Intecmar), o Centro de Investigacións Mariñas (CIMA) ou o propio Cetmar. Así, amosou o compromiso do Goberno galego de traballar nos vindeiros meses no estudo e deseño de iniciativas no ámbito da cooperación a nivel comunitario para sumar esforzos ante os desafíos presentes e futuros da actividade pesqueira que permitan seguir camiñando cara a sustentabilidade medioambiental e económica.
O conselleiro puxo en valor que as actividades vinculadas ao mar son esenciais para o desenvolvemento das poboacións costeiras e resaltou que este novo mandato comunitario debe marcar un punto de inflexión da man do novo comisario de Pesca e Océanos, Costas Kadis. Unha liña de traballo que tamén abordou noutro encontro coa delegación da Bretaña francesa, rexión coa que a Administración autonómica leva traballando no último ano e que realizarán unha visita a Galicia o vindeiro mes de marzo.
O avance do último informe climatolóxico elaborado por MeteoGalicia indica que a Comunidade rexistrou un mes de outubro cálido e moi seco. Foi un período anómalo, xa que as altas presións foron moito máis frecuentes do que cabería agardar nesta época. De feito, só chegaron tres frontes desde o Atlántico que, ademais, tiveron pouca actividade. Neste contexto, as temperaturas estiveron por riba dos valores climatolóxicos e as precipitacións acumuladas foron moi inferiores ao que cabería agardar. Máis polo miúdo, a media das temperaturas foi superior ao habitual neste mes, sobre todo no caso das máximas, debido ao predominio de situacións anticiclónicas que achegaban aire cálido desde o sur. De feito, destacan os altos rexistros acadados entre os días 9 e 15.
A Xunta de Galicia puxo en marcha a campaña de inmunización fronte á gripe e a COVID, que este ano incorpora como principais novidades a extensión da vacina antigripal de alta carga ás persoas de 65 a 69 anos e a ampliación do proxecto piloto de vacinación nos colexios a 75 centros educativos. O inicio oficial tivo lugar nun acto nas residencias de maiores e centros de discapacidade, o colectivo polo que arranca tradicionalmente a campaña debido á vulnerabilidade deste grupo fronte ás infeccións respiratorias.